Ir al contenido principal

28 domingo TO C 2016



POUCAS VECES, QUEN RECIBE O QUE NON MERECE, AGRADECE O QUE RECIBE
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
* ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)
* LECTURAS: Escoita ti a Palabra de Deus (Nº 26)
* OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
* COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA
Confianza, si confianza é a actitude que debera primar na nosa relación con Deus. Porque só quen a plantexa desde ela pode entender que ao dicir Deus estamos manifestando que nel poñemos a nosa confianza, que del recibimos a forza para afrontar proxectos e superar dificultades, que desde El imos tentando que o noso camiñar cotián vaia sementando xenerosidade, fraternidade e tenrura alí por onde pasemos. A celebración de hoxe invítanos a superar a tentación da desconfianza, para reunirnos xunt@s ao redor do altar que nos fai sentir irmáns e irmás para quen Deus é sentido, acollida e achega cara quen está ao noso lado.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
·      Por ser demasiadas veces desconfiados e fríos de corazón; SEÑOR, AQUÉCENOS COA TÚA TENRURA.
·      Por non ser capaces de afrontar a busca da verdade desde a misericordia; CRISTO, AQUÉCENOS COA TÚA TENRURA.
·      Por non deixar que a vida sexa guiada pola busca do irm@n para facer posible a o traballo comunitario; SEÑOR, AQUÉCENOS COA TÚA TENRURA.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*      No tempo no que parece que todos temos dereitos, pero non obrigas –deberes- a Palabra de Deus chama a nosa atención para que baixemos da nosa nube persoal e non esquezamos que necesitamos poñer os pés no chan e pisar con forza, porque é no chan onde nos imos dando conta de que necesitamos ser realistas, e evitar teorizar creando mundos paralelos pero irreais. Tanto o libro dos Reis como a carta de Paulo dannos un baño de realismo para que nunca perdamos a perspectiva de que somos limitados, humanos, con erros e necesitados uns dos outros. Isto supón que aprendamos a confiar, a escoitar e a traballar buscando o ben de todos, e non só o noso propio interese ou o dos que tamén penan coma nós. Naamán confiou; pero no tempo no que vivimos o que practicamos non é tanto a confianza como a desconfianza, non tanto a xenerosidade como a utilización dos demais, non tanto a acollida como a exclusión. Por iso é tan importante ter unha actitude receptiva e de escoita ante a palabra de Deus. Aprendamos a ver e vivir a vida como un agasallo que recibimos, que debemos coidar e transmitir, tamén como se fose un agasallo, aos que veñen tras de nós. Porque só así seremos capaces de entender desde a mirada de Deus, que como ben sabemos, é unha mirada bastante distinta da nosa.
*      Cantémoslle ao Señor o cántico novo do servizo, a alegría, a escoita ou o tempo compartido cos demais. A isto invitaba Paulo ao seu discípulo Timoteu. Porque só desencadeando a Palabra de Deus da rutina, o costume ou a tradición, seremos capaces de entendela e vivila coma unha experiencia nova e xeradora de actitudes que nos leven a espertar en nós a xenerosidade e a dispoñibilidade para actuar buscando o ben de todos, o ben común, e non só o noso interese. Vivir para Deus quere dicir que loitamos por facer da nosa vida un esforzo por poñer ás persoas no centro de canto facemos. É aí onde a salvación adquire toda a súa forza e sentido.n Francisco, o papa actual, non cansa de repetilo unha e outra vez cando desde a súa experiencia de misericordia nos invita a seguir as pegadas de Xesús desde a confianza e o agradecemento.
*      Confianza e agradecemento son dúas actitudes que o Evanxeo de hoxe quere poñer diante dos nosos ollos para que lles prestemos atención e non deixemos que pasen de largo. Xesús camiñaba, e ao longo do camiño ía atopándose con xente; xente que se achegaba con expectación, buscando o que non tiñan: esperanza, alguén que os defendese ante os poderosos, quen non os utilizase para os seus propios intereses.... tamén os había que o seguían para ver como poder collelo nun renuncia, en algo do que poder acusalo ante as autoridades. Sexa dun ou doutro xeito, a persoa de Xesús non deixa indiferente a ninguén. O seu paso, o encontro con El produce sempre unha reacción. Hoxe, aqueles gafos (leprosos) buscábano porque lle interesaba. Escoitaran falar del, e querían ver se era verdade o que del se dicía. No fondo, o que trataban era de solucionar o seu problema, que non era pequeno. Os gafos no tempo de Xesús, e durante moito tempo tamén despois, eran tratados como apestados dos que había que separarse e marcar distancia, non fora que contaxiaran o seu mal. Eles escoitaran que Xesús non desprezaba, pero ademais tamén curaba, por iso andaban á súa procura. Cando se atopan con El, e despois de ter solucionado o seu problema –ser curados– só un volveu para facer o que, en principio, debía ser unha reacción de todos: dar garzas. Pero só volveu un, os outros, parece que eran de memoria fráxil. E aquel home, achegándose de novo a Xesús, mostra que entendera que a gratitude é a mellor maneira de expresar a confianza e a alegría de quen se sente acollido. Sería bo que tamén nós esta mañá nos preguntásemos se de verdade a nosa confianza en Deus nos leva a saber volver para agradecer, ou mais ben somos dos que, unha vez que temos amañado o problema, damos as costas e xa non nos lembramos de quen puxo cariño, tempo, palabra e dispoñibilidade para con nós. Parémonos logo e pensemos como está sendo a resposta que imos dando á confianza, ao amor, ao respecto e ao recoñecemento que Deus fai de cada un e cada unha de nós. Para El non somos cousas, nin algo indefinido, senón homes e mulleres con nome, con vida aos que El se achega para dicirnos: quérovos, querede tamén vós.

FRATERNIDADE ORANTE
Cantémoslle coa nosa oración comunitaria, a cantiga nova ao Señor da confianza e xenerosidade dicindo xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE ENCONTRO E AXUDA
*      Para que desde dentro da Igrexa colaboremos e traballemos xunt@s desde actitudes de confianza, axuda e xenerosidade, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE ENCONTRO E AXUDA
*      Para que aprendamos a valorar que ser Igrexa pide de nós saber mirar aos ollos aos demais, achegándonos e ofrecéndonos para construír traballo en común desde a participación que non exclúe, senón que integra e acolle, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE ENCONTRO E AXUDA
*      Para que sexamos capaces de darlle contido de boas obras e de actuar responsable, ás palabras que nos chaman a practicar a solidariedade, o diálogo e a axuda xenerosa a quen nola pida, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ABRIRNOS A CAMIÑOS DE ENCONTRO E AXUDA
Acolle, Señor, canto poñemos baixo o teu amparo e a túa confianza, sabendo que sempre estás disposto a escoitarnos e acompañarnos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Señor Deus, douche grazas por este domingo no que nos reunimos ao pé do altar; unha oportunidade de achegarme máis a ti e de sentir a presenza dos irmáns que comparten a confianza en ti e no teu proxecto de amor.
Grazas por ter unha familia onde nos sentimos queridos e experimentamos a graza da axuda e colaboración duns para cos outros; grazas polos amigos que me ofrecen o seu tempo, o seu sorriso e a súa man cando a necesito; grazas tamén por todas as cousas que vas poñendo ao longo das partes do meu camiño.
Que a forza e a presenza do Espírito Santo vaia iluminando cada un dos pasos deste meu camiño, e que a través deles perciba o alento da túa presenza e xenerosidade.
Bendí Señor Xesús os meus beizos para que dean testemuño da túa misericordia e do teu amor; unxe Señor Xesús as miñas mans co perfume da túa dispoñibilidade a quen me necesite; abre os meus ollos para que vexan o teu esplendor e así poder terte como luz que dea claridade ás miñas decisións que cada día tome. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...