Ir al contenido principal

1 Domingo Coresma 2020 A


Tempo de poñer o reloxo a punto: iguais e sen exclusións
SINAL DE CORESMA
Celebramos o primeiro domingo de coresma, e con el presentamos un sinal que nos pode ir axudando a marcar este tempo penitencial que comezamos o mércores da cinsa.
Propoñemos un reloxo como imaxe central. No interior do reloxo, escribimos: “CORESMA É TEMPO DE...”, ao redor da cal iremos cada domingo axuntando unha actitude que temos que ir reflexionando ao longo da semana.
Como neste primeiro domingo as mulleres crentes queren visualizarse e maniféstanse en varios puntos do país para mostrar o seu esquecemento e a pouca ou ningunha valoración polo seu traballo na Igrexa, queremos que a primeira actitude, que ha levar a non calar ante silencios aos que se somete á muller dentro da Igrexa, sexa a de REIVINDICAR. A partires dela, cada semana irán aparecendo: contemplar, dialogar, curar e confiar.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Non vou so (Nº 60)
LECTURAS: As túas palabras, Señor (113) / Un novo sol sobrancea
OFERTORIO: Ergo os meus ollos (Nº 112)
COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (nº 89)
ABRINDO OS OLLOS
Hoxe é día para que tomemos conciencia de que a Igrexa non é nin dos homes nin só para eles, inda que por quen a goberna o puidera parecer. Sen a presenza da muller, os nosos templos quedarían baleiros, e as celebracións non serían máis ca monólogos de curas ou bispos en bancos e naves baleiras. Que mellor que este domingo, no que o Evanxeo das tentacións nos lembra que as ansias de poder, dominio, imposición ou recoñecemento social non están lonxe de nós, para reivindicar o papel da muller na Igrexa. Unha reivindicación que non quere ser asumir poder, senón converter en xustiza a palabra do Deus que nos creou iguais en dignidade e a imaxe súa. Non deixemos logo que ninguén, no nome do seu propio deus, nos engane e manipule.
Fagamos da reivindicación tarefa e compromiso permanente dentro e fóra da Igrexa, para que a igualdade non sexa palabra, senón compromiso persoal e comunitario de todas as persoas que nos sentimos Igrexa.
ACOLLENDO A MISERICORDIA
Por non fomentar e valorar a pluralidade dentro da Igrexa; SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.
Por non recoñecer a importancia e o papel da muller na Igrexa; CRISTO, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.
Por calar ante a inxustiza de non dar voz ás mulleres na Igrexa; SEÑOR, QUE NON EXCLUAMOS A NINGUÉN.

FACENDO DA PALABRA VIDA
O relato da primeira lectura fainos ver que a responsabilidade de canto ocorre no mundo é de todos e todas. Somos responsables, sen exclusións, do bo que imos desenvolvendo e tamén do malo que nos leva ao enfrontamento e á destrución. Deus, por amor, fainos persoas libres e iguais; persoas chamadas a vivir en reciprocidade desde o respecto de canto puxo nas nosas mans. Pero nós, créndonos mellores, superiores e mesmo substitutos de Deus fomos facendo da nosa presenza distincións, diferenzas e exclusións. As ansias de mandar, someter e facer de menos, levounos a crernos superiores e mellores uns sobre as outras. Non hai máis que achegarse á historia para tomar conciencia do que estamos a dicir. Unha historia chea de dominio, sometemento, silencio... invisibilidade que os homes foron facendo respecto das mulleres. E inda que agora a moitos se lles enche a boca ao falar da Igrexa, este esquecemento sempre foi en tódolos ámbitos. Ningún deles quedou excluído. E na Igrexa esta invisibilidade segue, a pesares de que sen a presenza da muller, esta sería unha institución baleira e inerte. Por iso é tempo de tomar conciencia de que o cambio é imparable, de que o sometemento non é evanxélico, de que a igualdade no proxecto de Deus non é unha palabra retrouso, senón un compromiso real e permanente. E para poder acadala e que se recoñeza, é necesario REIVINDICAR. Quen non loita polo que é xusto, acaba sendo cómplice dos verdugos. Queremos seguir botándolle a culpa á serpe? Seguimos crendo no relato, sempre feito por homes, de que muller e serpe son as culpables? 
En Xesús abriuse unha xeira nova. Non hai máis que prestar atención ao seu xeito de dicir e facer. Unha xeira de recoñecemento, unha xeira de loita contra a discriminación, unha xeira a prol da igualdade en tarefas e responsabilidades. E mira que xa pasou tempo disto! Pero parece que non conseguimos dar o paso para cambiar, para ser verdadeiramente iguais en responsabilidade e traballo. As diferenzas biolóxicas, as cuestións de xénero, as diferenzas sexuais, non fan nin máis dignos a uns nin máis indignas a outras, senón que nos igualan, chamándonos a aprender a vivir na reciprocidade. Sen pasar facturas de vinganza pola dor vivida, sen apelar ao vitimismo por parte de quen durante séculos fixo do poder imposición e dominio sobre quen consideraba máis débiles; senón abrindo novas ventás polas que entre o aire que renove o interior da Igrexa e mire non tanto á Idade Media, canto ao presente que temos que construír con claves de responsabilidade compartida e servizo evanxélico ao ben común.
E para poder facelo así é necesario, como fixo Xesús, vencer a tentación que durante tantos anos non fomos capaces de vencer. A tentación de crernos mellores e superiores, a tentación de mandar e impoñer, a tentación de dominar, domesticar e manipular as conciencias erixíndose na voz e interpretación do plan de Deus para con cantos formamos parte de Casa común. Loitemos logo contra todos estes estereotipos, reivindiquemos espazos comúns de servizo compartido, e non deixemos que novas tentacións sigan usurpando o camiño da igualdade, no que uns e outras sempre temos que atoparnos.
SENTÍNDONOS COMUNIDADE
Porque Deus quérenos iguais, compartamos con agradecemento a oración comunitaria e digamos xunt@s:
SEÑOR, QUE A IGUALDADE GUÍE OS NOSOS PASOS
Para que non nos deixemos levar polo costume e non renunciemos a ser unha Igrexa que sabe respectar, empoderar, acoller e tratar con igualdade a todas as persoas que a formamos, OREMOS.
SEÑOR, QUE A IGUALDADE GUÍE OS NOSOS PASOS
Para que nas nosas comunidades non caiamos na tentación nin do poder nin da imposición, esforzándonos por ter un trato igualitario e un compromiso común en responsabilidade; OREMOS.
SEÑOR, QUE A IGUALDADE GUÍE OS NOSOS PASOS
Para que nós, no trato persoal, non fagamos diferenzas entre as responsabilidades de ser mulleres e homes, tanto na Igrexa como nos demais ámbitos da realidade social, OREMOS.
SEÑOR, QUE A IGUALDADE GUÍE OS NOSOS PASOS
Grazas, Señor, por lembrarnos que temos que estar atent@s para non caer na tentación de impoñer, mandar ,discriminar ou invisibilizar dentro da Igrexa e tamén fóra dela. PXNS. Amén.
PENEIRANDO A REFLEXIÓN
“Hoxe segue a ser importante lembrar a homes e mulleres de boa vontade que deben compartir os seus bens cos máis necesitados mediante a esmola, como forma de participación persoal na construción dun mundo máis xusto. Compartir con caridade fai á persoa máis humana, namentres que acumular supón o risco de embrutecerse, xa que se pecha no seu propio egoísmo. Podemos e debemos ir mesmo máis alá, considerando as dimensións estruturais da economía... Como ten repetido moitas veces o maxisterio da Igrexa, a política é unha forma eminente de caridade. Tamén o será ocuparse da economía con este mesmo espírito evanxélico, que é o espírito das Benaventuranzas”. (Da mensaxe para a Coresma 2020 do papa Francisco).

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...