Ir al contenido principal

Asunción 2020

 


SUPERANDO A TENTACIÓN DA PREGUIZA, POÑÁMONOS TAMÉN NÓS EN CAMIÑO


CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Xa nos tes aquí (Nº 71)

  • LECTURAS: Salve, Raíña (Nº 73) 

  • OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

  • COMUÑÓN: Esa é María (Nº 72)


CELEBRANDO A ACOLLIDA

Acostumad@s como estamos a escoitar as mesmas palabras a políticos, curas, bispos, artistas... moitas veces xa non nos damos conta do sentido e significado xenuíno que teñen. E ocórrenos así porque a medida que pasa o tempo deixámonos ir polos vieiros da rutina, o costume ou o ritualismo, o que vai facendo que desenganchemos do importante e acabemos confundindo o principal co secundario.

Cando isto pasa no ámbito da fe, acabamos converténdonos en consumidores de tradicións, pero non en testemuñas ledas da proposta de xustiza e compromiso transformador do mundo e das súas estruturas, á que nos invitaba Xesús de Nazaré.

E hoxe, se non lle poñemos atención, pode ocorrernos que celebremos esta festa do quince de agosto como unha rutina máis no calendario, litúrxico ou civil, sen pararnos a pensar nin no que celebramos nin no que supón dedicar a María este día de festa.

En María e con María, hoxe, mulleres e homes crentes neste noso mundo plural, proclamamos que outro mundo é posible desde a igualdade, o respecto á diferenza e a loita contra calquera intento de domesticar o esforzo pola creatividade da vida e da fe. 

MISERICORDIANDO DESDE O AMOR DE XESÚS

  • Para que non nos deixemos domear polo cómodo e fácil; SEÑOR, AXÚDANOS A QUE O NOSO SILENCIO NON OPRIMA.

  • Para que non deixemos que a preguiza nos leve a vivir a fe como rutina e costume; CRISTO, AXÚDANOS A QUE O NOSO SILENCIO NON OPRIMA.

  • Para que non dubidemos nunca en poñernos en camiño cando nos precisen, como fixo María; SEÑOR, AXÚDANOS A QUE O NOSO SILENCIO NON OPRIMA.

ESCOITAMOS A PALABRA


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE 

E abriuse o santuario celeste de Deus e apareceu a arca da súa alianza no seu santuario. Entón houbo lóstregos, berros, tronos, un terremoto e unha grande treboada. E apareceu no ceo un gran sinal: unha muller vestida co sol, coa lúa baixo os seus pés, e, na cabeza, unha coroa de doce estrelas. Estaba embarazada e berraba coas dores do parto. Apareceu outro sinal no ceo: era un gran dragón vermello, que tiña sete cabezas e dez cornos e nas cabezas sete diademas. Co seu rabo arramplaba cunha terceira parte das estrelas do ceo e botábaas na terra. O dragón plantouse diante da muller que estaba para dar a luz, coa idea de engulirlle o filliño en canto nacese. Tivo un varón; aquel que cun caxato de ferro ha rexer a todas as nacións. Pero Deus arrebatou o filliño da muller onda si, ao seu trono. Mentres tanto, a muller fuxiu para o deserto. E oíuse un gran berro no ceo que dicía: “Arestora chegou a vitoria, o poder, e o reino do noso Deus, así coma a soberanía do seu Mesías”. 

PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS


Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudá. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Isabel. E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Isabel a grandes voces:

- Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu seo!. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor?. Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!.

Entón María exclamou:

Proclama a miña alma a grandeza do Señor,

alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,

porque reparou na súa humilde escraviña.

Desde agora tódalas xeracións me van felicitar,

porque o poderoso fixo en min marabillas!.

O seu nome é santo,

e a súa misericordia chega, xeración tras xeración,

a todos os que o temen.

Manifesta o poder do seu brazo,

desbaratando os plans dos soberbios.

Derruba do seu trono aos poderosos,

e fai subir aos humildes;

aos famentos éncheos de bens,

e aos ricos despídeos baleiros.

Ampara a Israel, o seu servidor,

lembrándose da súa misericordia,

conforme llelo prometera aos nosos pais,

en favor de Abrahán e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela tres meses, e logo volveuse para a súa casa.


PALABRA DO SEÑOR

ESCOITAMOS A PALABRA


  • No mundo no que vivimos estamos acostumados, demasiado, poderiamos dicir, a escoitar moitas, moitas palabras. En non poucas ocasións, inda que con tonalidades, acentos ou musicalidade diferente, son as mesmas palabras. Así, non cansamos de escoitar, ou mesmo nós de dicir: igualdade, dignidade, visibilidade, solidariedade, gratuidade, respecto, pobres... pero despois, como se foramos o “plató” de televisión no que unha vez se apagan as luces ao remate do programa, nada ten que ver coa realidade na que viven as mulleres e os homes cada día. Todo é un “brilli brilli” irreal e mentireiro de sorriso a cámara para quedar ben. Aplicado a nós, diriamos que nin cambiamos nin a nosa maneira de facer as cousas fai posible que actuemos conforme ao sentido das palabras que usamos. Seguimos facendo diferenza respecto da igualdade; a dignidade recoñecémoslla aos demais se pensan coma nós, ou son do noso grupo familiar ou de amigos; énchesenos a boca de solidariedade, pero non a mostramos coa nosa vida nin coas actitudes que tomamos á hora de compartir con quen o precisa... Pouco a pouco, deámonos conta ou non, imos convertendo a nosa vida en puro teatro. Contra isto loitou sempre Xesús, e contra isto tamén ha servirnos o testemuño de María, quen soubo estar, dicir e actuar de xeito coherente cando se precisaba. Sen deixarse levar nin do que dirán nin de medos e rutinas.


  • Por iso, se tomamos un pouco de tempo en pensar na persoa de María desde o que nos di o Evanxeo (non desde costumes ou relatos moitas veces faltos de identidade e realismo e interesados polo afán de dominar e impoñer), descubrimos que ela non foi precisamente o que chamariamos muller submisa, calada e consentidora de actitudes de desigualdade e non recoñecemento. En María están presentes todos os esforzos e compromisos dunha muller que non se deixou dominar polo politicamente correcto nin se pregou aos costumes e modas do tempo. Ela foi  muller de criterio; un criterio liberador e de liberación; un criterio de loita contra a submisión e a dependencia; un criterio de espírito crítico e denuncia de canto oprimía e supuña inxustiza. En María non está a muller á que se saca en procesión con roupaxes caros e coroas de ouro e prata, senón a muller que non tivo medo a dicir si, a estar atenta a canto ocorría ao seu redor, a manifestarse como defensora das persoas empobrecidas e oprimidas, sen que se puxera a botar contas de se o seu actuar lle ía parecer ben ou non aos fortes e poderosos. Ela descubriu cal era o seu camiño e púxose a andar. Nós?

OREMOS COMUNITARIAMENTE

Na festa de María, festa de amor e servizo permanente, compartimos a oración xunt@s dicindo: 


PROCLAMEMOS A GRANDEZA DO SEÑOR DE XEITO LIBERADOR E SOLIDARIO


  • Por unha Igrexa igualitaria e liberadora, que non se deixa dominar polos poderosos, OREMOS.


PROCLAMEMOS A GRANDEZA DO SEÑOR DE XEITO LIBERADOR E SOLIDARIO


  • Por unhas persoas crentes comprometidas por facer das nosas familias, as nosas parroquias o noso tecido social camiño de unión e igualdade, OREMOS.


PROCLAMEMOS A GRANDEZA DO SEÑOR DE XEITO LIBERADOR E SOLIDARIO


  • Por un compromiso que nos leve a vivir, sen medo nin complexos, a fe, uníndonos ás causas que fan da igualdade, a dignidade e a xustiza eixes do actuar e vivir cotián, OREMOS.


PROCLAMEMOS A GRANDEZA DO SEÑOR DE XEITO LIBERADOR E SOLIDARIO


En María atopamos, Señor, a forza dun vivir liberador e verdadeiramente transformador de estruturas opresivas e inxustas. Que nós saibamos mirarnos, cada día, neste espello. P.X.N.S. Amén.



PALABRAS DESDE ONDE AGRADECER


“Señora da Morte e da Vida,

porta grande do Ceo, a nosa vida, dozura e esperanza.

Cando nos chegue aquela hora escura

de caer, cos mortos, na ringleira implacable;

cando busquemos, ao caer, nus de todo, 

¡volve a nós eses ollos teus,

coma unha luz temperada e á espera,

igual que un aloumiño sobre o rostro salvado para sempre,

como o bico de Deus, por fin acadado...

¡«e  despois do desterro, móstranos a Xesús»!. 

(Pedro Casaldáliga.

Testemuño de compromiso dunha unha vida entregada cos pobres)


Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...