Ir al contenido principal

Corpus 2018

O TEU COMPROMISO MELLORA O MUNDO

CANTO GOZOSO

    corpus Christi de 2018
ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54)
LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33)
OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)
COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

    PARA NON PERDER O PASO 

    Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa da Eucaristía que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Cristo faise presente para dicirnos que, do mesmo xeito que El se doa, tamén nós estamos chamadas e chamados a doarnos na entrega xenerosa cara aos demais. É entón festa incluínte que nos iguala a todas as persoas ao redor dun sinal sinxelo, á vez que claro: o pan enchoupado da miga da nosa entrega e xenerosidade para facer que o mundo sexa casa común onde a mesa sexa de tod@s e ninguén sexa excluído. Un sinal que está en total contradición co xeito que teñen de actuar e facer as cousas os nosos gobernantes. Namentres eles buscan o enfrontamento, o engano e a mentira, o recoñecemento social e a imposición de canto separa e marca diferenzas; a festa de hoxe invítanos a camiñar por un camiño distinto: o da acollida, escoita, entendemento e traballo en común. Porque só neles de desde eles, se pode facer presente Xesús, o Deus que nos reúne e convoca ao redor da mesa neste día para celebrar a fraternidade.

    CO CORAZÓN FERIDO

      • Porque buscamos distinguirnos e non achegarnos; SEÑOR, QUE NO NOSO CORAZÓN NON MEDRE A INDIFERENZA.
      • Porque a nosa participación nas celebracións non é festiva senón rutineira; CRISTO, QUE NO NOSO CORAZÓN NON MEDRE A INDIFERENZA.
      • Porque deixamos que endureza o pan que aniña no corazón, impedíndonos achegarnos a pedir perdón e perdoar; SEÑOR, QUE NO NOSO CORAZÓN NON CREZA A INDIFERENZA.

      UNHA PALABRA QUE AGROMA 

      Celebrar a festividade do Corpus Christi é dar vida a toda historia de amor de Deus co seu pobo ao longo do tempo. A primeira lectura lembra un destes momentos de relación entre eles. Parecía que ía ser o único, o definitivo. O compromiso do pobo parece firme e incuestionable. Pero pronto se vai esquecendo porque a preguiza, o crerse forte e non necesitado da presenza de Deus, o pensar que xa pode e sabe camiñar só e sen compaña vai facendo que o pobo tome outros camiños que o distancian daquel proxecto de amor que se comprometera a desenvolver, deixando a Deus de lado. El segue a confiar e, unha e outra vez, volve renovar aquela Alianza; pero o pobo vaille dando; unha e outra vez tamén, as costas. Ata que definitivamente, e no seu Fillo Xesús, sela a Alianza definitiva. Cristo irrompe na historia, na nosa historia, para cambialo todo e ofrecernos outro xeito de mirarnos e de mirar o mundo e canto nel hai.
      Cristo é ponte de encontro e fraternidade entre nós e mais Deus. Sempre que nos xuntamos ao redor da mesa do altar lembrámolo. No Evanxeo proclamado hoxe escoitabamos que Xesús invita, non obriga. Tristemente a Igrexa durante moito tempo obrigou, non invitou. Unha obriga da que agora estamos a recoller os resultados en forma de abandono, indiferenza, rexeitamento, ritualismo e ausencia dunha fe persoal e personalizada. Porén, para as persoas que participamos nas celebracións coa alegría de compartir o encontrarnos na sinxeleza do Deus que se fai pan, é unha experiencia marabillosa de agradecer e retroalimentar a nosa esperanza desde a concreción da fe que non ten medo a saír dos templos para mostrarse como proposta que invita, visita, acolle, aleda e alenta as situacións de tanta xente que nas nosas parroquias ou traballos, se ven golpeadas pola frustración, o desánimo e o fracaso dos plans e proxectos que un día comezaron cheas de ilusión.
      Cáritas, testemuño visible desta Igrexa que sae dos templos para escoitar, acompañar e transformar situacións que levan ás persoas ao desacougo e á tristura, invítanos a vivir este día cunha opción clara: comprometernos a seguir a obra de Xesús. E lémbranos que aínda hai moito que mellorar. Por iso, o compromiso de cada un/ha de nós, si; e temos que crelo, mellora o mundo. O noso compromiso non se mide por horarios ou ganancias; a nosa referencia é a persoa de Xesús de Nazaré. Non o esquezamos.

      DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA

      Oremos a Deus Pai, rico en misericordia, para que nos dea o pan de cada día e o pan de Xesucristo, fonte de vida plena, dicindo:
      DANOS, SEÑOR, O TEU PAN
      Para que a Igrexa, que parte o pan, dea testemuño á hora de compartir os bens materiais e espirituais e de traballar pola xustiza; OREMOS.
      DANOS, SEÑOR, O TEU PAN
      Para que os ricos do mundo oian os gritos de tantos que queren outro mundo posible onde reine a xustiza, OREMOS.
      DANOS, SEÑOR, O TEU PAN
      Para que as persoas que comulgamos con Cristo nos comprometamos a vivir a comuñón cos irmáns e coas irmás, traballando por unha sociedade solidaria e fraterna, OREMOS.
      DANOS, SEÑOR, O TEU PAN
      Polas persoas voluntarias de Cáritas, para que sintan a forza do Espírito nas súas vidas e conten co noso apoio, OREMOS.
      DANOS, SEÑOR, O TEU PAN
      Grazas, Señor, por volverte pan que alimenta o camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

      PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO

      Señor Xesús, resucitado neste pan bendicido; ser persoa adulta, é dicir, responsable da súa vida non é fácil. Ser cristián adulto é estar comprometido co Evanxeo. A nosa fe, a nosa confianza en Ti é pobre. O noso esforzo por facer un mundo humano é moi limitado. O noso compromiso pola verdade, pola xustiza, polo amor, sobre todo á xente máis débil, pola solidariedade queda, moitas veces en palabras. Axúdanos, Señor, a ser persoas serias no que paga a pena: no amor comprometido pola vida, no traballo por unha sociedade sa, na loita pola dignidade de todos os seres humanos, no coñecemento do teu evanxeo, en unirnos para a oración comunitaria, en alimentarnos co teu Corpo e Sangue, coa túa vida enteira.

      Comentarios

      Entradas populares de este blog

      Pentecostes 2026

      PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

      Corpus 2026

      ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

      Igrexa Diocesana 2025

        DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...