Ir al contenido principal

Trindade 2018

CELEBREMOS QUE DEUS É SEMPRE
COMUNICACIÓN POR, DESDE E CON AMOR

RV6758_ArticoloDescarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Vaiamos ao altar (Nº 133)
  • LECTURAS: Cantade ao Señor (Nº 23)
  • OFERTORIO: Gracias, Señor (Nº 34)
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)
PARA NON PERDER O PASO
Temos escoitado moitas veces que Deus é amor. Un amor que se vai despregando a todas as persoas e situacións polas que o mundo, casa común, vai vivindo. Este amor adquire lugar no calendario litúrxico coa festa deste domingo: a Santísima Trindade. Con ela as persoas crentes no Deus de Xesús queremos poñer de manifesto que todo amor, cando é auténtico, é comunicación, proxección cara aos demais e experiencia de relación. Todo o contrario do individualismo ou da vivencia egoísta e pechada da fe.
Estas afirmacións fannos poñer a mirada no noso mundo para pedir perdón por todas as veces nas que as persoas cristiás non temos feito do amor comunicación en comuñón, senón interese persoal. Todas esas veces que foron derivando en actitudes de falta de compromiso, adecuación do Evanxeo ao interese material ou á comodidade.
Porque Deus non é manipulable e rexeita todo intento de manipulación no seu nome, comecemos a celebración desta mañá agradecendo o amor que Deus nos vai mostrando como Pa/Nai que nos deixa o seu proxecto desde a encarnación do seu Fillo continuado pola presenza e alento do Espírito Santo entre nós.
CO CORAZÓN FERIDO
·      Porque a nosa vida acumula máis egoísmo que amor; SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NO INDIVIDUALISMO.
·      Porque sabemos por onde ti nos pides que camiñemos, inda que moitas veces o ignoramos; CRISTO, QUE NON NOS PECHEMOS NO INDIVIDUALISMO.
·      Porque nos chamas sempre a superar a desconfianza na maneira de achegarnos aos demais; SEÑOR, QUE NON NOS PECHEMOS NO INDIVIDUALISMO.
UNHA PALABRA QUE AGROMA
ü Rematados os cincuenta días pascuais, os textos da Palabra de Deus que temos proclamado este domingo da Santísima Trindade, inciden na necesidade que temos como crentes de non romper a unión entre o que facemos no noso xeito de actuar e o que cremos. Fe e vida van intimamente unidas e retroaliméntanse continuamente en reciprocidade. O Deus Pai/Nai que sae ao encontro de Israel é o mesmo Deus que en Xesús asume a nosa condición humana e vai deixando pegadas de humanidade na súa persoa, no seu proxecto; e ese mesmo Deus faise presente na vida da Igrexa alentando proxectos de solidariedade e compromiso social no noso mundo. A festa de hoxe lémbranos que a fe supón unha actitude proactiva para converter a creatividade en iniciativas que fagan agromar sorrisos nas persoas e denunciar calquera intento de poñer a Deus como medio para obter intereses particulares e individuais. Nestes días temos visto como o papa Francisco reuniu en Roma a todos os bispos de Chile para rezar xuntos e pedir perdón por non ter sido verdadeiramente pastores ao servizo das súas comunidades, senón protectores do seu “status” de poder e carreirismo interesado e ao servizo, non dos que máis e mellor teñen entregado a súa vida ao servizo da causa de Xesús, senón da corrupción da amizade. Fronte a esta tentación consentida, o papa volve a insistir no feito de que a Igrexa só terá razón de ser no mundo se se fai crible e verdadeiramente ao servizo das persoas, especialmente das necesitadas e excluídas. As débiles e incomprendidas do noso tempo. Un tempo que temos que vivir con espírito profético e de denuncia de todo canto escureza, eclipse ou tape que é Xesús e a súa mensaxe o que ten que mover o labor dos que decidiron facer da súa vida un servizo ao mundo. Como ser casa común se seguimos empeñados en mirar e protexer o noso, e non defender o que tod@s?
ü Se eliximos a Deus como herdade, como rezabamos no salmo, o camiño da felicidade ha estar presente en cada un dos pasos que os que nos chamamos crentes imos dando cada día. Porque a felicidade non é unha palabra baleira que utilizamos a modo de recurso, senón actitude permanente que nos converta, alí onde esteamos, en embaixadores da historia de amor de Deus con nós. Unha historia de amor! Que frase máis recorrente. De verdade podemos dicir que a nosa relación con Deus, pasando polo noso modo de tratarnos uns aos outros, é unha historia de amor? Unha historia de gozo, compromiso, entrega, solidariedade e creatividade a favor das causas nobres e xustas da nosa parroquia, do noso Concello, da nosa Comunidade autónoma, do noso País... do noso centro de traballo? As historias de amor non son contos cheos de sentimentalismo sensibleiro, que nos fan lacrimar os ollos, senón compromiso, esixencia e entrega xenerosa coas persoas, e as súas causas, que van quedando esquecidas e abandonadas nas beiras dun mundo que se nega moitas veces a mirar para os lados.
ü Deixémonos logo, como lle dicía Paulo aos romanos, guiar polo espírito de Deus. Ese Espírito que reforza a súa presenza en nós en cada un dos sacramentos, “sinais do achegamento de Deus”, e nos fai tomar conciencia de que a nosa filiación convértenos a tod@s, sen exclusión de continente, raza, lingua ou formación académica, en irmáns e irmás. Unha irmandade que temos que ir poñendo en valor comprometéndonos nas causas que busquen o que nos iguala e pon na mesma liña de respecto e honestidade. Non é a nosa unha filiación froito do interese, senón do amor. Ese amor, como cantamos tantas veces, é o meirande dos dons que del temos recibido. Vaiamos e fagamos, como nos dicía Xesús no Evanxeo de hoxe, co noso testemuño discípul@s dese amor no noso mundo, sen caer na xustificación fácil de utilizar a fe para o noso propio interese individual. Porque El vai estar con nós sempre, non renunciemos endexamais a esta fermosa tarefa!
DESDE A ORACIÓN COMPARTIDA
Porque o amor de Deus foi agrandando os nosos corazóns, dicimos agradecid@s:
GRAZAS POLO AMOR DERRAMADO EN NÓS
v Para que sexamos unha Igrexa do amor e desde o amor, que sabe pedir perdón polos seus erros e confiar e favorecer as causas que buscan a xustiza do amor de Deus; OREMOS.
GRAZAS POLO AMOR DERRAMADO EN NÓS
v Para que nas nosas comunidades non teñamos medo a acoller e valorar propostas e iniciativas que unen e fan da colaboración camiño de encontro e felicidade, OREMOS.
GRAZAS POLO AMOR DERRAMADO EN NÓS
v Para que as nosas sexan sempre propostas creativas e ilusionantes que saben levar paz aos corazóns alporizados e alegría aos ollos entristecidos, OREMOS.
GRAZAS POLO AMOR DERRAMADO EN NÓS
Señor, acolle e alenta, cada día, o noso proxecto de amor para cos demais. P.X.N.S. Amén.
PARA QUE TOD@S SINTAMOS A LEDICIA DO COMUNITARIO
A solemnidade litúrxica, dixo Francisco, “ao tempo que nos fai contemplar o misterio estupendo –do cal provimos e cara onde imos– renóvanos a misión de vivir a comuñón con Deus e entre nós, sobre o modelo da comuñón trinitaria. Non estamos chamados a vivir “os uns sen os outros, por riba ou contra os outros”, senón “os uns cos outros, polos outros e nos outros”. Isto significa, “acoller e testemuñar concordes á beleza do Evanxeo; vivir o amor recíproco e cara todos, compartindo alegrías e sufrimentos, aprendendo a pedir e conceder o perdón, valorizando os diversos carismas, baixo a guía dos Pastores... Encomendásenos a tarefa de edificar comunidades eclesiais que sexan cada vez máis familia, capaces de reflectir o esplendor da Trindade e de evanxelizar, non só coas palabras, senón coa forza do amor de Deus, que habita en nós”.
                  (2015/05/31/el-misterio-de-la-comunion-trinitaria-explicado-por-el-papa/)
-->

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...