Ir al contenido principal

27 Domingo TO a 2020

DA VIÑA Á MESA: O BANQUETE CO VIÑO NOVO DA FRATERNIDADE

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
  • LECTURAS: Como che cantarei? (Nº 28)
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

O pasado sábado 3 de outubro, na cidade de Asís, o papa Francisco asinaba a terceira encíclica do seu pontificado: Fratelli tutti, sobre a fraternidade e a amizade social.
Nun fermoso e profundo documento, Francisco anima á humanidade a recoñecernos como irmáns e irmás e a vivir como tales na casa común que Deus Pai nos confiou. Só desde o amor avanzaremos como sociedade cara un futuro sostible e xusto.
Ao longo dos domingos pasados, a viña foi a comparanza utilizada por Xesús para chamarnos a traballar en comunidade e a dar froitos de amor e de xustiza. Hoxe, a comparanza do banquete de voda, invítanos a vestir de festa o noso corazón co traxe do amor para poder entrar ao banquete. Non rexeitemos esta invitación!

RENOVANDO O CORAZÓN

*      Polas moitas veces nas que renunciamos a vestir o noso corazón co traxe do perdón, da misericordia, da comprensión e da escoita; SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.

*      Porque non estamos dispost@s a saír ao camiño da vida para ir ao encontro, invitar, coñecer, observar, acoller e acompañar aos que ninguén invita, recoñece, observa, acolle ou acompaña; CRISTO, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.

*      Porque poñemos pouco da nosa parte para recoñecernos como irmáns e irmás; SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Nesta montaña o Señor dos Exércitos ofreceralles a todos os pobos un banquete de boas talladas, de viños anellos, carnes ben condimentadas, viños refinados.
Destruirá nesta montaña o veo que tapa a todos os pobos, a cuberta que cobre a todas as nacións.
O meu Señor destruirá a morte para sempre, enxugará as bágoas de todas as caras,
afastará de todo o país a vergonza do seu pobo.
No día aquel dirase:
"Ollade, este é o noso Deus, esperamos nel: El hanos salvar.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas:
‑Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. Mandou aos seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles ós convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: ¡vide á voda!" Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro ós seus negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados: "A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
Saíron ós camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: "Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?" El ficou caladiño: Entón o rei díxolles ós camareiros: "Atádeo de pés e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos dentes".
Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Desde a época dos profetas, Israel describía a alegría dos tempos mesiánicos coma un banquete. Pola súa banda Xesús, que coñecía moi ben a vida dura e monótona dos campesiños, sabía como esperaban a chegada do sábado para liberarse do traballo. Víaos disfrutar nas festas e nas vodas.... daquela, que experiencia podía haber máis gozosa para aquelas xentes que ser invitadas a un banquete, sentar na mesa e compartir unha festa?. O banquete é símbolo do Reino de Deus: abundancia, festa, fraternidade, gratuidade..... Non podemos esquecelo, somos invitad@s a un banquete. O amor: esa será a chave que nos permita entrar ó banquete de vodas. Por iso a parábola móstranos unhas sorpresiñas:
  • as persoas que reciben a invitación non queren asistir, desculpan a súa asistencia. Para moitos daqueles cidadáns, a invitación a un banquete (o sono de calquera israelita!) non é algo importante. Para outros, mesmo é algo molesto: maltratan aos servidores do rei e mátanos.o a negativa incomoda ao rei, pero non suspende o banquete. Os servidores saen de novo e esta vez invitan a todas as persoas que atopan, boas e malas. A negativa non detén o amor de Deus, o ofrecemento do Reino segue facéndose malia ás nosas escusas e a nosa falta de acollida. 
  • a festa só comeza cando a sala está chea. Mentres, haberá que saír aos camiños, anunciando o banquete. Ninguén é chamado polos seus méritos, reúnen a todos os que atopan, bos e malos.
  • unha derradeira sorpresa: chega o rei e sorprende a un invitado sen traxe de festa e bótao fóra. A gratuidade de Deus reclama a nosa responsabilidade e o noso compromiso. Deus bríndanos a posibilidade de entrar no seu Reino: tod@s estamos invitados á voda, non hai acepción de persoas; pero esixe unha condición: levar traxe de festa, ou o que é o mesmo: servir na vida de cada día a mensaxe de Xesús, actuando segundo o Evanxeo. E, ás veces, canto nos custa!: dicimos crer en Deus, e mesmo acudimos ás celebracións; pero comprometer a nosa vida, o noso tempo, o que somos e o que temos a prol dos irmáns.... iso xa é outro cantar.

FRATERNIDADE ORANTE

Hoxe Deus invítanos a responder ao seu seguimento desde a ledicia. Agradecid@s dicimos:
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
  • Pola Igrexa, para que saiba dicir si a Deus desde a fidelidade ao mundo de hoxe; e semente coa súa presenza, a súa palabra e as súas accións a imaxe dun Deus acolledor, xusto, esperanzado e comprometido coas preocupacións das xentes de hoxe, OREMOS.
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
  • Polas nosas comunidades parroquiais, para que nos impliquemos en cambiar canto non nos fala de Deus, unindo vontades e forzas para que as cousas muden, OREMOS.
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
  • Por todos nós, para que respondamos á invitación do Señor, e vistamos de festa o noso corazón, OREMOS.
QUE TESTEMUÑEMOS A LEDICIA DE CRER
Señor, dános azos para traballar por un mundo no que todas as persoas poidamos brindar co viño novo da fraternidade e da xustiza. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA

Señor e Pai da humanidade,
que creaches a todos os seres humanos coa mesma dignidade,
infunde nos nosos corazóns un espírito fraternal.
Inspíranos un soño de reencontro, de diálogo, de xustiza e de paz.
Impúlsanos a crear sociedades máis sas
e un mundo máis digno,
sen fame, sen pobreza, sen violencia, sen guerras.

Que o noso corazón se abra
a todos os pobos e nacións da terra,
para recoñecer o ben e a beleza
que sementaches en cada persoa,
para estreitar lazos de unidade, de proxectos comúns,
de esperanzas compartidas. Amén.

Papa Francisco, Fratelli tutti

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...