Ir al contenido principal

DOMUND 2019

XXIXº Domingo do tempo Ordinario
Enviad@s a evanxelizar na xenerosidade da fraternidade: cidadanía e misión
Cantos
Entrada.-  Con ledicia vimos ()
Lecturas.-  Ergo os meus ollos (112)
Ofertorio.-   Non vou só ( 60 )
Comuñón.- Ide e pregoade (55)
MIRANDO AS BEIRAS
O Evanxeo recolle a invitación de Xesús aos apóstolos para que vaian e anuncien. É dicir: a que se poñan en camiño para mostrar o que sentían e vivían. Sen movernos, dificilmente sairemos da nosas zonas de conforto, polo que a nosa experiencia de fe e vida sería empobrecedora. Porén, os apóstolos puxéronse en camiño, saíron da súa rutina e comezaron a facer da misión que Xesús lles encomendara o guieiro das súas vidas. E tan ben o fixeron que por iso estamos aquí, compartindo e celebrando que hoxe tócanos a nós ser axentes de que esta misión non esmoreza. E isto lembrámolo neste domingo do DOMUND –Xornada Mundial das Misións– que nos fai tomar conciencia que neste envío tócanos a nós ser misioneir@s na Casa Común que compartimos, misioneir@s na defensa da vida e dignidade que Deus puxo no mundo. Recemos comunitariamente para que Deus nos siga a alentar nesta tarefa en todas as partes do mundo.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por non acabar de poñernos en camiño para ser anunciadores/as do Evanxeo coa nosa vida; SEÑOR, QUE NON ESCAPEMOS DA MISIÓN.
Por esquecer que somos misioneir@s do mundo para conservar a Casa común; CRISTO, QUE NON ESCAPEMOS DA MISIÓN.
Por non valorar o traballo de tantas persoas que fan da súa vida entrega e xenerosidade; SEÑOR, QUE NON ESCAPEMOS DA MISIÓN.
PALABRA ENCARNADA
O Concilio Vaticano II puxo recuperou a centralidade das persoas na vida da Igrexa; pero fíxoo non de maneira teórica e abstracta, senón propoñendo unha teoloxía do compromiso e da presenza. Deste xeito desacralizaba, a vida de fe -en mans de profesionais da misión-, dando autonomía e capacidade de decisión en liberdade a todas as persoas bautizadas. Na Igrexa, alomenos na súa formulación, ninguén pertence nin está chamada a ser “casta dirixente”, senón que somos Pobo de Deus e compartimos a sacerdotalidade común dos fieis por ter recibido o bautismo. Isto poñía, inda que na praxe aínda hoxe a moitos lles custa entendelo e asumilo, a misión no eixe fundamental da evanxelización. Todas e todos, por riba dos servizos que cadaquén desenvolva na Igrexa, somos misioneir@s e estamos chamados a dar razón desta misionalidade coa nosa vida e co noso compromiso de testemuñar a mensaxe do evanxeo desde a persoa de Xesús. A celebración deste domingo, Xornada Mundial das Misións, quere que non o esquezamos e que sexamos persoas activas para facer da misión tarefa permanente do noso ser e estar presentes no mundo. Porque ser persoas bautizadas activa a forza do envío para esta tarefa de ser evenxelizado@s.

As dificultades que poidamos ir atopando, que chegan e seguiran chegando, fannos tomar conciencia do realismo da misión. Non é esta unha “ fake news” – nova falsa – como se di agora, senón unha afirmación real que non nos inhibe nin nos paraliza, senón que nos fai tomar conciencia de que a nosa limitación lévanos a ter a intelixencia necesaria de contar cos demais, de non pecharnos nas nosas “soberbias” de purismo teolóxico e fidelidade de doutrina, de non crernos únicos na verdade, e por riba dos demais, de quen dicimos que están no erro. Pois se “o auxilio nos vén do Señor”, estamos chamados a superar esta tentación de superioridade e facernos pequen@s para que a misión poida ser compartida e engrandecida con todas as mans que se unan para facer do mundo casa onde a ferramenta sexa a solidariedade desde a que responder ao envío de “ir e anunciar”, sen medo, a Boa Nova entre as persoas e coas demais persoas. As de aquí e as que están ou veñen de alá.

É esta sabedoría a que nos leva por camiños de sentido e plenitude, os camiños da salvación. Estes camiños vense abertos na acollida e xenerosidade de quen se sabe e descobre irmán entre irmáns e irmás. Polo tanto neste traxecto compartido da misión, a forza da oración vai ser para nós combustible que manteña sempre vivo o compromiso e a loita pola xustiza, a solidariedade e o traballo por dignificar coa nosa presenza, aquí e noutros lados máis afastados, a vida das persoas, sen facer distinción de credos, razas linguas ou continentes. A misión chámanos a superar fronteiras para aprender a acompañar e deixarse acompañar, por persoas. Deste xeito responderemos, coma discípulos, á encomenda que Xesús, tamén hoxe nos segue a facer.
LATEXANDO TENRURA NO CORAZÓN
Convocad@s nesta xornada a tomar conciencia de que somos misioneir@s do evanxeo alí onde esteamos, dicimos: SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER AS TÚAS TESTEMUÑAS.
Para que a Igrexa non renuncie nunca ao seu sentido misioneiro, levando a esperanza de Xesús en forma de loita pola dignidade e o recoñecemento das persoas máis empobrecidas, Oremos. SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER AS TÚAS TESTEMUÑAS.
Para que as nosas parroquias sexan viveiros nos que a misión a vivamos desde a ruptura das rutinas e o compromiso con quen está só e esquecido de tod@s. Oremos. SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER AS TÚAS TESTEMUÑAS.
Polas misioneiras e misioneiros, concreción da Igrexa en saída, para que conten sempre co respaldo da nosa oración e a aportación económica. Oremos. SEÑOR, QUE NON RENUNCIEMOS A SER AS TÚAS TESTEMUÑAS.
Acompaña sempre, Señor, o compromiso por facer da Igrexa presenza vida de achega ás pobrezas dos homes e mulleres aos que os poderosos lles dan as costas. P.XN.S. Amén.

PÉS NO CHAN E CONFIANZA EN DEUS
“Unha Pentecoste renovada abre as portas da Igrexa para que ningunha cultura permaneza pechada en si mesma e ningún pobo quede illado, senón que se abran á comuñón universal da fe. Que ninguén quede pechado no propio eu, na autorreferencialidade da propia pertenza étnica e relixiosa. A Pascua de Xesús rompe os estreitos límites de mundos, relixións e culturas, chamándonos a crecer no respecto pola dignidade do home e da muller, cara unha nova conversión cada vez máis plena á verdade do Señor resucitado que nos dá a tod@s a vida verdadeira” .                                                
                        (Francisco, Mensaxe para a Xornada Mundial das Misións 2019)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...