Salvar
a vida desde a xenerosidade de quen se achega a tantas persoas que non están no
foco desde o que se fai rebumbio social: os políticos, os da lista Forbes, os
xogadores de fútbol... senón nas trastendas que non se mostran, pero nas que se
sofre, para dicirlles: ”contade comigo”
Descarga o ficheiroCANTO GOZOSO
ENTRADA: Vinde axiña, compañeiros (Nº 10)
LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
OFERTORIO: Señor Xesús (Nº 52)
COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51)
ESCOITA ACTIVA
Na linguaxe cristiá, poñer a vida a salvo non é sinónimo de
covardía, medo, renuncia ou comodidade. Todo o contrario. Cando Xesús fala de
poñer a vida a salvo, estanos a invitar a que nos esforcemos por darlle un
sentido, por buscar unha razón desde a que pague a pena vivir, descubrir que
máis alá do que chama a atención polas luces, cores ou barullo, hai un sentido,
unha razón, unha maneira de sentirse a gusto con canto un fai e di. A isto se
refire Xesús cando nos chama a poñer a vida a salvo. Non quere que nos metamos
dentro dos templos e que pechemos as portas. Tampouco que nos pasemos ao outro
extremo e nos fagamos intolerantes e violentos.
Para El salvar a vida significa saír ao encontro dos demais,
especialmente de todos eses demais que se senten solos, tristes, esquecidos ou
enganados, e dicirlle: aquí estou, aquí me tes, conta comigo, es alguén.
Vendo o que hoxe está a ocorrer no noso mundo cos refuxiados, as
mulleres maltratadas, os nenos abusados... non pensades que temos que saír das
nosas burbullas para achegarnos a quen nos agardada e dicirlle: grazas por
salvarme a vida? Porque a salvación non vai vir do tempo pasado dentro do
templo, senón da nosa capacidade para facer lío (lea) a prol da dignidade,
igualdade e respecto das persoas, fóra del.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
· Porque escoitamos palabras; pero non
cambiamos o corazón; SEÑOR, QUE A
SALVACIÓN PASE POLO ACTUAR HONESTO.
· Porque facemos da fe dogmas e non achega a
quen se sente necesitado de ser escoitado; CRISTO,
QUE A SALVACIÓN PASE POLO ACTUAR HONESTO.
· Porque somos incapaces de entender que Deus
quérenos ledos, solidarios e traballando
en común; SEÑOR,QUE A SALVACIÓN PASE
POLO ACTUAR HONESTO.
OLLOS ABERTOS E
PÉS NO CHAN
* Os xestos no ámbito do relixioso son moi importantes. Non
estamos a falar dunha experiencia que poidamos percibir a través dos sentidos, senón
por medio da representación simbólica. Por iso xogan un papel fundamental para
axudarnos a comprender o misterio dunha fe acollida, compartida e celebrada. E
de xestos falan hoxe os textos da palabra de Deus. Non podía ser doutro xeito
se ao que nos estamos a referir é á graza e á salvación, dúas realidades das
que falamos e escoitamos dicir moitas veces, pero que non vemos de xeito
material, senón que nos referimos a elas poñéndolle a concreción das nosas
accións, do noso actuar. Por iso afirmamos que a salvación vaise realizando a
medida na que imos descubrindo que os outros, porque son iguais a nós e posúen
a mesma dignidade, merecen o maior dos respectos. E contribuímos a desenvolver
o proxecto de salvación de Deus cada vez que nos paramos a escoitar a quen
necesita falar, cada vez que non permanecemos calados cando alguén é agredido
ou tratado con violencia ou cando á alguén non se lle recoñecen os mesmos
dereitos que pedimos para nós ou xustificamos calquera tipo de comportamento
que supoña non recoñecelo coma irmán. Acoller a salvación supón poñer á persoa,
coma nós imaxe e semellanza de Deus, como referencia á hora de comportarnos e
tratarnos. E a graza de Deus iremos entendendo que significa na medida que nos
vaiamos sentindo a gusto co que facemos e realizamos, na mesma medida que nos
descubrimos libres, responsables e vivindo, non illadamente, senón como pobo,
como comunidade, compartindo a identidade común de ser fill@s de Deus.
* Isto é posible para os que nos chamamos cristiáns porque o
bautismo non foi só un rito no que nos botaron auga por riba da cabeza e nos
crismaron no peito e na fronte, senón que supuxo a incorporación ao grupo dos
seguidores de Xesús, ao noso grupo:a Igrexa. Unha Igrexa que se vai reunindo no
nome do Señor de xeito comunitario sempre que un dos seus membros celebra un
momento especial da súa vida; pero tamén todos os domingos para facer presente
e actual, non coma algo que pasou hai moitos anos, canto Xesús fixo na Última
Cea. Por iso estamos revestidos de Cristo. Non ao modo dunha roupa que pomos un
día e cambiamos por outra ao seguinte, senón coma a identidade que nos
configura iguais entre nós e con El. É esta unha vestidura que irá sempre con
nós, porque una vez que nos acolleu ao seu abeiro, non pode prescindir de nós
nin esquecernos. Somos, para sempre, Del e con El.
* Por iso é tan importante o tempo dedicado á oración. Non una
oración rutinaria e baleira, senón a oración que nos fai percibir que somos
agraciados por gozar do seu amor e de facer posible que este amor se vaia
desenvolvendo cara aos demais e cara El, cada vez que saímos ao encontro de
quen está a esperar por nós na loita por canto supoña defender, desde a casa
común que tod@s compartimos, o esforzo por coidalos e por facerlle sitio, sen
exclusións ideolóxicas nin de credos, a cantos chamen e queiran entrar. Rezar,
é polo tanto a mellor expresión de gratitude e de comuñón que nos abre a ver ao
Deus no que cremos nos demais. Deste xeito, a pregunta de Xesús no evanxeo de
hoxe, atopa resposta na coherencia e honestidade do noso actuar pensando non só
en nós, senón en todos, pero especialmente nos que van sendo deixados na
exclusión e no esquecemento.
FRATERNIDADE ORANTE
Para que
sentíndonos unidos na tarefa de facer da salvación actuar libre, coherente e
alegre, sintamos a forza do amor de Deus ao noso lado, dicimos xunt@s:
GRAZAS
POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
- Polo papa, os bispos, os curas e cantos colaboran no desenvolvemento da misión encomendada por Xesús de facer do evanxeo alegría para vivir; para que non se deixen arrebatar a frescura dun corazón solidario e fraterno disposto a levar xenerosidade a cantos a necesiten, OREMOS.
GRAZAS
POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
- Para que nas comunidades parroquiais das que formamos parte, nos esforcemos de verdade por facer do evanxeo razón desde a que vivir e fomentar o perdón, a colaboración, a misericordia e a dispoñibilidade do noso tempo ofrecido a quen o necesite para poñer nos seus beizos e no seu corazón un sorriso, OREMOS.
GRAZAS
POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
- Para que cantos hoxe temos escoitado e meditado desde a palabra de Deus sobre a nosa vida, non deixemos que o tempo compartido na celebración sexa tempo perdido e cheo de aburrimento e rutina, senón que deixemos que o Espírito mova os nosos corazóns a ser activos e preocupados polo ben que lles podemos facer aos demais, OREMOS.
GRAZAS
POR OFRECERNOS UN SENTIDO PARA A NOSA VIDA
Señor,
agradecidos por non facer da salvación un dogma, senón a meta dun camiño que
imos realizando de xeito comunitario, fraterno e solidario, poñemos ao teu
abeiro a oración desta mañá que acabamos de rezar xunt@s. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Seremos cristiáns
e cristiás coherentes se:
nos manifestamos
tal como somos,
expresamos de
xeito claro as nosas opinións,
recoñecemos dun
xeito valente os nosos erros,
non temos dúas
caras,
amamos e
practicamos a verdade,
nos lanzamos
decididamente a mellorar o noso mundo,
seguimos a nosa
propia vocación con fidelidade,
adoitamos mirar
cara dentro de nós,
somos fieis a
aquilo que cremos,
afirmamos con
decisión os nosos valores,
vivimos
conscientes das nosas posibilidades,
sabemos conseguir
o que nos propoñemos,
cremos, esperamos
e traballamos.
Se estamos
plenamente convencid@s do amor que nos ten Deus Pai.
Comentarios