Ir al contenido principal

7 Domingo TO A 2017


SÓ SUPERANDO A TENTACIÓN DA AUTORREFERENCIALIDADE LOGRAREMOS ENTENDER POR QUE TEMOS QUE SER, CON INSISTENCIA E SEN DESCANSO, UNHA IGREXA PERMANENTEMENTE EN SAÍDA, MOVIDA POLO AMOR, E SENDO CAPAZ DE DEIXAR ATRÁS A TENTACIÓN DA CONDENA E A DESCUALIFICACIÓN
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
LECTURAS: O amor é o meirande (Nº 120)
OFERTORIO: Misioneiro (Nº 115)
COMUÑÓN: Eu soñei (Nº 58)

ESCOITA ACTIVA

Ser Igrexa en saída, escoitámoslle dicir moitas veces a curas e bispos, tratando de imitar ao papa. E como ben sabemos, os imitadores, se non son moi bos, e parece que este non é o caso, convértense en malos remedos do imitado. Claro que temos que ser unha Igrexa sen medo, sen complexos, con capacidade de erguer a voz alí onde hai inxustiza e maltrato para as persoas; claro que temos que ser unha Igrexa que volva ao Evanxeo e non se escude na lei do Dereito canónico; claro que temos que ser unha Igrexa que arrisque, que non teña medo a facer cousas distintas, que sexa capaz de romper co pasado que a anquilosa porque só mira para atrás buscando seguridade e desconfía sempre do presente. Claro, claro, claro... pero temos que empezar por nós. Porque Igrexa somos todos: eu, ti, vós... e a todos nos chama e nos incumbe a forza da Palabra que hoxe Xesús nos dirixe. Deixemos que a frescura da súa Palabra resoe nos nosos oídos e cambie a maneira que temos de entender e facer as cousas, como persoas de fe que somos.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*      Porque nos pode a comodidade e nos falta capacidade para facer cousas novas e boas; SEÑOR, ALIÑA O NOSO CORAZÓN.
*      Porque nos falta capacidade de risco e nos sobra palabra oca; CRISTO, ALIÑA O NOSO CORAZÓN.
*      Porque oímos a túa palabra, pero non desentaponamos os oídos para escoitala; SEÑOR, ALIÑA O NOSO CORAZÓN.

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

·      O plantexamento das lecturas de hoxe pon a mirada no que ha ser o centro do noso actuar como cristiáns: o amor. E, desde cada un de nós, o que ten que ser a actuación da Igrexa no medio do mundo. O papa Francisco ten utilizado moitas veces a expresión "Igrexa en saída" para poñer de manifesto, para insistir, que entre todos, temos que ser unha Igrexa cos ollos sempre moi abertos a canto pasa no mundo. Para comprendelo, si, pero tamén para actuar desde el. Porén, non ha ser esta unha actuación de poder, de imposición ou de institución forte que manda e impón sobre os demais, os débiles. Non. Todo o contrario. Ser Igrexa en saída é unha chamada a aprender a estar no mundo con actitudes de escoita, colaboración, traballo compartido e construción dunha sociedade na que o centro sexan sempre as persoas e non os cartos, o prestixio ou o poder. Desde esta clave é desde onde temos que ler e entender hoxe os textos da escritura. Principalmente esta primeira lectura do libro do Levítico. E do mesmo xeito que para o Pobo de Deus, Israel, o fundamental non estaba no odio, no enfrontamento ou na exclusión, senón na acollida e fraternidade de ver aos que temos ao lado como iguais, sen facelos de menos nin ignoralos; tamén, hoxe para nós, os que formamos a Igrexa, a nosa tarefa é estar no mundo con actitudes que perdan o medo e nos leven a ser unha Igrexa, unha comunidade, en diálogo con crentes e non crentes para facer do mundo o que ata o de agora non está sendo e se non poñemos remedio nunca o será: casa de todos. Entendemos desde o próximo as palabras que temos escoitado do libro do Levítico. E na medida en que o fagamos, iremos entendendo por que o Señor é misericordioso e clemente.
·      Ser Igrexa en saída supón deixar atrás as falsas ideas de que a Igrexa só está para facer bautizos, enterrar mortos e celebrar misas polos defuntos. A acción da Igrexa, se quere ser fiel ao evanxeo, non pode ser outra máis que a de traballar pola liberación de todo o que impide que as persoas sexan respectadas e recoñecidas, todas sen excepcións, coma iguais. Así o entendía Paulo, que foi o primeiro en deixar de laiarse, como os que quedaran en Xerusalén, para saír a anunciar, desde o diálogo e a busca do común, toda a riqueza da mensaxe de Xesús. Paulo non tivo medo, saíu, deixou o niño, o grupo estufa onde se atopaba tan cómodo para comezar a evanxelizar levando como bandeira a Xesús e a dignidade que, desde El, todos compartimos. E se somos todos, e se non hai exclusións, estamos chamados a construír relacións que nos unan, nos leven a prestar colaboración e a superar a indiferenza. Porque se todos somos templos, e o templo é sempre unha experiencia de respecto, de sacralidade e de encontro, así ha ser tamén o actuar da Igrexa e, formando parte dela, dos cristiáns. E inda que segue a haber xente que pasa das persoas e destrúe o templo que Deus puxo en cada un de nós, non podemos ser, os que nos chamamos cristiáns, os que nos deixemos levar desta maneira de facer. Porque non somos de ninguén máis ca de Cristo, traballemos cada día para que das palabras pasemos aos feitos.
·      Uns feitos que non son entón os que se moven na vinganza, no odio, no enfrontamento ou na descualificación de quen non pensa, cre ou vive coma nós. Deus pon en cada un de nós dignidade e respecto; e nós temos que facer de ámbalas dúas actitudes guieiros desde os que nos movamos e axuden a que outros se movan. Por iso temos que loitar contra a tentación do que Francisco chama "autorreferencialidade", é dicir: pensar sempre en nós e crernos que só nós facemos as cousas ben e somos os mellores. No noso mundo, inda que non o pareza –porque todos vivimos marcados polas novas de telexornais e xornais– hai moita xente que sen ser crente danos cada día un verdadeiro testemuño de fe, de entrega, de xenerosidade e solidariedade cara aos demais. Persoas que non buscan ser famosas e nas que ninguén se fixa, pero que se non estiveran a facer o que fan e como o fan, o mundo sería moito máis triste, inxusto e inhumano. Busquemos logo a referencia non no que nós pensamos que facemos ben, senón no moito e no ben que os demais fan cada día. E se somos capaces de saír de nós, seguro que comezaremos a ter outra mirada máis limpa, humana e xusta do noso mundo e dos que nel vivimos. E isto, como acabamos de escoitarlle dicir a Xesús, non se pode facer se non é desde o amor.

FRATERNIDADE ORANTE

Deus sempre fala desde o amor, non desde o medo. Faino así para que entendamos que só desde a confianza nel seremos capaces de asentar a nosa vida. Compartamos este momento de oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE VAIAMOS CONSTRUÍNDO O TEU REINO CO NOSO ACTUAR
Para que sexamos unha verdadeira Igrexa en saída, aberta a canto pasa no mundo, e sempre disposta a acoller, colaborar, participar e construír; OREMOS.
QUE VAIAMOS CONSTRUÍNDO O TEU REINO CO NOSO ACTUAR
Para que nas nosas parroquias e nas relacións duns cos outros non caiamos na tentación de pensar que hai persoas sobrantes, coas que nunca se conta e ás que se fai caer polo barranco da exclusión; OREMOS.
QUE VAIAMOS CONSTRUÍNDO O TEU REINO CO NOSO ACTUAR
Para que cantos hoxe temos escoitado a Palabra de Deus non deixemos que nos esvare sen prestarlle atención, senón que nos esforcemos por darlle visibilidade á chamada que nos fai Xesús de construír a vida desde o amor e a dignidade de todos, especialmente os que están a pasar por dificultades; OREMOS.
QUE VAIAMOS CONSTRUÍNDO O TEU REINO CO NOSO ACTUAR
Señor, grazas por seguir alentándonos a ser construtores dun mundo mellor, máis xusto, xeneroso e igualitario. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

“Unha ética de fraternidade e de coexistencia pacífica entre as persoas e entre os pobos non pode basearse sobre a lóxica do medo, da violencia ou da cerrazón, senón sobre a responsabilidade, o respecto e o diálogo sincero. Neste sentido, fago un chamamento a favor do desarme, como tamén da prohibición e abolición das armas nucleares: a disuasión nuclear e a ameaza certa da destrución recíproca, non poden servir de base a este tipo de ética. Coa mesma urxencia suplico que se deteña a violencia doméstica e os abusos a mulleres e nenos.
Todos desexamos a paz; moitas persoas constrúena cada día con pequenos xestos; moitos sofren e soportan pacientemente a fatiga de intentar edificala”.
(Mensaxe de Francisco para a xornada da paz 2017)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...