Ir al contenido principal

11 Domingo TO C 2016


  Cando a desconfianza entra en nós para quedarse, a misericordia ten difícil agromar na mirada desde a que nos achegamos a comprender o mundo do que formamos parte
CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
*      LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)
*      OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
*      COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
Unha das actitudes que cada vez medra máis nas persoas é a da desconfianza. E nunca tanto coma hoxe se esquecen as palabras dadas, os compromisos feitos, os acordos acadados... porque non acabamos de confiar en que quen os asina os garde, os cumpra os defenda. Que mágoa, pouco a pouco a desconfianza vai entrando no noso xeito de ver a vida, entender o mundo e tratarnos uns aos outros, acabando por vivir nun auténtico estado de provisionalidade e medo ante todo. A dúbida entra en canto facemos e nas nosas relacións cos demais, o que nos fai inseguros, intolerantes e indiferentes a canto non resulte beneficioso nin rendible para os nosos intereses.
Diante desta maneira de desenvolvernos, Xesús apórtanos outra perspectiva totalmente distinta: a perspectiva de quen valora ás persoas por selo e non polo que teñen ou o poder que atesouran. El achégase invitando a superar a indiferenza, a crecer na misericordia, a descubrir a forza e xenerosidade que produce o esforzarse por ser misericordiosos. Quen non é capaz de deixar de mirar atrás, e sempre está en disposición de facerlle pagar a outros canto lle fixeron, nunca entenderá que quere dicir Xesús cando fala da misericordia, nin tampouco por que o papa Francisco ten convocado este xubileu da misericordia no que nos invita aos cristiáns a deixar de mirar atrás, para poñer os ollos no aquí que temos que construír, para que o futuro que lle imos deixar aos que veñan sexa verdadeira casa común de acollida e perdón.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Porque oímos moito, pero non queremos escoitar que Deus perdoa na medida na que nós tamén perdoemos; SEÑOR, QUE SUPEREMOS A NOSA DESCONFIANZA.
·      Porque seguimos demasiado pegados a un corazón endurecido e pouco disposto a ser xeneroso cos erros dos demais, CRISTO, QUE SUPEREMOS A NOSA DESCONFIANZA.
·      Porque a nosa desconfianza nos vai afastando dunha vivencia alegre do evanxeo; SEÑOR, QUE SUPEREMOS A NOSA DESCONFIANZA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      A diferenza do que facemos nós, Deus non planea a súa relación con nós desde a desconfianza, a dúbida ou o resentimento. Todo o contrario. Para El somos o cumio da súa obra, e como todo o puxo ao noso dispor, toda a súa acción remite a nós. Por iso dicimos que somos imaxe e semellanza súa: porque gozamos do respecto e igualdade, da mesma sacralidade de Deus. Non somos números, cousas ou listados de nomes e profesións, senón dignidade e presenza permanente de confianza e respecto desde Deus para os outros. A mágoa é que inda que os eixes da fe que profesamos están claros, a súa aplicación, a nosa maneira de vivilos, fan que nos vaiamos afastando de todo canto El puxo da súa parte. Porque nós somos individualistas, imos ao noso, desdicímonos da palabra dada, buscamos o enfrontamento e utilizamos aos demais segundo a propia comenencia. Todo o contrario do que El quixo e dispuxo para nós. Pero a pesares diso, segue a insistir, unha e outra vez sen cansar, de que non nos deixa solos, de que non imos ao pairo, de que o perdón e a misericordia están no seu ADN, polo que ante El sempre teremos unha, varias ou todas as oportunidades; porque “o Señor perdoa o noso pecado”, e deste xeito a morte do ser humano, a morte nosa non é para a vida eterna, senón só para o mundo, por iso somos persoas de paso, pero non ante Deus, para quen pasamos a ser eternidade. E inda que non volo pareza, isto é o que confesamos cada vez que rezamos o credo.
*      E no seu Fillo fomos xustificados; é dicir, en Cristo, para nós, comezou a superación do mal, do sensentido, da desesperación, da inxustiza, da insolidariedade... A fe que nos une a El e que compartimos fainos homes e mulleres de presente e futuro, de esperanza, de sentido, de loita constante e permanente, si, pero sabendo cara onde imos. Non camiñamos sen rumbo, non facemos as cousas sen saber por que, non estamos deixando que o tempo pase limitándonos a miralo na distancia. Non. En Cristo todos fomos convertidos en sentido e camiño cara á plenitude, por iso vivir é unha tarefa permanente, dura, difícil... pero con sentido e razón: gozar da plenitude do seu amor. Acoller e transmitir. Esas son as dúas liñas desde as que estamos chamados a ir andando este camiño que nos vai levando cara El. Sen présa, pero tamén sen pausa; sen buscalo, pero sabendo que cando chegue entenderemos e compartiremos que todo pagou a pena, pois gozamos da súa presenza. E ninguén nola vai poder quitar nunca máis.
*      Isto non foi capaz de entendelo o fariseo do que nos fala o evanxeo. El invitaba, pero non sabía por que; quedaba no xesto externo, no superficial, sen entrar na dinámica interna e nova que propuña Xesús. Quizais tamén a nós as veces nos pase algo parecido. Somos reacios, ou polo menos cústanos, a entrar na dinámica da proposta de Xesús. Unha dinámica que nos chama a compartir, perdoar, acoller, superar prexuízos, entender a misericordia como achegamento a Deus desde o achegamento aos demais, especialmente aos máis débiles; ou a  aqueles dos que estamos máis distanciados. Non son palabras. Son actitudes, conviccións, formas de darlle á vida sentido e horizonte. Non estamos perdidos. En Xesús temos toda unha proposta a desenvolver en liberdade, pero de xeito coherente. Se queremos podemos vivir a vida desde outras claves distintas das do poder, a teatralidade, o exhibicionismo –circo- mediático ou o recoñecemento social. Xesús perdoa, si, pero nós temos que saber perdoar e aprender pedir perdón, porque por moito que El nolo ofreza, se nós non o collemos, todo se converte en nada. E xa sabemos que nós non somos ninguén, senón alguén con dignidade e chamados a vivir sabéndonos imaxe e semellanza Del.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus é  misericordia enchoupada sempre de xenerosidade, dicimos xunt@s:
SEÑOR, ACUBÍLLANOS AO TEU CARÓN
·      Para que a Igrexa sexa non unha institución, senón unha comunidade onde mande o respecto, a axuda, a xenerosidade e o compromiso cos máis pobres, OREMOS.
SEÑOR, ACUBÍLLANOS AO TEU CARÓN
·      Para que non deixemos que o evanxeo se converta en obxecto de museo, senón que nos esforcemos por darlle vida a través do noso actuar alegre, esperanzado, xusto e sempre solidario, OREMOS.
SEÑOR, ACUBÍLLANOS AO TEU CARÓN
·      Para que abramos ben os ollos ao mundo no que vivimos, e nos esforcemos en poñer corazón e non normas, que non saben recoñecer que na casa común que Deus puxo ao noso dispor, estamos chamados a respectarnos e termar uns dos outros, OREMOS.
SEÑOR, ACUBÍLLANOS AO TEU CARÓN
Señor, acolle a nosa oración comunitaria que hoxe, cando nos invitas a facer do perdón guieiro da nosa vida, compartimos rezando, pedindo e agradecendo o don da fe compartida e celebrada. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Cando entrei na túa casa, non me ofreciches auga para os pés;
ela, pola contra, regoumos coas súas bágoas e enxugoumos co seu longo cabelo.
Ti non me bicaches;
ela, en troques, desde que entrou non deixou de bicarme.
Ti non me unxiches a cabeza;
ela, en troques, unxiu os meus pés cun caro perfume.

E se pasamos a outras cousas....

Ti invitáchesme e deixáchesme plantado;
ela invitouse e acompañoume.
Ti estiveches mirando de reollo;
ela, cos seus ollos húmidos.
Ti, no teu interior, murmuraches dela e de min sen reparo ningún;
ela amoume como sabe que me gusta que me amen.
Ti fuches rañica e ata arteiro;
ela, agradecida cos seus xestos humanos.
Ti escandalizácheste;
ela recuperou a súa dignidade perdida e salvouse.

O banquete rematou.
Non te sorprendas.
Deus quere persoas novas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...