Ir al contenido principal

30 Domingo TO B 2015

APRENDAMOS A VER A TRAVÉS DOS OLLOS DE MISERICORDIA A REALIDADE QUE CONSTRUÍMOS, IMPERFECTA E NECESITADA DAS MANS E DOS CORAZÓNS DE CANTOS A CONFORMAMOS

Descarga o ficheiro

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS

  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar
  • LECTURAS: Contade as marabillas do Señor
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Oh, Señor, escólleme

OLLOS ABERTOS

Constantemente escoitamos -mesmo tamén dicimos- que o mundo é imperfecto, que hai cousas que non nos gustan, que cada día uns teñen máis -moito máis- e a gran maioría menos ou nada. A pesares desta nosa queixa, pouco ou nada facemos para cambiar as cousas. Non estamos a falar de que vaiamos polos parlamentos , xuntas de goberno ou consellos de administración onde se decide; senón de que, alí onde esteamos, no achegado e pequeno da nosa vida, tamén estamos chamados a facer as cousas doutro xeito. Cambiar a forma de tratarnos, de relacionarnos uns cos outros, de axudarnos, e tamén de dicirnos as cousas que non facemos ben e debemos cambiar. E isto podemos facelo nas nosas casas, no traballo, cos amigos e na Igrexa. Si, tamén nas cousas que vemos que deberiamos cambiar na nosa pastoral parroquial temos voz para manifestalo. Porque de nada nos vale queixarnos unha e outra vez: do cura, das celebracións, da pouca formación, da... se logo non facemos nada para que as cousas cambien.

A realidade é imperfecta, como o somos nós, pero coa colaboración de tod@s, e non deixándonos levar da crítica mordaz e pouco construtiva, si que podemos ila cambiando, unindo, traballando xunt@s ou dando a nosa opinión cando nola pidan.

Esta é a motivación que nos propón a celebración que agora comezamos,para que saiamos de aquí cheos de gozo e convencidos de que, se poñemos algo de nós, as cousas que non nos gustan poden ir cambiando.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque imos abrindo fendas de crítica para cos demais, sen recoñecer os nosos erros, SEÑOR,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
  • Porque seguimos sendo moito de ritos e pouco de conviccións, CRISTO,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.
  • Porque nos urxe o accidental e despreocúpanos o importante, SEÑOR,QUE SUPEREMOS AS NOSAS CEGUEIRAS.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

Moitas veces sentimos a sensación de baleiro, tristeza, desacougo ou incomprensión. Como se nada nin ninguén puidera valernos e axudarnos a aquecer o corazón, que experimentamos como frío e sen gana de nada. Nesta experiencia, que seguro todos temos pasado, hai Alguén, ao que non sempre somos capaces de percibir, que está... inda que non o vexamos. E o seu estar non é para pasarnos a conta do moito que ten feito por nós, nin para que lle agradezamos que sempre teña sacado a cara na nosa defensa, ou para calquera outra cousa que puidera refregarnos nas nenfes. Non, a súa é unha presenza silenciosa na que nos invita a mirar cara dentro para sacar o mellor de nós –que o temos, inda que pensemos o contrario-. Ese Alguén é Deus. E cando dicimos Deus imos ás imaxes que del nos van ofrecendo os textos da biblia, nos que se nos mostra como o que está, acompaña, alenta, anima, reforza...e o que é máis importante: o que nos quere e consola. Cantas veces non o temos botado en falta pola nosa cegueira ou xordeira de corazón! A imaxe dese Deus a quen rezamos, a quen queremos e en quen confiamos é a de quen sempre camiña, sen parar, e coa man tendida para dicirnos: segue, paga a pena, non estás solo. O Deus ao que tantas veces se refire o papa Francisco cando nos di que é o que pon ás persoas por riba das cousas ou das ideas; dos proxectos ou dos grandes logros. O Deus sensible que acompaña o noso silencio e non busca manipularnos, senón querernos desde a súa misericordia chea de tenrura.
A súa tenrura connosco é o que o fai verdadeiramente grande, como ben tiña descuberto o pobo de Israel, e por iso rezaban o salmo recoñecendo esa cercanía e a ledicia que lles achegaba. Podemos nós dicir o mesmo? Recoñecemos a súa grandeza na presenza, día a día, ao noso lado? Sentimos a ledicia –xa nolo lembraba Francisco na “Evangelii gaudium”- sementando o que facemos, o por que o facemos e o como o facemos de esperanza?

Dámonos conta do que significa poñer nos nosos beizos expresións tales como: agarímanos coa túa tenrura, aloumíñanos na túa misericordia ou renova en nós a esperanza? Si, temos que ir facéndonos preguntas para poder descubrir e coñecer o verdadeiro rostro de Deus, non o que moitas veces voces “autorizadas”, convertidas en interesadas, nos teñen presentado. E convencernos dunha vez que é amor, agarimo, confianza, liberdade; e non medo, castigo nin condena. Se somos capaces de facer este camiño de maneira persoal e sentindo a forza e o alento da comunidade, acabaremos entendendo por que Deus se converte no Alguén importante na nosa vida. Aquí reside a súa grandeza, polo que, como facía o pobo de Israel, tamén nós podemos dicir e sentir: Que o Señor estivo grande connosco e estamos alegres.
Nesta alegría imos poñendo, chanzo a chanzo, a nosa esperanza, desde a que entender que celebrar, compartir, estar pendentes e preocupados por canto lle pasa aos que tpemos máis preto e, sen esquecer aos que son esquecidos e descartados, lonxe convértese nunha consecuencia de seguir a Xesús para dar e construír vida alí onde esteamos. E a vida non se fai poñendo atrancos, dificultades, normas e leis, senón testemuño, exemplaridade, entrega, xenerosidade e capacidade de acollida. Unha acollida onde nunca somos moitos, e sempre cabemos máis. Sen ter medo, porque como El ten dito outras veces: “fun forasteiro e non me acollestes”. Neste verdadeiro mestre que non busca nada máis ca nosa felicidade poñemos nós a confianza e, como aquel cego do evanxeo, tamén hoxe lle dicimos: Mestre, que poida ver.

FRATERNIDADE ORANTE

Nesta momento no que somos invitados a abrir o corazón á misericordia de quen acolle e á solidariedade de quen axuda, dicimos xunt@s:
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Para que a Igrexa saiba ter o corazón sensible e aberto para acoller e perdoar a quen se ten equivocado, afastado ou esquecido de que Ti es amor e acougo, OREMOS.
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Para que cantos conformamos as parroquias e comunidades coas que compartimos a fe, sexamos guieiros de tolerancia, perdón, escoita e colaboración, e non muro infranqueable de indiferenza, OREMOS.
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Para que saibamos poñer algo do noso tempo ao dispor de quen está só, enfermo, triste, illado ou derrotado polo fracaso das súas ilusións e proxectos, OREMOS.
QUE OS NOSOS OLLOS SEXAN FAROS PARA VER A TÚA MISERICORDIA
Señor, acompaña a nosa oración comunitaria, para que sintamos sempre preto a forza da túa presenza, sempre misericordiosa. PXNS.

OÍDOS ATENTOS

A ledicia do Evanxeo enche o corazón e a vida enteira dos que se encontran con Xesús. Os que se deixan salvar por El son liberados do pecado, da tristeza, do baleiro interior, do illamento. Con Xesucristo sempre nace e renace a alegría... Quero dirixirme aos fieis cristiáns para invitalos a unha nova etapa evanxelizadora marcada por esa alegría, e indicar camiños para a marcha da Igrexa nos próximos anos.

O gran risco do mundo actual, coa súa múltiple y abrumadora oferta de consumo, é unha tristeza individualista que brota do corazón cómodo e avaro, da busca enfermiza de praceres superficiais, da conciencia illada. Cando a vida interior se clausura nos propios intereses, xa non hai espazo para os demais, xa non entran os pobres, xa non se escoita a voz de Deus, xa non se goza a doce alegría do seu amor, xa non palpita o entusiasmo por facer o ben. Os crentes tamén corren ese risco, certo e permanente. Moitos caen nel e convértense en seres resentidos, queixosos, sen vida. Esa non é a opción dunha vida digna e plena, ese non é o desexo de Deus para nós, esa non é a vida no Espírito que brota do corazón de Cristo resucitado. (E.G. 1-2).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...