Ir al contenido principal

10 domingo TO C 2016



Por que pensamos que a vida é un labirinto que non ten saída, cando a verdadeira saída está na confianza que Deus nos ofrece?

Descarga o ficheiro


CANTO GOZOSO
*        ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
*        LECTURAS: Benaventurados (Nº 118)
*        OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
*        COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
ESCOITA ACTIVA
De ninguén máis que de nós vai depender en que bando queremos xogar este partido, o partido do sentido e da felicidade da vida. Xesús ofrécenos un medio, a fe que nos chega desde o evanxeo. Pero nós somos libres de acollelo ou non. El non impón, propón; El non obriga, ofrece. Só desde a nosa liberdade poderemos escoller, pero para iso debemos esforzarnos por coñecer.
Por que será que sempre temos oídos para escoitar o que din outros, e fáltanos tempo para coñecer, meditar, reflexionar e valorar o que El nos ofrece como camiño, verdade e vida?
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Por todas as nosas desconfianzas; SEÑOR, FAINOS MISERICORDIOSOS.
  • Polos noso medos e dúbidas; CRISTO, FAINOS MISERICORDIOSOS.
  • Pola nosa pouca capacidade para ser compasivos; SEÑOR, FAINOS MISERICORDIOSOS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*        Volve, unha vez máis, a palabra de Deus a invitarnos a reflexionar sobre o sentido, importancia e lugar que a confianza vai tendo na nosa vida. Desta volta, na lectura do libro dos Reis, achéganos un diálogo entre o profeta Elías e a muller da casa onde fora acollido. Ela, preocupada pola saúde do seu fillo; el invitándoa a facerlle un oco a Deus no corazón. E no que en principio parecen dous mundos irreconciliables, a través da comunicación entre os dous, vai aparecendo a importancia de abrir o corazón a Deus, a confiar nel, a non darse por vencidos diante das dificultades. Namentres as persoas, os proxectos, as expectativas... van fallando, Deus segue a estar ao noso lado, mostrándose como amor, compañeiro, amigo; ese Outro que nunca retira a súa presenza do noso lado, e que vai deixando sorrisos, palabras, axudas, escoitas de persoas ás que nós non lle somos indiferentes. Pero, como nos custa, moitas veces, entender esta presenza de Deus desde os demais! Por que nos empeñamos en mirar, coller ou tocar, cando o que verdadeiramente nos dá forza, alento e esperanza é saber, aprender e confiar? Porque a palabra de Deus non só está nun libro que lemos cada vez que participamos na celebración do domingo.Non. A palabra de Deus está no corazón, nas mans, nos ollos, na palabra de ánimo que aqueles cos que nos atopamos, e aos que non lles somos indiferentes, para os que somos alguén, van poñendo na nosa vida.
*        E esta palabra, Paulo volve a explicárllela aos cristiáns de Galacia, tal e como escoitamos na lectura de hoxe. Pero tenta facerlla chegar sen présa, con cariño, trillándolla para que a entendan ben. Por iso lles di que non é unha palabra calquera, unha palabra que envellece nin tampouco unha palabra que poida esquecerse. A palabra de Deus que el recibiu e agora lles transmite é palabra viva, alentadora, estimulante para a vida dos que queiran/mos acollela. Non só se aprende, hai que vivila, convertela en feitos, porque a través dela Deus vai enchoupando a nosa vida, o noso xeito de ser e facer as cousas. E Paulo vailles contrapondo como era a súa vida antes de que a palabra revelada en Xesús chegara a ela, e como é agora. O cambio non se produciu nel por coñecela e aprendela de memoria, senón por tela acollido na súa vida, facéndolle cambiar non só o xeito de ver o mundo, senón de actuar no medio del. E se antes era dos que denunciaba, perseguía, amedrentaba... aos que querían seguila; agora é dos que a anuncian, a viven a rezan e a proclaman. Todo un cambio naquel que foi capaz de pasar do medo e a imposición á confianza e a liberdade. Porque só desde elas a palabra de Deus pode impactar e axudarnos a cambiar e ver a vida desde outras claves distintas ao interese, a mentira, a corrupción, o engano ou a utilización das persoas para acadar os propios intereses. E cando algo tan extraordinario está a ocorrer, non se pode gardar no íntimo e privado de cada un, senón que é necesario dalo a coñecer. Por iso, do mesmo xeito que o fixo Paulo, tamén nós somos invitados a nor ter medo, a mostrarnos como o que somos: Fill@s de Deus e iguais en dignidade.

*        Da confianza da que nos falan tanto o libro dos Reis como Paulo, é do que trata o evanxeo de hoxe. Porque só quen de verdade se sabe persoa de confianza e sen medo é capaz de abrir o corazón e poñerse na man de Deus. Ante a situación de dor pola que está a pasar aquela muller viúva á que lle levaban a enterrar tamén ao seu fillo, Xesús non pasa de largo, senón que para e fálalle. Pero non lle fala de xeito altivo, como se El fose o que tiña a solución, senón de maneira compasiva, que non supón facer menos aos demais, senón sentir verdadeira paixón polo que lle está a ocorrer ao outro. E no seu falar, Xesús vai xerando confianza naquela muller: ela cala e escoita, e nesas dúas actitudes comeza a mostrarse a confianza. Porque a vida que dá Xesús é a que nos axuda a descubrir que a pesares das dificultades, fracasos, problemas... que nos van aparecendo, El segue a estar aí, ao noso lado. E namnetras todos se van ou perden a esperanza, e polo tanto xa nada nos poden ofrecer, El sempre ten un camiño que nos invita a andar e que ten un final que non é nin difuso nin frustrante, senón cheo de esperanza. Ofreceullo a aquela muller desconsolada, e ela acolleuno. Tamén nolo ofrece a nós, seremos capaces tamén de collelo?
FRATERNIDADE ORANTE
Como aquela nai que sentía a dor de perder ao seu fillo, e a soidade de non atopar consolo para a pena tan grande, tamén nós nos achegamos a Ti para sentir a forza da túa compaixón que nos leva a dicirche:
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA CONFIANZA
  • Para que a Igrexa non sexa intolerante nin madrastra, e traballe por levar a forza da misericordia, que nos aprende Xesús, a todo o seu labor no mundo; especialmente no seu trato ás familias que viven a dor da ruptura, o desencontro e o desamor, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA CONFIANZA
  • Para que nas nosas comunidades non fomentemos actitudes de crítica fácil e inmisericorde coas persoas que non pensan nin se comportan coma nós, e evitemos facer guettos que exclúen e critican inxustamente, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA CONFIANZA
  • Para que nós nos esforcemos cada día para poñerlle á palabra de Deus visibilidade activa, facendo do noso comportamento: cercanía a quen está afastad@, visita a quen se atopa enfermo, sorriso a quen viva na dor e a tristura e tempo a quen está só, OREMOS.
SEÑOR, EN TI POÑEMOS A NOSA CONFIANZA
Grazas, Señor, por non deixar que o noso corazón se endureza na indiferenza de quen ignora que ao seu redor hai persoas, irm@ns, que nos necesitan e piden a nosa axuda. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Que alegría
saber que me andas buscando sen parar,
precisamente cando meto a pata e falto,
cando fago o mal! Grazas.
Que alegría
saber que me levas para a casa cheo de satisfacción,
porque por fin me atopaches,
xa que eu son o motivo das túas ansias! Grazas.
Que alegría
saber que eu son a razón da túa alegría,
e o mesmo cada unha das persoas que estamos aquí,
e cada un dos que, pobriños e pobriñas, andan polo mundo
mancados no corpo ou na alma! Grazas!.
(Manolo Regal, Xesús aquel home de aldea, p. 88)
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...