Ir al contenido principal

29 domingo TO C 2016

Que a túa vara sexa caxato para o camiño e non arma de enfrontamento
Descarga o ficheiro
 
CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)

*      LECTURAS: Ergo os meus ollos cara aos montes
*      OFERTORIO: Grazas, Señor (Nº 34)
*      COMUÑÓN: Non vou so (Nº 60)
ESCOITA ACTIVA
A vara de Deus, a diferenza de outras varas, non ten como cometido golpear a ninguén nin provocar enfrontamento entre uns e outros. Non é unha vara para a violencia, senón para, apoiándose nela, axudar a facer o camiño. E ese camiño ten parada nesta mañá na igrexa parroquial para dedicarlle un pouco do noso tempo a Deus rezando, desde o íntimo de cada un e cada unha de nós, e como comunidade. Por iso rezamos pedindo, agradecendo e compartindo esta oración do día do Señor sabéndonos cercanos e a carón uns doutros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Pola nosa falta de constancia e as nosas desconfianzas; SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS Á FE QUE NOS TRANSMITIRON OS NOSOS PAIS.
·      Porque as nosas canseiras lévannos polo camiño do desánimo e da tristeza; CRISTO, QUE NON RENUNCIEMOS Á FE QUE NOS TRANSMITIRON OS NOSOS PAIS .
·      Por confiar no que fai barullo e desconfiar do silencio que nos fai sentir a túa voz e experimentar a túa axuda; SEÑOR,QUE NON RENUNCIEMOS Á FE QUE NOS TRANSMITIRON NOSOS PAIS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      Fronte aos que buscan enfrontamento e violencia e non respectan a dignidade das persoas, senón que só se achegan aos que pensan coma eles, desprezando a todos os demais, a palabra do libro do Éxodo que temos proclamado fálanos da vara, do caxato como referencia da compaña e da presenza de Deus. Desde El non somos chamados a buscar enfrontamento nin violencia, senón que a nosa tarefa é a de achegarnos, escoitar, buscar pontes de entendemento e ver de facer tarefas xuntos. Porque o Deus cristián non separa, senón que une, facéndonos compartir a fraternidade de ter un mesmo Pai que nos converte en irmáns e irmás preocupados uns dos outros; e invitándonos a facer camiño aprendendo a mirar cara aos lados, para que aqueles que están nas beiras, abandonados polos que propoñen grandes proxectos ou quedan afónicos con moitas promesas, sexan acollidos e valorados na súa dignidade e na súa persoa por parte dos que nos dicimos confesantes no Deus que non cansa de abrir os brazos para agarimarnos nunha aperta de universalidade que busca facer da misericordia guieiro do seu amor cara nós.
*      Nese Deus atopamos o noso socorro, a nosa axuda, o noso acougo. Porque Deus non é nin para vencer en batallas nin para facer de menos aos demais, senón para acoller e alentar. O noso socorro vén do Señor, que fixo o ceo e maila terra; pero para iso temos que erguer os ollos e mirar sen medo desde a confianza e a misericordia, porque del vainos vir sempre o seu auxilio, a súa dispoñibilidade e a compaña para que non fagamos o camiño con tristeza e soidade. Erguer os ollos, mirar de fronte, unir capacidades e facer do esforzo e da colaboración de cada un camiño de entendemento. Porque o cristianismo non é unha acción individual na que cada quen vai por libre, senón un camiño compartido no que imos axudándonos uns aos outros para non atoparnos nunca solos. Entendemos entón por que Paulo lle di a Timoteo que manteña canto ten aprendido, facendo memoria viva do paso polo mundo de Xesús. Aquel que paraba, escoitaba, tendía a man e non daba as costas. E do mesmo xeito que Paulo lle di a Timoteo que pregoe a palabra a tempo e a destempo, tamén nolo di a nós para que este camiño sexa sempre un testemuño do que se vive, cre e celebra; evitando facer da fe ben un espectáculo ben un conxunto de ritos que repiten externamente, pero que non se senten nin se viven interiormente desde o corazón. Tarefa nosa é entón: alentar, aconsellar, escoitar... pararnos e preocuparnos polas e das persoas.
*      Nesta xeira as palabras de Xesús no evanxeo convértense en esixencia de non facer do corazón nunha pedra, senón un esforzo por facer da carne que latexa sinxeleza, humildade, dispoñibilidade, honestidade, coherencia...á hora de tomar decisións e de relacionarnos uns cos outros. Porque o seguimento de Xesús non é un circo nin un baile de máscaras, senón unha entrega cara aos demais para tentar poñer paz onde non a haxa, entendemento onde hai balbordo que fai a uns vencedores e a outros perdedores. A xustiza de Deus, como acabamos de escoitar no evanxeo, non se guía polas decisións de favorecer a quen máis ten e a quen máis manda, senón polo actuar convencido de que nos demais somos capaces de descubrir, ver e respectar a imaxe e semellanza de Aquel a quen chamamos Deus. E se o xuíz inxusto foi capaz de darse conta de que o seu actuar non correspondía coa insistencia e perseveranza da muller; cómo Deus, que é sempre Pai/Nai non vai estar ao dispor de todo canto nos faga felices? Actuemos logo movidos pola rectitude, o obrar coherente a as decisións maduras e en conciencia.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque Deus non se deixa levar nin polos nosos enganos nin polas nosas medias verdades, poñemos con sinceridade canto nos preocupa baixo a súa guía e digamos xuntos:
SEÑOR, QUE A TÚA GUÍA SEXA SEMPRE LUZ NO NOSO CAMIÑO
·      Para que entre todos fagamos da Igrexa comunidade fraterna, libre e esperanzada, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA GUÍA SEXA SEMPRE LUZ NO NOSO CAMIÑO
·      Para que nas nosas parroquias nos esforcemos por ser sementadores de concordia, entendemento e axuda duns para cos outros, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA GUÍA SEXA SEMPRE LUZ NO NOSO CAMIÑO
·      Para que cantos hoxe temos escoitado e meditado a Palabra de Deus saibamos aplicala a nosa vida de cada día, converténdoa en accións que fan posible que as persoas, a pesares da súa dor e das súas dificultades, poidan descubrir a esperanza que, a través do noso actuar, nos ofrece a tod@s Xesús, OREMOS.
SEÑOR, QUE A TÚA GUÍA SEXA SEMPRE LUZ NO NOSO CAMIÑO
Acolle e alenta, Señor, canto hoxe temos compartido nesta oración comunitaria. P.X.N.S. Amén
MIRADA DE ESPERANZA
Que non se nos afaga o corazón, Señor,
a ver persoas sufrindo en situacións inxustas.
Que non vexamos coma algo normal tropezarnos
con homes e mulleres sen casa e sen teito.
Que nos sorprendamos cada día
deste mundo no que uns temos de todo
mentres a outros lles falta de todo.
Que non se nos afaga o corazón
á dor do irmán que está na cuneta.
Pon tenrura, Señor, na nosa mirada;
pon agarimo na nosa man que saúda;
pon misericordia na nosa mente que fai xuízos;
pon sabedoría na nosa linguaxe;
pon escoita nos nosos oídos que peciben.
Pon, Señor, xustiza, unha migalliña da túa xustiza, na nosa vida.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...