Ir al contenido principal

8 domingo TO A 2017


A MEMORIA MISERICORDIOSA DE DEUS NON ESQUECE NUNCA A SÚA TENRURA PARA CON NÓS
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
LECTURAS: Eu sei de quen me fiei (Nº 103)
OFERTORIO: Benaventurados (Nº 118)
COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

ESCOITA ACTIVA

Deus é memoria; memoria sempre agradecida. A súa é unha memoria que lembra e acompaña, unha memoria que esperanza, unha memoria que non condena senón que acolle e camiña a noso lado. A memoria de Deus é unha memoria para mostrarnos a beleza e a alegría da súa gran noticia: quérenos, para El somos alguén! E non pode facer outra cousa máis que querernos. Non será nunca un Deus xusticeiro, que condena, que berra, que castiga ou que non é capaz de poñer o corazón e a mirada humanizadora en nós.

Gocemos, entón, da celebración que imos comezar participando da alegría de reunirnos no nome dun Deus que só, e sempre, ten o amor como guieiro. Que afortunados somos!

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*  Porque a diferenza de Deus, a nosa memoria é vingativa e orgullosa; SEÑOR, DÁNOS MEMORIA DE TENRURA.
*  Porque a nosa desmemoria fai que esquezamos o ben que outros nos fan; CRISTO, DÁNOS MEMORIA DE TENRURA.
*  Porque non sabemos vivir desde a memoria agradecida dos que pasaron facéndonos o ben; SEÑOR, DÁNOS MEMORIA DE TENRURA.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      Nun mundo de pensamento tan líquido –onde todo cambia ás présas e xa non hai principios nin valores sobre os que sustentar o sentido da vida – escoitar con calma e paz interior estas palabras do profeta Isaías convértese nunha experiencia que nos fai crer –seguir crendo– que hai outra maneira de ver a realidade, de tratar ás persoas, de construír relacións que poñan no centro, no importante, o facerlle o ben aos demais e loitar polo ben común.. por riba dos intereses individuais ou de grupos de poder e presión que só buscan gañar e aproveitarse dos demais para ter máis cartos, poder ou popularidade. A mirada de Deus, como acabamos de escoitar, é outra. El ten memoria, memoria da boa: coñece, non nos esquece, valóranos tal e como somos; e o que é máis importante: quérenos. Por iso dicimos convencidos: Deus é amor. E ese amor síntoo na miña vida, na miña persoa, na miña relación cos demais –deles a min e de min cara eles-. E do mesmo xeito que unha nai non esquece nunca aos seus fillos, tamén Deus, téndonos presentes, váisenos mostrando como tenrura para que a misericordia, que é máis importante, grande e profunda cá lei, asolague tamén a nosa vida e o noso xeito de actuar. Para El as cousas non son en abstracto, como se lle falara ao vento, senón no concreto de cada un de nós. Cando sufrimos, choramos, aledámonos ou nos sentimos necesitados da súa forza, El está. Aprendamos a descubrilo abrindo ben os ollos.
·      E se a memoria de Deus se vai construíndo desde a tenrura e a esperanza; tamén a nosa vida, se se quere afincar nel, terá que seguir este mesmo vieiro. Paulo dicíallelo aos Corintios, pero tamén nos vale para nós: "que a xente vexa en vós seguidores de Cristo". Esta ha ser a nosa tarefa: servir, e facelo con alegría, buscando construír e xuntar, non destruír e afastarnos uns dos outros, como ás veces vemos que pasa. Servir supón estar disposto a poñer tempo para escoitar, sorriso para animar, solidariedade para acompañar e non volver a cara. Ese ten que ser o camiño polo que vaia descorrendo a nosa vida. Un camiño que certamente non é doado; ao contrario, ten tachas, e as veces moitas costas e curvas. Pero é o camiño da vida, o noso camiño da vida, e temos que percorrelo. Renunciar significa darlle as costas a Deus e poñerse do lado dos que fan do individualismo o medio da súa vida. Queremos tamén nós facelo así? Esforcémonos por comezar, fagámolo con cautela, para non cansar ao pouco e ser incapaces de seguilo. E sempre, sempre, que non deixemos que a tentación de xulgar sen coñecer, de xulgar polo que outros -sen saber moi ben cales son as súas intencións– digan, de xulgar sabendo que o que dicimos é mentira –poñendo teatralidade de afectos e engano no que afirmamos-. Fagamos o esforzo para que sexa o servizo, e non o aproveitamento, o camiño polo que descorra a nosa vida.
·      E a nosa mirada terá que esforzarse, as veces que faga falta, para non apartarse da persoa de Xesús. O seu actuar, como acabamos de escoitar no Evanxeo móvese a través do servizo honesto, libre, responsable e sempre respectuoso para nós e para os demais. Preguntémonos logo se este está a ser o noso esforzo cada día. Preguntémonos se a coherencia –facer comportamento o que consideramos que son valores e principios que nos fan felices e humanos– é a actitude que máis se vai mostrando en nós. Ou, quizais nos pasa que tamén nos gusta servir a dous señores: ao branco e ao negro; a liberdade e á opresión; á verdade e á mentira; a solidariedade e ao aproveitamento...? Se isto é así, teremos que parar e pensar se de verdade podemos seguir levando con dignidade o nome de cristiáns. Xesús chámanos a non facer da dobre moral, do querer quedar ben con todos, do poñerlle unha candea a Deus e outra ao demo, o guieiro/camiño da nosa vida. Estaremos, todos nós, dispostos a cambiar para non caer nesta tentación? Sexamos sinceros, miremos dentro de nós, esforcémonos por poñer a confianza en Deus e a seguridade non nas cousas, senón nas persoas que nos fan o ben e ás que podemos facer o ben.

FRATERNIDADE ORANTE

Porque Deus é un Deus que non esquece e sempre se lembra de nós, dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS COA TÚA TENRURA
Ø Para que a Igrexa sexa unha Igrexa de servizo, que traballe por defender sempre aos máis débiles; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS COA TÚA TENRURA
Ø Para que as nosas comunidades parroquiais saiban ter memoria agradecida das persoas de ben que axudaron, acompañaron e souberon perdoar; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS COA TÚA TENRURA
Ø Para que nós, teñamos o oído atento á Palabra de Deus, e nos esforcemos por convertela nun actuar que nos achegue aos pobres, aos enfermos, aos excluídos, aos que moitas veces parecen invisibles, inda que estean ao noso lado; OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR ACOMPAÑARNOS COA TÚA TENRURA
Garzas, Señor, por descubrirnos a túa tenrura, e invitarnos a vivila cos demais. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

*      DAMOS GRAZAS SEÑOR por permitirnos ter esperanza nun mañá mellor. Temos camiñado coma irmáns no medio das dificultades, témonos coñecido e recoñecido no rostro do irmán máis necesitado e temos saído ao teu encontro.
*      DAMOS GRAZAS SEÑOR porque o sinal máis claro é a túa presenza permanente. O Espírito segue estando presente nos nosos corazóns, facéndonos descubrir no rostro dos nosos irmáns o teu rostro. Grazas, Señor, por facer que deixe o meu “cántaro”, as miñas posicións para estar atento ao que nos pides.
*      DAMOS GRAZAS SEÑOR polo traballo en comunidade onde cada un pon os seus dons ao servizo de todos. Pola linguaxe común que temos atopado e que nos fai sentir a pertenza á Igrexa de Tui-Vigo.
*      DAMOS GRAZAS SEÑOR polo camiño percorrido con serenidade e esperanza, a pesares das dificultades e conflitos. Pola apertura fronte á sociedade sen perder a nosa identidade como Igrexa.
*      DAMOS GRAZAS SEÑOR porque te fas presente no máis necesitado; porque te fas presente en nós; porque te brindas coma unha Luz, por máis pequena que sexa.
*      DAMOS GRAZAS SEÑOR porque nos ensinaches a camiñar con esperanza, cheos de fe e vivindo o amor, fieis á vontade de Deus e ás necesidades dos pequenos, débiles e necesitados.
*      DAMOS GRAZAS SEÑOR por compartir a Palabra, a oración e a escoita dos máis necesitados. Polo diálogo, a unión e busca de respostas aos problemas. Polo compromiso, a audacia, o cansazo e a alegría compartidos.
                      (Pastoral Social Arquidiocesana de Córdoba, Arxentina)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...