Ir al contenido principal

20 Domingo TO A 2020

 A FE NON É UN PRIVILEXIO PARA UNS POUCOS ELIXIDOS, SENÓN QUE É UNIVERSAL 


CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Acharte presente (Nº 51)

  • LECTURAS: Camiñar sen Xesús (Nº 68) 

  • OFERTORIO: Eu soñei (Nº 58)

  • COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Estamos ante unha fin de semana na que a Palabra que nos convoca ten, se cadra máis ca nunca, rostro de muller. Si, porque mulleres son as protagonistas das lecturas que proclamamos onte e hoxe: María, a nosa nai e unha anónima muller cananea que se achega ao Señor para pedirlle a curación da súa filla. Dúas mulleres sinxelas, dúas mulleres fortes, dúas mulleres decididas, dous xeitos de entender a vida e un eixo común a ámbalas dúas: a fe nun Deus que se achega a elas con naturalidade e que non fai distingos por mor do xénero.

Que a Palabra que imos proclamar e que nos convoca aquí nesta mañá de domingo, nos axude a que, seguindo o exemplo de Xesús, sempre traballemos pola igualdade e a naturalidade nas relacións entre seres corresponsables.

RENOVANDO O CORAZÓN

  • Porque son demasiadas as veces nas que utilizamos o teu nome en van para cangar os ombreiros dos irmáns e das irmás con pesados fardos que non son máis ca un reflexo da nosa intolerancia e do noso medo, dicímosche coma a muller cananea: SEÑOR TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

  • Por ter convertido a nosa oración non nun diálogo contigo, senón nunha listaxe de peticións, coma se foses unha grande superficie comercial na que atopamos de todo, pedímosche coma a muller cananea: CRISTO, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

  • Porque seguimos considerando ás mulleres coma o sexo débil, porque seguimos sen ter en conta a súa opinión, a súa voz, o seu criterio á hora de tomarmos decisións dentro da Igrexa, berrámosche coma a muller cananea: SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

REMOENDO NA PALABRA


  • As lecturas que vimos de proclamar hoxe teñen un eixo común: a universalidade da fe, ou o que é o mesmo: Deus chama por todas as persoas, homes e mulleres; brancas, negras ou amarelas; dunha e doutra cultura; nad@s neste ou naquel país. E, como a fe non é un privilexio duns poucos, ninguén se debe sentir diferente ou superior a ninguén. Así, fronte a ese crerse mellores do pobo xudeu, Isaías anuncia que os estranxeiros tamén entrarán na casa do Señor; Paulo lémbralles aos romanos que os xentís tamén obtiveron a misericordia de Deus e Xesús no evanxeo ten un diálogo interesantísimo cunha muller cananea, doutra cultura e doutra relixión que se achega a El movida pola fe. Polo tanto, a Palabra dinos que Deus non é destes ou dos outros, ao contrario, non fai distingos. E se El non os fai, pide que nós tampouco os fagamos. 

  • E cando se fala de excluír non só nos referimos a persoas, senón que tampouco debemos excluír culturas, falas, feitos... que respecten a dignidade do ser humano. E isto, que se nos ten repetido tantas e tantas veces está ben lonxe de ser unha realidade na nosa vida. Porque...podemos afirmar que non somos unha Igrexa excluínte?. Só coa boca pequena. Se nos paramos un chisquiño -tampouco cómpre moito tempo para decatarse-, descubriremos que estamos a anos luz de sermos unha Igrexa incluínte. Non hai lugar para a creatividade, non hai cercanía aos problemas da xente de a pé, non hai misericordia nin compaixón, non hai interese por abrir vías de diálogo cunha sociedade cada vez máis secularizada.... só hai medo e peche de fronteiras para que non entre ninguén que non sexa “dos nosos”. Porén, a Igrexa non é unha aduana, lémbranos Francisco na EG, senón que é a casa do pai, a casa da nai, na que hai un sitio para cadaquén coa súa vida ás costas. As fronteiras son unha realidade que Xesús de Nazaré transita non para lexitimalas, senón para “saltalas”, e nelas atópase con mulleres que se converten en mestras en facelo. 

  • Unha destas mulleres é a muller cananea. Moito temos que aprender do Mestre. Diante dunha muller dobremente marxinada dentro da cultura xudía, dunha banda por ser muller, doutra, por ser estranxeira; Xesús déixase sorprender e interpelar. Que lonxe a súa actitude da que teñen os seus sucesores e representantes! Somos intolerantes coas mulleres, que seguen estando un banzo ou dous por debaixo dos homes, que seguen tendo que contentarse coas faragullas que caen da mesa dunha mesa tan patriarcal como inxusta. Porén, paradoxalmente, se as mulleres decidísemos non asistir ás celebracións, as Igrexas estarían baleiras; se nos cruzáramos de brazos, habería bastantes máis problemas dos que queren admitir; se fixésemos deixadez de funcións... nalgunhas partes sería unha hecatombe total. 

  • Contra esa inxustiza non só teñen que loitar as mulleres, temos que loitar todas as persoas que nos dicimos cristiás; e non por facerlle un favor á muller, senón porque é un malgasto de enerxías, prescindir dun plumazo de máis da metade das persoas bautizadas á hora de buscar solucións aos seus problemas. Hai que recoñecer con toda sinceridade, que se trata dunha loita polo poder. Por que ten que ser o home quen toma decisións, mesmo en temas que afectan exclusivamente á muller? Que, como Xesús, nos deixemos interpelar e sorprender por tantas cananeas que, no noso mundo, na nosa Igrexa, berran igualdade.

COMPARTINDO O COMPROMISO

Poñémonos agora nas mans amorosas e abertas de Deus Pai-Nai e dicímoslle xunt@s:


GRAZAS POR CONTAR CON TODAS AS PERSOAS


  • Pola Igrexa, que formamos todas as persoas bautizadas, para que descubramos que a fe non é excluínte nin se pode impoñer, senón que hai que ofrecela desde o respecto a todos os seres humanos, independentemente do seu xénero, e desde a fidelidade á mensaxe de Xesús, e non a unhas frías formulacións teolóxicas, OREMOS.


GRAZAS POR CONTAR CON TODAS AS PERSOAS


  • Polas nosas comunidades, para que nunca caiamos na doada tentación de pechalas só en nós e nos que pensan coma nós, e sexamos capaces de abrirnos a todas as persoas, tamén ás que opinan de xeito distinto, OREMOS.


GRAZAS POR CONTAR CON TODAS AS PERSOAS


  • Por cada un e cada unha de nós, que nos xuntamos nesta mañá de domingo celebrando e agradecendo a universalidade da fe, para que nunca nos deixemos levar da uniformidade nin da intolerancia, que non fan máis que matar a creatividade e a frescura do Evanxeo, OREMOS.


GRAZAS POR CONTAR CON TODAS AS PERSOAS


Grazas, Señor, porque unha vez máis déixasnos claro que na túa casa hai sitio para tod@s. Que as nosas actitudes reflictan esa universalidade á que ti nos chamas. P.X.N.S. Amén.


BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO


Grazas polas persoas que aman no concreto

e fan do amor martelo para romper barreiras establecidas.

Grazas pola xente que sofre porque ama

e converte o sufrimento en camiños de esperanza.

Grazas polas persoas que cren e esperan

máis alá de calquera límite interesadamente posto.

Grazas polas persoas que teñen palabra humilde e convencida

para facer triunfar as solidariedades.

Grazas polas persoas que resisten e aguantan,

a proba de fracasos, os seus amores todos.

Grazas por todas as nais dolorosas,

que aman e loitan sen límite para que os seus fillos e as súas fillas teñan vida.

Grazas por aquela muller descoñecida, chamada a cananea

e por todas as cananeas do mundo, de onte e de hoxe.

Grazas polos grupos e pobos que quixeron coller o teu estilo

para que a vida, a túa vida, triunfe e soleza

nos corazóns e nas casas da xente máis pequena.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...