Ir al contenido principal

5 Pascua C 2016

Porque o amor é unha experiencia de Ledicia, a Pascua é tempo de gozo esperanzado

CANTO GOZOSO

ENTRADA: O amor é o meirande (Nº 119)
ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
LECTURAS: Douvos un mandato novo (Nº 18)
OFERTORIO: Ti es o pan do ceo (Nº 54)
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)

ESCOITA ACTIVA

Amor e ledicia son dúas palabras que o papa Francisco pon en relación coa familia no último documento que vén de publicar, a exhortación postsinodal "A ledicia do amor". Moitos dirán: si, xa se sabe: o amor é moi bonito ata que chegan os problemas, as dificultades, as rupturas... E iso non o negamos: o amor, como proxecto e tarefa, pasa por diferentes momentos e non poucas dificultades, o que non significa que haxa que dubidar del ou mostrarnos escépticos á hora de vivilo. Pero, sen negar o anterior, tamén sabemos que o amor é encontro, tarefa compartida, amizade, proxectos e ilusións que se van desenvolvendo na complementariedade, e iso non pode ser outra cousa máis que motivo de ledicia. Porque nel atopámonos as persoas, desde el camiñamos xuntos, con el establecemos relacións de xenerosidade e doazón, e a través del imos dándolle visibilidade e concreción á invitación que nos fai Xesús de amarnos uns aos outros.
Neste quinto domingo de pascua, a celebración quere invitarnos a dar grazas pola ledicia de vivir o amor coas persoas que temos ao redor: pais/nais, fillos/fillas, avós/avoas, parella e amigos; dar grazas porque non estamos sos; dar grazas porque falar de Deus supón sempre descubrilo desde o amor vivido e entregado ao servizo dos demais.
Celebrémolo con ledicia e desde a esperanza desta pascua que nos segue a invitar a seguir as pegadas de Deus. 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

(Aspersión)
Porque non sempre é o amor o que guía as nosas relacións con quen temos ao lado, SEÑOR, QUE NON VIVAMOS NO DESAMOR.
Porque esquecemos que o amor esixe camiñar na xenerosidade, no perdón e na escoita; CRISTO, QUE NON VIVAMOS NO DESAMOR.
Porque moitas veces chamámoslle amor ao que só busca o noso propio interese e comodidade; SEÑOR, QUE NON VIVAMOS NO DESAMOR

OLLOS ABERTOS E PÉS porNO CHAN

PERSEVERAR: Esta é a palabra que nos pode  axudar a entender a primeira lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos que temos lido hoxe. Aqueles cristiáns da primeira hora eran perseverantes un e outro día. Perseguíanos, metíanos no cárcere, facían riso deles, acusábamos en público e privado, ante as autoridades civís e relixiosas ... pero eles non se viñan abaixo. Eran perseverantes. Pero non actuaban así para que os visen, para que falaran ben deles ou para presentarse como vítimas ante a sociedade, senón porque  entenderan perfectamente o que lles fora repetindo Xesús e os que andaban con El: sede testemuñas. Vivide segundo credes e pensades. E iso é o que fan sen cansar nin deixarse levar polas críticas e comentarios dos que dicían que estaban tolos. Un ánimo que os ía levando a diferentes pobos  para falar e dar a coñecer quen era Xesús e a súa mensaxe. A forza para todo iso atopábana na oración que compartían e na capacidade de mirar máis alá deles mesmos. Por iso eles eran capaces de entender que o amor non podía ser outra cousa máis que ledicia: ledicia de corazón, ledicia transformadora, ledicia de encontro e agradecemento. Grazas á súa entrega e xenerosidade, hoxe nós estamos aquí para celebrar e compartir ese mesma ledicia no Deus de Xesús. O Deus que nos quere e nos invita, como cantamos tantas veces, a ser sementadores de vida e paz. E nesta tarefa -non o esquezamos endexamais-, non estamos solos, como tampouco o estiveron os primeiros discípulos que, vencendo medos e dúbidas, testemuñaron con alegría o recibido de Xesús.
Un testemuño que os reconfortaba cando as cousas se torcían... e torcíanse moitas veces. Mais a eles non os movía o pragmatismo nin o para que serve nin canto vou gañar con isto –a razón instrumental na que tantas veces nos movemos nós – senón a confianza e o convencemento de que desde Xesús as bágoas serán menos, o loito nunca será permanente e a dor pode ser superada. Nesta esperanza foron crecendo ao longo dos séculos moitas mulleres e homes cuxo testemuño ten servido para contrarrestar o dos que utilizaron o nome de Deus para impoñer, mandar, someter, dominar ou invisibilizar aos máis pequenos e débiles. E inda que cando falamos da Igrexa parece que só asoma e mostra o negativo: poder, corrupción, delitos, cartos, pederastia, sometemento... non podemos esquecer que a noticia non é o habitual, o que se fai ben cada día, senón o estraño e raro. E que xunto co anterior -que é verdade que se dá dentro da Igrexa- hai moita máis vida -que non sae nos medios de comunicación-, que tamén é Igrexa: os pais/nais que dedican tempo, cariño e paciencia a coidar dos seus fillos e a mostrarlles a alegría da fe vivida en familia, os homes e mulleres que poñen o seu tempo e o seu mellor facer ao servizo dos máis excluídos e esquecidos, para levarlles calor de acollida, respecto e trato igualitario, á vez que fan da solidariedade comuñón de axuda e colaboración. Desde esta experiencia de gratuidade, nós agradecemos o seu testemuño e sentímonos alentados a poñer as nosas pegadas neste mesmo camiño.
E así, desde este xeito de ver o amor como xenerosidade, somos invitados –chamados-, a facer do amor non palabra que perde sentido por tanto repetila, senón experiencia do noso día a día nas relacións que cuns e outros imos tendo: casa, traballo, amigos, parroquia... Esta é a ledicia desde a que Xesús nos invita a vivir o amor. Unha ledicia que se comparte e transmite en resposta a ese mandato -que non carga-, que nos dá. Continuemos esforzándonos, tod@s, por poñelo en práctica.

RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS

(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque o amor de Deus quere enchoupar os nosos corazóns, e nós non deixamos que se converta en algo efémero, senón que nos esforzamos por darlle permanencia e continuidade na nosa vida, dicimos: 
QUE SINTAMOS A LEDICIA DE AMAR E SER AMADOS
ˣ Para que a Igrexa faga do seu actuar esixencia de amor e ledicia, sabendo estar sempre no lado dos perdedores que necesitan tempo, acompañamento, escoita e entrega xenerosa; e venza a tentación de poñerse do lado dos que gañan e impoñen condicións sometendo, mandando e invisibilizando o que non lles gusta, OREMOS
QUE SINTAMOS A LEDICIA DE AMAR E SER AMADOS
ˣ Para que nas nosas comunidades non teñamos medo a vivir o amor con alegría e xenerosidade, sabendo estar preto dos menos favorecidos, dos que nunca ninguén fala ben deles, dos que se senten débiles e necesitan axuda, OREMOS.
QUE SINTAMOS A LEDICIA DE AMAR E SER AMADOS
ˣ Por nós, para que non fagamos nunca do amor unha carga, nin para nós nin para os demais, e saibamos vivilo desde a igualdade, o diálogo e a capacidade de pensar que do mesmo xeito que eu necesito dos demais, tamén os demais necesitan de min, OREMOS.
QUE SINTAMOS A LEDICIA DE AMAR E SER AMADOS
Agradecidos por facernos ver que o amor ha ser o motor da nosa vida, xa que nel imos descubrindo a túa presenza e facendo visible a túa mensaxe no actuar cos demais e para os demais, queremos comprometernos a esforzarnos por vivilo con alegría e desde a esperanza á que nos chamas en Cristo Resucitado, El que vive e reina por sempre eternamente. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

O amor do que fala Xoán non é o amor das telenovelas! Non. É outra cousa. O amor cristián ten sempre unha calidade: a concreción. O amor cristián é concreto. O mesmo Xesús, cando fala do amor, fálanos de cousas concretas: dar de comer aos famentos, visitar aos enfermos e tantas cousas concretas. O amor é concreto. A concreción cristiá. E cando non existe esta concreción, pódese vivir un cristianismo de ilusións, porque non se comprende ben onde está o centro da mensaxe de Xesús. Porque este amor non chega a ser concreto: é un amor de ilusións, como estas ilusións que tiñan os discípulos cando, vendo a Xesús, crían que era unha pantasma […]
O primeiro criterio: amar coas obras, non coas palabras. Ás palabras lévaas o vento! Hoxe estou, mañá non estou. O segundo criterio de concreción é que no amor é máis importante dar que recibir. Quen ama dá: dá cousas, dá vida, dáse a si mesmo a Deus e aos demais. Porén quen non ama, quen é egoísta, sempre trata de recibir, sempre trata de ter cousas, ter vantaxes. Permanecer co corazón aberto, non como era o dos discípulos, que estaba pechado, que non entendían nada: permanecer en Deus e Deus permanece en nós; permanecer no amor”.
                                                            (Francisco, homilía do 9-1-2104)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...