Ir al contenido principal

29 domingo TO A 2020

DIANTE DUN MUNDO DE ANONIMATO E INVISIBILIDADE, DEUS SEGUE A CHAMARNOS POLO NOSO NOME

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Andarei na presenza (Nº 11)
  • LECTURAS: Cantádelle ao Señor (Nº 23)
  • OFERTORIO: Eiquí están (Nº 32)
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)

POÑENDO OS OLLOS NA REALIDADE

A fraternidade que nos iguala e nos saca do anonimato de quen non ten identidade, chámanos tamén a poñer a nosa mirada nas persoas, tal e como somos. Non como aparentamos ser. Porque nelas descubrimos quen somos e de onde procedemos: do amor do Deus Pai/Nai.
Compartir identidade e non esquecer nunca as nosas raíces, esíxenos un permanente esforzo por non deixarnos enganar nin das aparencias nin dos comentarios que só ven en nós o positivo, pero calan, quen sabe por que, as nosas limitacións. Non nos deixemos engaiolar por quen non busca máis que aproveitarse do que nós non temos medo en compartir, pero diante do que si buscamos sempre sinxeleza e sinceridade!

RENOVANDO O CORAZÓN 

  • Porque non sempre buscamos o ben e a verdade; SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS MEDO Á SINCERIDADE.
  • Porque por veces esquecemos de onde vimos e cal é a nosa raíz; CRISTO, QUE NON TEÑAMOS MEDO Á SINCERIDADE.
  • Porque deixamos que nos venza a tentación, e desprezamos aos demais; SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS MEDO Á SINCERIDADE.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Así fala o Señor acerca do seu unxido:
Chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.
Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.
Ameite, aínda que non me coñecías,
para que se saiba desde o nacente ao solpor que non hai cousa sen min.
Eu son o Señor e non hai outro.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEU

Naquel tempo, os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de pillar a Xesús nalgún dito. E mandáronlle algúns dos seus discípulos e dos partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
‑Mestre, sabemos que es sincero: que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos, porque non te deixas levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿que che parece: está permitido pagarlle o tributo ó Cesar ou non?
Xesús, catando a malicia, contestoulles:
‑¿Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.
Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
‑¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
Contestáronlle:
‑Do César.
Entón replicoulles:
‑Pois logo dádelle ó César o que é do César e a Deus o que é de Deus.
Ao oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon.

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

A Palabra ao redor da que nos reunimos cada domingo volve ser contrapunto co mundo no que vivimos. É dicir, diante dunha sociedade que potencia, cando non busca e impón, o anonimato e a invisibilidade das persoas máis necesitadas, empobrecidas e excluídas, a Palabra de Deus volve insistir que Deus é Pai/Nai que nin nos da as costas nin se esquece de nós. Ao contrario, terma, preocúpase, acompaña e está sempre acompañando os pasos que imos dando. No “chameite polo teu nome, e dinche un título”, que acabamos de escoitar no texto de Isaías, temos a concreción desta afirmación, á vez que se converte en contracorrente fronte ao xeito de actuar dos poderosos, e tamén dos que non o son tanto, no mundo actual. Pero non queda aí a cousa, senón que vai acompañada do título da fraternidade que nos une nun mesmo Pai/Nai e nos abre ao compartir nun mundo de irmáns e necesitado de que nos creamos que o somos. Como xa diciamos o domingo pasado, o papa Francisco volve lembrárnolo na súa carta encíclica sobre a fraternidade, na que nos di que tod@s estamos chamados a ser samaritanos de quen temos ao lado, para facer da samaritanía semente de irmandade.
Unha samaritanía que non é palabra baleira e sen contido, senón actitude permanente no noso actuar cotián: pararse, baixar das nosas palestras, preocuparse polo que lle pasa a quen se sente ferid@ e non perder a paciencia ante o desacougo de quen se ve esquecid@ e incomprendid@, cando non utilizad@. Ser samaritan@s no mundo de hoxe é todo un reto e unha tarefa permanente diante da que non podemos descoidarnos, xa que, baixo a aparencia de bondade, agochase moitas veces o intento de controlar, dominar, mandar e impoñer. O que vai no sentido contrario ao plano no que Xesús nos chama a vivir. Sexamos logo samaritan@s dos irm@ns, para que tamén eles o sexan da cada un de nós. Deste xeito conseguiremos afastar de nós a tentación de utilizar ás persoas como se fósemos cousas, no canto de aprender a acollernos coma o que somos desde a mirada do Deus Pai/Nai: persoas unidas pola irmandade compartida e vivida.
Aprendendo a camiñar deste xeito, seremos capaces de entender que significa dar grazas, valorar a entrega e xenerosidade de quen non pide e si acompaña superando prexuízos que dividen entre bos e malos, entre nós e os outr@s. Isto irá forxando un xeito de ver a realidade e actuar nela ao estilo de Xesús: buscando a verdade e non deixándose enredar polos que non veñen de cara, senón que pretenden enfrontarnos e desunirnos. Non nos deixemos caer nesas redes, e esforcémonos para non confundir que a fraternidade é unha graza que Deus nos concede para que sexamos felices e iguais.

FRATERNIDADE ORANTE

Sentíndonos en comuñón fraterna, compartimos a oración comunitaria e dicimos:
QUE SEXAMOS SAMARITANAS E SAMARITANOS AO TEU ESTILO, XESÚS
  • Para que sexamos unha verdadeira comunidade que, sabéndose chamada a comuñón, non crea fronteiras, senón que constrúe pontes que fan posible encontrarnos, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANAS E SAMARITANOS AO TEU ESTILO, XESÚS
  • Para que non esquezamos nunca que a fraternidade non é unha palabra baleira, e si un xeito de escoitar, acoller, acompañar e vivir, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANAS E SAMARITANOS AO TEU ESTILO, XESÚS
  • Para non deixemos que o anonimato, a invisibilidade e a aparencia nos fagan esquecer cal é o camiño de Xesús, OREMOS.
QUE SEXAMOS SAMARITANAS E SAMARITANOS AO TEU ESTILO, XESÚS
Grazas por invitarnos a poñer en práctica a samaritanía no noso actuar. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DIFERENCIADA


Señor Xesús, que non deixemos a porta aberta ao desánimo;
que a visibilidade nos recoñeza coma irmáns e irmás,
por riba de cores de pel, linguas ou procedencias.
Que non nos deixemos engaiolar
pola aparencia de quen só nos busca
para utilizarnos no seu propio beneficio.
Señor, se somos capaces de non deixarnos vencer
por quen fai do engano modo de vivir,
estaremos respondendo á túa invitación
de non permitir que ninguén nos converta en obxectos
que ignoran que a nosa identidade ten
a súa orixe no sentirte como Pai/Nai,
que nos mostra que só podemos compartir dignidade no teu amor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...