Ir al contenido principal

4 advento 2020 A

Ledicia e temor non poden ir unidos cando falamos de acoller a Xesús

SINAL DE ADVENTO

Rematamos hoxe de construír o noso sinal de Advento incorporando a cabeza do neno. Deste xeito quédanos configurada a imaxe de quen estamos a esperar ao longo deste Advento: Xesús.

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)

  • LECTURAS: Cantarei eternamente as misericordias do Señor

  • OFERTORIO: Que ledicia a miña (Nº4)

  • COMUÑÓN: No colo da miña nai (Nº 49)

ESPERTANDO Á RENOVACIÓN

    Xa non falta nada. Estamos mesmo ás portas deste gran acontecemento que queremos vivir e celebrar como remate do tempo de Advento: o Nadal. Ao longo das catro últimas semanas fóisenos invitando, a modo de retrouso, a preparar o camiño, a prepararnos para acoller a quen vén por el. Xa case que está aquí, abrámoslle a porta e deixémolo entrar. 

E como escoitaremos no evanxeo chega da man do si de María, a súa e a nosa nai. Que cando chegue e entre, procuremos que non se senta estraño entre nós.

ABRÍNDONOS Á MISERICORDIA

  • Por ter sido crentes máis de temor que de graza; SEÑOR, QUE ACOLLAMOS A TÚA MISERICORDIA.

  • Porque nos ten faltado ledicia e sobrado tristura; CRISTO, QUE ACOLLAMOS A TÚA MISERICORDIA.

  • Pola nosa teimosía en facer do individualismo eixe do noso actuar; SEÑOR, QUE ACOLLAMOS A TÚA MISERICORDIA.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO SEGUNDO LIBRO DE SAMUEL

Instalado o rei David na súa casa, e como o Señor lle dera a paz cos seus inimigos do arredor, díxolle el ao profeta Natán: 

  • "Repara que eu estou instalado nunha casa de cedro, mentres a arca do Señor habita nunha tenda". 

Natán respondeulle ao rei: 

  • "Todo o que tes no corazón, anda e faino, pois o Señor está contigo".

Pero aquela mesma noite veulle a Natán esta palabra do Señor: 

  • "Vai e dille ó meu servo David que isto di o Señor: ¿vasme edificar unha casa para que eu habite nela?. Eu saqueite das mandas, de detrás dos rabaños, para que foses o xefe do meu pobo Israel. Estiven contigo en todo o que emprendiches e arredei os teus inimigos diante de ti. E dareiche un nome tan grande coma o dos grandes da terra. Eu fixarei tamén un posto para o meu pobo Israel. Eu plantareino e el vivirá alí sen sobresaltos. Non volverán asoballalo os fillos da iniquidade, como fixeron á primeira, no tempo en que puxen xuíces sobre o meu pobo Israel. Dareiche o repouso de tódolos inimigos e, por parte, o Señor anúnciache que che dará unha dinastía.

A túa familia e o teu reino permanecerán na miña presencia para sempre, o teu trono manterase firme eternamente".

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Aos seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

Entrando onde estaba ela, díxolle:

-    Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou:

-    Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus;e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ó anxo:

-    ¿E como pode ser isto, pois eu son virxe?

O anxo replicoulle:

‑O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Isabel, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.

María contestou:

-    Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

PALABRA DO SEÑOR

NA ESCOITA DA PALABRA

  • David, despois de moitas idas e voltas, atopou a paz. Tamén nós, desde esta palabra escoitada, somos invitad@s a atopar paz, a paz que nos fai aprender a ver a vida como unha experiencia que hai que ir construíndo pouco a pouco e sen présas; a paz que nos invita a non deixar que aniñe en nós, e na mirada que facemos do mundo, o desacougo, o activismo ou a sensación de fracaso e tristura; a paz que nos abre a relacionarnos coas persoas que temos preto buscando facer do diálogo entendemento, e do entendemento esforzo por realizar proxectos en común. Proxectos que busquen achegarnos ás persoas e a situación na que se atopan, esforzándonos por facerlles a vida máis doada e leda. A paz, nunha palabra, que se constrúe e non enfronta nin fai de menos aos demais. E vainos movendo, como moveu a David a saír do permanente mirar só para nós mesmos e aprender/ comezar a mirar aos demais desde unha mirada activa e construtiva. Porque a paz non se espera senón que se desenvolve –vaise facendo- desde o noso facer e buscar canto fai sorrir e move a defender a igualdade da dignidade recibida do amor de Deus.

  • Nesta busca/ construción da paz, como tamén acabamos de escoitar, non imos nin estamos sos. A  presenza, o agarimo, a achega de Deus váisenos descubrindo como unha presenza compartida que vence a tentación de pecharnos en nós mesmos, no noso mundo, e moitas veces na propia irrealidade, para descubrirse en todo canto vai sendo posible grazas ao esforzo compartido, á tarefa realizada comunitariamente, á capacidade de buscar o que nos une e aprendendo a relativizar o que nos separa ou non compartimos. O camiño do Advento é sempre tempo de superación da tentación individualista, que prescinde dos demais e nos vai pechando, inda que digamos o contrario, na soidade entristecida de quen non ten a ninguén. Saiamos logo fortalecidos deste tempo de Advento na conciencia de que só cos e xunto aos demais poderemos preparar oco no corazón para acoller ao neno que xa está a chamar na porta.

  • María, protagonista no evanxeo de hoxe, entendeu ben cal era o proxecto de Deus, e non lle deu as costas, ao contrario: respondeu co seu si. Un si de alegría, de confianza e de servicialidade. Que síntese tan clara, fermosa e sinxela para que tamén a fagamos nosa!

COMPARTINDO O QUE NOS UNE

Porque Ti sempre vés para traernos a paz, queremos dicirche desde o agradecemento: 

QUEREMOS, SEÑOR, SEGUIR AS TÚAS PEGADAS

  • Para que sentíndonos Igrexa traballemos por levar paz e non tensión nin enfrontamento ao mundo do que formamos parte, OREMOS.

  • Para que sempre, pero especialmente neste ano tan difícil para tod@s, non lle deamos as costas ás familias das nosas parroquias que poidan estar ou sentirse soas e pasando por diversas dificultades; OREMOS. 

  • Para que nós non deixemos de aproveitar o camiño do Advento para deixar atrás canto nos fai persoas individualistas e insolidarias; OREMOS. 

Grazas, Señor, por invitarnos a seguir as túas pegadas, evitando perdernos no camiño. P.X.N.S. Amén.

AGRADECENDO O DON DA FE

Di Francisco ao respecto do si de María:

“É unha gran revelación que abre perspectivas inauditas o neno que nacerá desta humilde moza de Nazaret será chamado Fillo do Altísimo: non é posible concibir unha dignidade máis alta ca esta. A resposta de María é unha frase breve, que non fala de gloria ou de privilexio, senón só de dispoñibilidade e de servizo. María non se exalta fronte á perspectiva de converterse na nai do Mesías, senón que permanece modesta e expresa a propia adhesión ao proxecto do Señor.

Este contraste é significativo, porque nos fai entender que María é verdadeiramente humilde e non busca mostrarse. Recoñece ser pequena ante Deus e está contenta de ser así.

Pero tamén é consciente de que a súa resposta depende da realización do proxecto de Deus, e que entón ela está chamada a adherirse en toda si mesma”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...

5 Pascua 2024

Só sabendo rectificar seremos quen de superar os nosos prexuízos CANTOS * ENTRADA: Que ledos hoxe estamos (Nº 5) * LECTURAS: Escoita ti a palabra de Deus (Nº26 ) * OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36) * COMUÑÓN: Acharte presente na vida (Nº 51) ALENTANDO O CORAZÓN   Dinos a lectura dos Feitos dos Apóstolos que imos proclamar hoxe, que os discípulos de Xerusalén non se fiaban de Saulo, tíñanlle medo, por iso non acababan de crer a súa conversión fose verdadeira. Como lle custaba fiarse daquel que os perseguira e polo que moitos deles acabaron no cárcere! Algo así tamén nos pode pasar hoxe a nós cando facemos da desconfianza a maneira de achegarnos ás demais persoas; cando non nos fiamos do que nos din ou do que fan aqueles que noutro tempo non eran dos nosos. Pero os Apóstolos foron quen de esforzarse por superar os seus prexuízos, e acabaron acollendo e aceptando a Saulo entro os do seu grupo. Que tamén nós saibamos vencer os nosos prexuízos e volver confia...