O
MUNDO NON PRECISA MÁIS COMIDA;
PRECISA
MÁIS XENTE COMPROMETIDA
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
- LECTURAS: Amigos nas penas
- OFERTORIO: Eu soñei (Nº 64)
- COMUÑÓN: O pouco que Deus nos dá (Nº 53)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe, segundo domingo de
febreiro, celebramos en toda a Igrexa a campaña contra a Fame de Mans Unidas. É
un bo día para lembrar que Deus destinou a terra e canto contén para uso de
todas as persoas, de todos os pobos. Consecuentemente, os bens creados deben
chegar a todos de xeito equitativo. É unha cuestión de xustiza... e tamén de
caridade e fraternidade. Se todos somos fill@s, se todos somos irmáns e
irmás... por que uns temos a fartar de todo, o que nos leva a estragar mentres
que outros non teñen o máis necesario para desenvolverse como persoas e 800
millóns de persoas seguen a pasar fame? Se cadra, o lema desta campaña: “O mundo non precisa máis comida, senón máis
xente comprometida”, recolle dun xeito claro que o cerne da cuestión está
no desigual reparto, que esixe de nós un maior compromiso á hora de consumir, á
hora de crearnos necesidades irreais, á hora de coidar a casa común. Como ben
nos lembra o Papa Francisco: “os
alimentos que tiramos ao lixo son alimentos que lle roubamos á mesa dos pobres”.
Que a celebración que
agora comezamos abra o noso corazón á quentura dun Deus que, porque nos crea a
todas as persoas iguais en dignidade, quere que nos relacionemos como irmáns e
irmás e non coma dominadores e dominados.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
* Porque
estragamos moito, esquecendo que os bens deben chegar a todas as persoas; SEÑOR, QUE ASUMAMOS A NOSA
RESPONSABILIDADE.
* Porque
se nos enche a boca falando de solidariedade; mentres o noso corazón está
ferido de morte polo egoísmo; CRISTO,
QUE ASUMAMOS A NOSA RESPONSABILIDADE.
* Porque
nos sobran boas intencións e boas palabras; pero o noso compromiso segue sendo
máis ben escaso; SEÑOR, QUE ASUMAMOS A
NOSA RESPONSABILIDADE.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·
O libro do Eclesiástico chámanos a
reflexionar sobre unha actitude que que non está de moda no noso mundo: a
responsabilidade. Deus sae ao encontro do seu pobo e móstralle o camiño que
conduce á vida; pero cada persoa é libre para escoller, para desenvolver a súa
propia existencia. Unha vez máis podemos dicir sen medo a equivocarnos: que
lonxe estamos da Palabra!, que afastados nos atopamos de que isto sexa unha
realidade na nosa vida!. Si, porque, a diferenza de Deus, nós estamos cheos de
medo e de complexos e parécenos que iso da liberdade, da proposición e non da
imposición, da responsabilidade... son, coma quen di, tonterías.... O mellor é
ter alguén que dirixa a túa vida, que tome decisións por ti, que controle o teu
camiño...; así serás doutrinalmente seguro e non caerás na tentación da
autocrítica ou do pataleo reivindicativo. Non... Pero xustamente porque as
cousas sempre se fixeron así, estamos onde estamos: nun infantilismo perpetuo
da nosa fe, nunha fe que só alimentamos con rutinas (aínda que estas non teñan
máis sentido que o sempre se fixo así), nunha fe que non esixe nada na nosa
vida, nunha fe que parece un adobío bonito que conxunta á perfección con algúns
traxes (celebracións, recadacións, rutinas, boato, maxia....), pero que non lle
vai nada a outros (responsabilidade no traballo, loita polo desenvolvemento,
búsquea da xustiza, transparencia na administración dos cartos que non son
nosos....). Por iso hoxe que ben nos vén que o Señor nos advirta de que temos
que ser mellores que os letrados e fariseos para poder entrar no seu Reino. Lo
más!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Que balón de osíxeno nos dá cando nos lembra que non
deixará impunes aos mentireiros, aos que viven de aparencias, aos que fan do
ordeno e mando o motor da súa vida, aos que utilizan o medo e o poder para
dominar, aos que, falando no seu suposto nome, humillan, aldraxan e ningunean
ás persoas atendendo a diferentes e peregrinas razóns: xénero, status
económico, crenzas, orixe, traballo.... Grazas, Señor, por crearnos libres e
por respectar as nosas decisións!!!!.
·
Pero non nos enganemos!!!!!!!!!. Isto
complica moito máis o asunto. Unha vez que nos atopamos con Xesús na nosa vida,
xa nada será o mesmo, seremos moito máis esixentes con nós mesmos, faremos da
coherencia o abc da nosa vida.... El que vén a darlle plenitude á lei, tamén
vén para complicar a nosa vida, para chamarnos a vivila dende unha opción
fundamental pola xustiza, a solidariedade e o desenvolvemento. Estes principios
sobre os que asentamos a nosa vida son máis que flor dun día, son valores
permanentes que engrandecen e dan sentido á vida dos seres humanos. Xustiza,
liberdade, paz, amor, e verdade son así o eixo fundamental da nosa ortopraxe e
da nosa ortodoxia. Porque se queremos facer algo polos demais, non hai escusas,
hai moitos motivos.
·
Por iso nos identificamos coa campaña
de Mans Unidas que hoxe celebramos. Porque somos conscientes de que o mundo ten
que cambiar, porque non vai ben. Témolo convertido nunha casa onde cadaquén vai
ao seu deixando persoas nas súas beiras ás que trata como sobrantes e
descartadas, sen contar para nada. Por iso, a solidariedade á que sempre se nos
chama; pero se cadra hoxe dun xeito especial, ten que movernos a un compromiso
coherente coa fe que libremente profesamos: ocuparnos e preocuparnos uns dos
outros. Porque somos adultos, porque somos libres, estamos chamad@s a ser
responsables dos nosos actos. Moitas veces escoitamos dicir a moita xente, se
cadra tamén algunha vez o dixemos nós: se Deus existise non permitiría que a
xente morrese de fame.... e quedamos tan tranquilos, porque atopamos en Deus un
chivo expiatorio para tranquilizar a nosa conciencia, culpabilizándoo a El de
algo do que só nos somos responsables, xa que no mundo hai bens para todas as
persoas; pero o noso egoísmo fainos acaparar, consumir e posuír (moitas veces
mesmo para logo estragar) sen importarnos que outras persoas pasen fame de
alimentos, de dignidade, de cultura, de sanidade.... de Deus. Cambiemos o rumbo
e comecemos a termar uns de outros e, todos xuntos, da nosa casa común.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque
nos creaches libres e con capacidade para tomar decisións sen sentírmonos
presionados, agradecémolo dicindo xunt@s:
QUE
UNAMOS A NOSA MAN Á MAN DO IRMÁN
Para
que saibamos ser Igrexa universal e solidaria, ofrecendo o que temos e
renunciando a canto non necesitamos; OREMOS.
QUE
UNAMOS A NOSA MAN Á MAN DO IRMÁN
Polas
nosas comunidades, para que sexamos sempre mans que levanten, acollan e
acubillen a quen está á beira do camiño, porque quedou sen forzas, OREMOS.
QUE
UNAMOS A NOSA MAN Á MAN DO IRMÁN
Por
todas as persoas que padecen fame de calquera tipo: de pan, de casa, de
dignidade, de escoita, de sorriso, de esperanza, de cultura, de respecto....de
Deus; OREMOS.
QUE
UNAMOS A NOSA MAN Á MAN DO IRMÁN
Por
cada un e cada unha de nós, para que deixemos de lado o noso pasotismo, a nosa
indiferenza e a nosa comodidade e nos abramos á responsabilidade do compromiso
solidario que esixe o noso apelido de cristiáns e cristiás, OREMOS.
QUE
UNAMOS A NOSA MAN Á MAN DO IRMÁN
Señor,
porque confiamos en Ti e na capacidade que nos deches de ser libres,
agradecemos poder compartir esta oración comunitaria reuníndonos no teu nome e
chamándonos a un compromiso real por non deixarnos levar da tentación do cómodo
e fácil. P.X.N.S.
MIRADA ESPERANZADA
Moitas cousas teñen que
reorientar o seu rumbo; pero ante todo a humanidade precisa cambiar. Fai falla
conciencia dunha orixe común, dunha pertenza mutua e dun futuro compartido por
todas as persoas. Esta conciencia básica permitiría o desenvolvemento de novas
conviccións, actitudes e xeitos de vida (LS 202).
Comentarios