Ante a dureza moitas veces degradante da vida, atopemos o consolo en Deus
SINAL DE ADVENTO
Engadimos un novo elemento ao sinal para este tempo de Advento. Se o outro día era o debuxo das pernas o que colocabamos no taboleiro, desta volta poñemos o tronco, co que queremos significar que o proxecto co que Deus nos agasalla é o dunha presenza viva, de proximidade.
CANTO GOZOSO
o ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
o LECTURAS: Preparade o camiño ao Señor
o OFERTORIO: Eiquí están Señor (Nº 32)
o COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)
ESPERTANDO Á RENOVACIÓN
Desde a proximidade do Deus que xa está máis preto, facemos nosa a invitación que nos chega desde a palabra que hoxe imos proclamar: preparade o camiño. Respondendo a este convite, esforcémonos por ir preparando persoalmente este vieiro. Camiño duro e difícil, non o podemos negar, pero, que se nós queremos, non temos que facer sos. A comunidade acompáñanos e estende a man. Collámola coma axuda para que os treitos se nos fagan máis doados ante a dureza coa que moitos días nos atopamos. Acoller, acompañar e consolar. Tres infinitivos que non deberiamos nunca deixar de poñer en práctica. Que mellor que o Advento para preguntarnos se xa o estamos a facer!
ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA
· Pola nosa falta de acollida a quen nos ten buscado para que lle tendésemos a man; SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS INDIVIDUALISMO.
· Porque non sempre estamos dispostas e dispostos a acompañar e deixarnos acompañar; CRISTO, QUE NON SEMENTEMOS INDIVIDUALISMO.
· Para que saibamos escoitar e descubrir a quen precisa do noso consolo; SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS INDIVIDUALISMO.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Consolade, consolade o meu pobo, di o voso Deus.
Faládelle ao corazón de Xerusalén;
si, dicídelle ben alto que a pena pola súa culpa está aceptada.
Si, xa recibiu da man do Señor o dobre por todos os seus pecados.
Unha voz clama:
"No deserto preparádelle o camiño ao Señor.
Endereitádelle na estepa a calzada ao noso Deus.
Pois vaise revelar a gloria do Señor, e toda carne verá o Único".
Sube a un monte alto, mensaxeira de Sión,
levanta con forza a túa voz, mensaxeira de Xerusalén,
levántaa, non teñas medo.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS
Comezo do Evanxeo de Xesús Cristo, Fillo de Deus.
Como está escrito no profeta Isaías:
Mira: mándoche por diante un mensaxeiro,
para que prepare o teu camiño.
Unha voz clama no deserto:
preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.
Presentouse Xoán no deserto bautizando: pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán.
Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguideiro de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. E proclamaba:
- Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min, ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os amallós do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo.
PALABRA DO SEÑOR
NA ESCOITA DA PALABRA
O tempo de Advento é o tempo litúrxico no que van aparecendo diferentes personaxes bíblicos que se van convertendo en protagonistas neste camiño cara ao Nadal. Neles imos descubrindo a invitación a facer deste tempo camiño de conversión e renovación ao longo das catro semanas que o conforman. E hoxe aparece con toda a súa forza e significación Xoán o Bautista para anunciarnos, facendo súas as palabras do profeta Isaías, que a chegada do Nadal, o nacemento de Xesús nas nosas vidas, non pode ser plana nin insubstancial, senón que ha supor pola nosa parte un tempo de ir desprendéndonos da pesada coroza que nos foi convertendo en autómatas dunha fe pouco persoal e demasiado ritualizada. Só se somos capaces de escoitar a voz que nos fala ao corazón e de recoñecela entre outras moitas voces e no barullo que xeran, conseguiremos que este sexa un tempo de conversión, renovación e verdadeira misericordia. Para que cando El chegue, nos atope interiormente dispostas e dispostos a deixar atrás corozas e eivas que foron entorpecendo os nosos pasos e dificultando o noso camiñar.
E como ocorre con todo camiño, tampouco este se ha facer as présas. Sen pensar, sen valorar cales e como han ser os pasos que nos han ir movendo; os pasos que nos farán descubrir e recoñecer que moitos deles están sendo equivocados e que debemos cambiar, porque o rumbo ten que ser outro. Por iso, para todo este percorrido é fundamental a paciencia, e con ela a capacidade de non precipitarnos, de non ser persoas arroutadas , e si persoas conscientes de que as cousas importantes precisan esforzo e tempo, porque doutro xeito dificilmente poderán converterse para nós en bálsamo que refresque as nosas feridas e paz que nos reencontre coa fraternidade.
Xoán quería espertar do soño do mundo irreal e “cadradamente” perfecto aos homes e mulleres do seu tempo/grupo, por iso os urxe a escoller o camiño certo, deixando atrás tódolos outros que foron levando á xente por vieiros equivocados. Á vez que llelo dicía engadía algo máis: eu só son o anuncio, o importante, o que pode cambiar as vosas vidas, vén despois, estade atentos, preparádevos! Coa mesma fondura vehemente coa que Xoán lle dicía isto á xente que o escoitaba, tamén nolo di a nós en tempos diferentes, si; pero non moi distintos. Tamén nós precisamos deternos, ordenar as ideas, preguntarnos se este é o camiño adecuado, recoñecer que a limitación e capacidade de equivocación vai con nós e non sempre acertamos nas decisións. Xoán vén mostrarnos que ou lle poñemos realismo á nosa vida e capacidade crítica, xunto con dimensión comunitaria, ou senón acabaremos nunha vida insubstancial e totalmente baleira. E iso, ben seguro que non o queremos para nós. Espertemos logo, preparémonos deixando atrás todo canto só nos produce tristura, angustia e desacougo... poñámonos a camiñar para que o Advento sexa tempo de prepararnos a acoller a quen vén: Aquel que consola, alivia e non deixa que nos derrubemos.
COMPARTINDO O QUE NOS UNE
Buscando en Deus o consolo que só El nos pode ofrecer, compartimos este momento de oración comunitaria dicindo:
CARA TI, SEÑOR, DIRIXIMOS OS NOSO PASOS
v Para que sexamos verdadeiro Pobo de Deus, e traballemos por estar no medio do mundo con actitudes de escoita, acompañamento e acollida; OREMOS.
v Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por converter este tempo de Advento en realidade viva que nos achega a quen sabemos que nos precisa; OREMOS.
v Para que tomando en serio a invitación da palabra de Deus, nos esforcemos cada día por escoitar, acompañar e consolar, OREMOS.
Nas túas mas, Señor, poñemos esta oración comunitaria, para que nos axudes a ser testemuñas de conversión neste tempo de Advento. P.X.N.S. Amén.
AGRADECENDO O DON DA FE
Deus está connosco,
no fondo da nosa alma.
Sempre está alí,
escoitándonos e pedíndonos
que falemos un pouco con El.
Cando te sentas fatigado,
triste, só, presa de sufrimento,
retírate ao santuario íntimo da túa alma,
e alí atoparás ao teu irmáns e amigo Xesús,
que será o teu consolo, o teu apoio, a túa fortaleza.
(Carlos de Foucauld)
Comentarios