Ir al contenido principal

3 domingo Advento 2020 B

MEDIOS, NUNCA FINS, CÓMPRE NON ESQUECELO!

SINAL DE ADVENTO

Engadimos un novo elemento ao sinal para este tempo de Advento. Desta volta poñemos os brazos e as mans, co que queremos significar que o proxecto co que Deus nos agasalla é o de mans que acariñan e axudan a erguerse.

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)

  • LECTURAS: Veña o teu Reino (Nº 88)

  • OFERTORIO: Téndeme a túa man (Nº 36)

  • COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

    Chegamos ao terceiro domingo do Advento. A través das palabras do profeta Isaías chega hoxe a nós a voz do Deus que nos di que no camiño que estamos percorrendo el téndenos a súa man, unha man que nos axuda a erguernos cando a desesperanza aniña no noso corazón; unha man que nos acariña cando a tristura chega a nosa vida; unha man que nos estreita para que sintamos a súa presenza nos momentos de escuridade.

    Que a celebración que agora imos comezar nos axude a que, do mesmo xeito que Deus fai connosco, tamén nós saibamos ser para as irmás e os irmáns mans abertas e estendidas que acollen e nunha puños pechados que golpean. 

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

  • Por non estar dispostas e dispostos a tenderlle a man a quen precisa do noso tempo, da nosa escoita, do noso sorriso, da nosa axuda; SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

  • Porque facemos oídos xordos á voz do Espírito, que nos invita a ser persoas alegres e esperanzadas; CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

  • Polas veces nas que, a diferenza de Xoán, deixamos de ser testemuñas para converternos en antitestemuñas; SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

O Espírito do Señor está sobre min,

porque o Señor me unxiu.

Mándame anunciar a boa nova aos pobres,

curar aos de corazón destrozado,

proclamarlles aos cativos a liberdade

e aos presos que abran os ollos,

para proclamar un ano de graza do Señor

e o día do rescate do noso Deus,

para consolar aos entristecidos.

Exultarei ledicioso polo Señor,

e a miña alma brincará de xúbilo polo meu Deus,

xa que me fixo vestir roupas da salvación

e envolveume co manto da xustiza,

coma o noivo que veste solemnemente o turbante,

e coma a noiva que se adorna coas súas xoias.

Pois, como a terra fai saír os seus gromos,

e como un horto fai brotar as súas sementeiras,

así o Señor fará brotar a xustiza,

e a louvanza ante todos os pobos.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Houbo un home mandado por Deus: o seu nome era Xoán.

Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el.

Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.

E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el, para lle preguntar:

  • Ti quen es?

El declarou e non negou. Declarou:

  • Eu non son o Cristo.

Preguntáronlle:

  • Entón ¿quen es ti? ¿Es Elías?

Contestou:

  • Non son.

  • ¿E-lo profeta?

Respondeu:

  • Non.

Daquela dixéronlle:

  • ¿E, logo, quen es? Para que lles poidamos dar unha resposta ós que nos mandaron. ¿Que dis de ti mesmo?

El dicía:

  • Eu son a voz do que clama no deserto, "endereitade o camiño do Señor" (como escribira o profeta Isaías).

Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:

  • Entón ¿por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?

Xoán respondeulles:

  • Eu bautizo con auga; mais entre vós está quen vós non coñecedes; o que vén detrás miña e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia.

Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.

PALABRA DO SEÑOR

NA ESCOITA DA PALABRA

  • Vivimos un momento de pesimismo e sensación de derrota, a pandemia que nos asola trae consigo illamento, desconfianza, crise... morte. Son moitos ao noso redor os corazóns rotos e sen esperanza. O texto de Isaías que vimos de escoitar na primeira lectura constitúe toda unha chamada a saír do noso individualismo, a mirar máis alá do noso propio embigo. Hoxe, coma no tempo do profeta, o Espírito está sobre cada unha e cada un de nós para que lle levemos a boa nova ás persoas pobres, para curar corazóns feridos, para botar unha man a quen queda á beira do camiño, para alegrarlle a vida a quen vive na escuridade da dor, da enfermidade ou da soidade. Nós somos hoxe, aquí e agora, as mans de Deus. Correspóndenos saber poñer nesas vidas rotas agarimo, sinceridade, consolo... cercanía.

  • E todo isto sen esquecer que os demais non teñen que tropezar e descubrirnos a nós, senón que a través noso teñen que descubrir o rostro de Xesús. Xoán tíñao claro. Non se arroga falsas identidades: non é o Mesías, nin Elías, nin tampouco o profeta. Recoñece que el é só unha voz que grita no deserto. Non pretende primeiros postos nin palacios, proclama o que ten que anunciar e a quen ten que anunciar, simple e sinxelamente. Pero… que difícil nos resulta!. Que lonxe estamos disto, tanto a Igrexa como institución (que parece que máis que predicar a Deus predícase a si mesma: tantas leis, tantos decretos, tantas palabras ferintes falando no nome de Deus, coma se El fose intolerante, racista ou xenófobo) como cada unha e cada un de nós (que vivimos das aparencias, que nos gusta que nos gaben, que demandamos o noso minuto de gloria e nos consideramos o embigo do mundo).

  • Así, nesta actitude de conversión e cambio é na que queremos que nos atope Xesús cando chegue. Non importa se hai moitas luces de cores nin moitos produtos de rebaixa. O que importa é que nos atope co corazón cambiado e disposto, desde a alegría, tal e como nos di Paulo, dando testemuño de ser luz para endereitar o camiño que leva a Deus. Sexamos, como nos di Xoán, voz que clame contra canto fai ás persoas infelices por tratalas como cousas, como números, como datos ou como estatísticas.


COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Compartimos agora a nosa oración comunitaria dicindo: 


GRAZAS, SEÑOR, POR TENDERNOS A TÚA MAN


  • Para que a Igrexa non perda nunca a perspectiva de que ela é mensaxeira do amor de Deus a todas e a cada unha das persoas, OREMOS.

  • Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por tenderlle a nosa man ás persoas que a necesitan; OREMOS. 

  • Para que no medio de tanto balbordo busquemos tempos de silencio para escoitar a voz do Espírito no noso corazón; OREMOS. 

Nas túas mas, Señor, poñemos esta oración comunitaria, para que nos axudes a ser testemuñas de conversión neste tempo de Advento. P.X.N.S. Amén.


AGRADECENDO O DON DA FE

Un día chegou un home con maxia na voz,

con calor nas súas palabras e cunha mensaxe engaiolante.

Un día chegou un home coa ledicia nos seus ollos,

a liberdade nas súas mans e o futuro nos seus feitos.

Un día chegou un home coa esperanza nos seus xestos,

coa forza do seu ser, cun corazón enorme.

Un día chegou un home que tiña o Espírito,

coa felicidade no seu padecer, co sentido no seu morrer.

Un día chegou un home co tesouro do seu ceo,

coa vida da súa cruz, coa resurrección na súa fe.

Un día chegaches Ti…

Vén agora, tamén,Señor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...