Ir al contenido principal

21 domingo TO A 2020

CHAVES PARA ABRIR, AIREAR E SOLEAR, E NON CANDADOS PARA PECHAR A CAL E CANTO

CANTO GOZOSO


  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5)

  • LECTURAS: A túa Palabra (Nº 25) 

  • OFERTORIO: Velaquí, Señor (Nº 37)

  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

Cada vez resúltanos máis difícil confiar nas persoas. É certo que moitas veces as noticias que saen nos medios de comunicación non axudan a xerar confianza; pero tamén é certo que hai unha manchea de xente que traballa responsable e honestamente para facerlle a vida agradable aos demais e que son persoas dignas de confianza. O que ocorre é que tristemente nunca son portada de revista, senón que o seu é un traballo calado, pero sempre eficaz.
E se nos resulta difícil confiar nas persoas que fan connosco o camiño da vida, xa non digamos confiar en Deus “a quen non vemos”, como argumentan moitas persoas. Esixe un dobre esforzo.
Porén, o Señor segue a confiar en cada un e cada unha de nós, e hoxe dinos que nos dá as chaves que abren fiestras e portas para que o sol que quenta e a brisa que airea entren na nosa vida, na nosa casa, na nosa Igrexa. A pesares de que os nosos comportamentos ás veces deixan moito que desexar, El segue a confiar en nós.
Que esta celebración comunitaria que agora comezamos nos axude a beber da fonte da Palabra na que se nos revela Aquel en quen pomos a nosa confianza: Deus.

RENOVANDO O CORAZÓN

Porque moitas veces facemos un mal uso das chaves que Ti pos nas nosas mans, e en lugar de utilizalas para abrir corazón, ollos e vida usámolas para pecharnos en nós e no noso gueto, SEÑOR, EN TI POMOS A NOSA CONFIANZA.
Porque somos desconfiad@s cara aos irmáns e as irmás, e raramente estamos dispost@s a dar unha segunda oportunidade a quen nos ten fallado ou ferido, CRISTO, EN TI POMOS A NOSA CONFIANZA.
Porque estamos coas portas tan pechadas a causa dos nosos medos e inseguridades, que preferimos camiñar nas rutinas, nas falsas seguridades e na escuridade, SEÑOR, EN TI POMOS A NOSA CONFIANZA.

REMOENDO NA PALABRA

Quen di a xente que son eu?. Velaí a pregunta que hoxe nos lanza Xesús no evanxeo que vimos de proclamar e que pide de nós unha resposta. É verdade que non todos temos a mesma imaxe de Xesús, sobre todo, porque cadaquén elaboramos unha imaxe a partir dos nosos propios intereses e preocupacións, condicionada polo medio social ao que pertencemos e marcada pola formación relixiosa que temos recibido. Hoxe é un bo día para que cada un e cada unha de nós nos paremos a discernir sobre a importancia que lle damos a Xesús na nosa vida, se de verdade El é a pedra sobre a que edificamos, construímos e asentamos a nosa vida ou se pola contra non é máis que unha mesa supletoria que só usamos cando a precisamos.
Pero se El é a rocha, xuntos, non só Pedro, senón tamén con Pedro, iremos edificando a nosa Igrexa non sobre o alicerce do medo, a coacción, a submisión, o autoritarismo e a ansia de dominio e poder, senón escoitando, servindo e facendo comunitariamente o camiño, pois somos na casa de Deus pedras vivas. Solos non iremos moi lonxe, xuntos construiremos Igrexa de presente sempre aberta e sen medo ao futuro. De nós, do noso talante, vai depender que a Igrexa siga estando presente no mundo, non para ensombrecelo, senón para facelo medrar en humanidade solidaria. Construír Igrexa non é sinónimo de servilismo nin de obediencia cega, senón de participación e sinodalidade. As pedras, os cimentos non son todos iguais, hainas máis grandes e máis pequenas, con máis ou menos arestas, máis lisas e máis rugosas....pero todas son pedras e necesarias na cimentación. Como nos custa entendelo!.
E se o facemos así, estaremos seguindo o camiño que nos marcou Xesús. El entregounos as chaves, a creación enteira, o seu Reino, as súas arelas. Fíxonos caseiros de esperanzas e proxectos para que nos sentiramos libres e responsables. Entregounos as chaves... e díxonos que miremos os rostros da xente ata setenta veces sete antes de erixirnos en xuíces, clérigos ou xefes. Oxalá nunca o esquezamos: misericordia quero e non sacrificios.

COMPARTINDO O COMPROMISO

Abramos a nosa vida a Deus, que sempre e en todo momento nos dá oportunidades e nos demostra o seu amor, e digámoslle:

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

Pola Igrexa, para que entenda que o mandado do Señor de edificar e construír Reino inclúe a todas as persoas de ben e non só a uns cuantos elixidos, OREMOS.

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

Polas nosas comunidades, para que sempre teñamos abertas as portas da creatividade e non poñamos dificultades a canto nos leve a coñecer máis e mellor a Cristo, OREMOS.

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

Por todos e todas nós, para que nos abramos a confiar en Deus sempre e en todo lugar, sabedores de que El camiña ao noso carón e mesmo ás veces nos leva no seu colo amoroso de Pai-Nai, OREMOS.

GRAZAS POR CONFIAR EN NÓS

Grazas, Señor, porque unha vez máis móstrasnos o teu amor deixándonos decidir libremente, sen impoñernos nada e dándonos responsabilidades no aquí e no agora. P.X.N.S. Amén.

 

BUSCANDO ACOUGO ESPERANZADO


O Señor entregounos as chaves para:

abrir portas pechadas e corazóns duros e insolidarios
repartir os bens da terra
mostrar todos os tesouros de arcas, baúis e bibliotecas
sacar as cousas boas
dar a coñecer os misterios da ciencia
desenlear conciencias
abrir o que outros pechan (igrexas, fronteiras, fábricas...)
entrar nos cárceres
quitar trabas e soltar cadeas
varrer medos e culpabilidades
non andar agochados
perdoar barbaridades
que ninguén atope as portas do seu camiño pechadas aínda que sexa noite
desatar leis, normas, mandatos e editos de gobernadores, representantes e falsos deuses
liberar aos que senten que teñen as portas pechadas e a vida feita e planificada
que as persoas insensatas non perdan o tempo laiándose e poidan entrar aínda que sexa tarde
que sempre poidamos ensinarlle as nosas entrañas a quen chega, a tempo ou a deshora
abrir feridas, no corpo, na alma, nas estruturas para así poder curalas
para coidar e amosar a boa nova, os seus tesouros de Pai e de Nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...