Ir al contenido principal

6 Pascua 2016 C

MARÍA, ROSTRO FEMININO NO QUE DEUS DEIXA A SÚA PEGADA DE MISERICORDIA

Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Coa nosa naiciña do ceo (Nº 69)
  • ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
  • LECTURAS: Camiñar sen Xesús sen amor (Nº 68)
  • OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe é o sexto domingo de pascua, o domingo no que celebramos a Pascua do Enfermo. O lema deste Ano da Misericordia ten como referencia a María, muller de presenza e palabra. Presenza porque ela adoita estar nos momentos decisivos da vida do seu Fillo e dos apóstolos, e palabra porque dos seus beizos saen sempre palabras que invitan a escoitar; palabras que alentan; palabras que consolan; palabras que chaman a acompañar. Desde ela, a confianza e o acompañamento fanse rostro de muller na que Deus pon a súa confianza. Por iso dicimos que «María é rostro de confianza e de acompañamento”. Ela sabe estar cando é necesario. Nas ledicias e tamén na dor, na tristura ou na enfermidade. Coma ela, tamén nós hoxe somos invitados a actuar desde a discreción, a confianza, o consolo, a compaña e a misericordia. Sempre cos ollos fixos en Xesús, saúde dos enfermos.
Que non teñamos medo a poñer un pouco do noso tempo ao servizo dos que sofren as consecuencias da enfermidade e da dor, dando testemuño da nosa fe e confianza, co corazón cheo da misericordia do Pai.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Aspersión)
·       Polas veces nas que os enfermos non son para nós rostros da presenza de Deus; SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
·       Polas veces nas que os nosos enredos fannos esquecer que o tempo compartido cos enfermos é tempo de verdadeira oración; CRISTO, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
·       Polas veces nas que esquecemos que só aprendendo a poñernos no lugar do outro que sofre, aprenderemos a comprender que a enfermidade fainos dependentes e necesitados de que nos escoiten e axuden; SEÑOR, ENCHÓUPANOS DE MISERICORDIA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·       "Poño ante ti bendición e maldición". Deus, a través das palabras de Moisés, pon diante nosa a posibilidade de elixir. Faino porque somos libres e responsables, o que supón que, do mesmo xeito que temos capacidade de elixir, debemos tela tamén de asumir as consecuencias da nosa elección. As cousas non xorden ao chou: son froito da decisión dalguén que as elixe e decide. Non hai destino escrito de antemán –por moito que o digamos unha e outra vez– somos nós, cando decidimos dun xeito ou doutro, os que facemos que esas decisións sexan dunha maneira ou de outra; ninguén a ten alí ou aquí, decidimos estar, facer, actuar... pero sempre nós. Se queremos ser libres, temos tamén que aprender a pensar nas consecuencias desa liberdade. No bo e no malo. Seriamos coma un neno pequeno e caprichoso se só collemos o bo para nós e lle adxudicamos o malo ao destino, á que tiña que ser, ao que estaba escrito, a ... andrómenas para non querer asumir a responsabilidade de que moitas veces as nosas eleccións son equivocadas, e que somos nós os que as buscamos. Crezamos e maduremos, non sexamos infantís nin caprichosos, para, cando non nos gusta o resultado dunha elección equivocada, botarlle a culpa aos demais. Escoitemos logo a voz do Señor, si, pero elixamos nós libremente.Porque El déixanos libres, porque El quéreo así; porque El nos quere.
·       María tamén escolleu: Usou a súa liberdade, e asumiu as consecuencias da súa decisión. Deus non chega a ela impoñéndolle o seu criterio. Pregúntalle e deixa que ela escolla. E cando ten respondido co seu "fágase en min a túa vontade", é cando a súa decisión se torna libre e madura, non antes. Deus entra na súa vida para ser desde ela pegada de misericordia a través de Xesús. Na liberdade coa que escolleu María, móstrase a imaxe dun Deus que quere ser tenrura, pero que non se impón, senón que respecta e espera a que escollamos. A ela deixouna escoller libremente, e ela escolleu a vida. A nós ofrécenos esa mesma liberdade: camiñar nos seus camiños, ou non escoitalo e seguir outras pegadas. A súa é vida, as outras... xa vemos canto desalento, tristura e desespero acaban traendo aos corazóns e ás vidas das persoas. Coma María, poñamos tamén nós a nosa confianza no Señor. A enfermidade é inseguridade e falta de firmeza; é dependencia e necesidade dos outros e do Outro. Esforcémonos por poñer Nel a nosa confianza para que acompañe o camiño que nos fai indefensos ,débiles e necesitados da esperanza do que nos dá a seguridade que nos leva a dicirlle: «Señor, en ti confío».
·       O evanxeo de hoxe é unha chamada a descubrir que a nosa vida, por moito que nos empeñemos, non podemos, se queremos ser felices, pechala unicamente sobre nós mesmos. Ao contrario, ten que irse abrindo aos demais, ao servizo, á solidariedade a poñer a súa realización na capacidade que temos de crecer tendendo as mans para facer do noso tempo dispoñibilidade que non nos pecha nas nosas dificultades, senón que nos abre a acompañar todo canto de ben poidamos ofrecer e facerlle aos demais. Esquecernos de nós para recuperar a presenza dos outros é tarefa na que María sempre se mostrou como muller libre que a levou a poñer os ollos non en canto lle apetecía, canto no que fai feliz aos que estaban ao seu redor e a necesitaban. Por iso saen dos seus beizos a indicación a aqueles serventes que estaban desesperados: «facede o que El vos diga». Esta tamén pode ser a nosa tarefa hoxe: seguindo as pegadas de Xesús, facer o que nos diga, que non é outra cousa máis que buscar ser felices esforzándonos por facer felices aos demais.
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)

Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
v Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
v Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
v Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
v Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
v Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
v Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
FRATERNIDADE ORANTE
Elevemos a nosa oración a Deus, Pai misericordioso, en quen poñemos a nosa confianza e no que nos sentimos renovados neste tempo de pascua, e digamos xunt@s:
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
  • Pola Igrexa, para que todas as persoas poidan experimentar nela a forza do corazón misericordioso do Pai; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·      Polos enfermos, especialmente polos da nosa familia e parroquia, para que, experimentando o misterio da cruz, sintan tamén a presenza achegada e maternal de María, rostro da misericordia de Deus; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·      Polas familias dos enfermos, os profesionais, os voluntarios, todos aqueles que os atenden e coidan, para que se convertan en rostros de confianza e acompañamento ao lado de quen sofre; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·      Pola nosa comunidade cristiá, para que teña sempre os ollos atentos e o corazón sensible ás necesidades de quen sofre, e se converta así en oasis da misericordia do Pai; OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·      No día do traballo, pedimos tamén traballo para todas as persoas: un traballo digno, cun salario xusto, que se poida desenvolver nas condicións axeitadas, que nos axuden a velo como camiño de realización da persoa e non coma unha pesada canga, OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
·      Polas nosas nais, e por todas as mulleres que, dun cabo ao outro do mundo, son portadoras e custodias da vida; para que non cansen nunha no seu esforzo por dar a luz a unha humanidade máis xusta e igualitaria, OREMOS.
CONFIAMOS EN TI, SEÑOR
Escoita, Pai, a nosa oración e danos un corazón compasivo coma o de María, para que nos mostremos sempre máis atentos ás necesidades dos nosos irmáns que sofren e nos comprometamos, sen medo, a acompañalos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
María, Divina Enfermeira, coida a miña corporeidade: na dor, soségame; na soidade, acompáñame; no medo, alenta a miña confianza. María de Caná, aleda os meus días. Na escuridade, ilumina a miña fe; na debilidade, impulsa o meu ánimo; na desesperación, sostén a miña esperanza e faime testemuña do amor de Deus. Nai da Misericordia, se a miña vida se apaga, intercede por min ante a teu Fillo, vencedor da morte, e cólleme nos teus brazos, Virxe da tenrura. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...