Ir al contenido principal

5 Domingo T O B 2021

RECOÑECER A NOSA FRAXILIDADE É COMEZAR O CAMIÑO DA NOSA FORTALEZA

Cantos.-

         Entrada.-  Camiñando pola vida (  )

         Lecturas.- Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (  )

         Ofertorio.- Recibe Señor (  )

         Comuñón.- Gracias, Señor, graciñas ( )

 

MIRADA DE ESPERANZA

Como nos custa asumir que somos persoas fráxiles!, Que fallamos en moitas cousas, que por moito que queiramos nin o sabemos todo nin acadamos a perfección. Pero inda que o sabemos, e ben seguro que nolo repetimos unha manchea de veces –apesares de que cando falamos digamos o contrario– volvemos caer no mesmo erro: crer que nada nos supera nin nos vence.

E xa vemos. Por moito que digamos e volvamos dicir, a realidade móstranos que as cousas son doutro xeito. E aí si que non podemos enganala nin facer como que non fora verdade. E este duro e dramático momento no que agora vivimos, móstranos como por moito que tecnifiquemos a vida e a queiramos “vivir a tope”, a nosa fraxilidade non deixa de lembrarnos que nos precisamos, que debemos volver pensar nos demais, que sos non iremos nunca moi lonxe, mais co pouco que cada un vai pondo ao servizo dos demais, acadaremos sentirnos amparados nas dificultades e ledos nos nosos pasos.

Que a celebración deste domingo, nos encha da verdadeira sabedoría; a sabedoría que pon as persoas no centro e a súa dignidade como principio irrenunciable.

Corazón de misericordia

·      Por tódalas veces nas que o noso xeito de actuar quebrou os corazóns de quen nos precisaba; Señor, grazas por ser paciente.

·      Porque somos áxiles para ferir coa palabra e lentos para recoñecer o erro e pedir perdón; Cristo, grazas por ser paciente.

·      Para que non volvamos repetir comportamentos que destrúen a casa común a fan sufrir a quen menos ten; Señor grazas por ser paciente.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DE XOB

 

Dixo Xob:

O home ten na terra unha dura laboura;

os seus días son coma os do xornaleiro.

Coma o escravo que anceia a sombra,

coma o xornaleiro que agarda o que gañou:

así herdei eu meses baldeiros

e tocáronme en sorte noites de angustia.

Penso para min ó deitarme: ¿cando me hei erguer?

e desde o mesmo serán énchome de inquedanza ata o abrente.

Os meus días correron máis axiña cá lanzadeira de tecer

e foxen sen esperanza.

¡Recorda ben que a miña vida é vento,

e que o meu ollo non verá máis a ledicia!

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS CORINTIOS

 

Irmáns e irmás: Porque o mero feito de predica-lo Evanxeo non é para min gloria ningunha: é unha necesidade que teño enriba de min. ¡Pobre de min se non predico o Evanxeo! Pois así: se fago isto polo meu gusto, xa teño premio; pero, se o fago a contragusto, é un simple cargo que estou obrigado a administrar. ¿Onde está, logo, o meu premio? ‑En que, cando predico o Evanxeo, fágoo gratuitamente, renunciando ós dereitos que este Evanxeo me confire.

Pois, sendo como son libre con respecto a todos, de todos me fixen escravo para gaña-los máis posibles.

Cos débiles fíxenme débil, para gaña-los débiles. Fíxenme todo con todos, para salvar algúns a toda costa. Todo o fago polo Evanxeo, para ter algunha parte nel.

 

Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e mais de Andrés, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre, e axiña lle falaron dela. E, achegándose, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.

Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle tódolos enfermos e endemoñados; a vila enteira se amoreou na porta. E sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos. Pero ós demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.

Erguéndose moi cedo, aínda de noite, saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. Simón e mailos seus compañeiros fórono seguindo, e cando o atoparon, dixéronlle: ‑Todos te andan a buscar.

El respondeu: ‑Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para isto vin.

E foi predicando polas sinagogas de Galilea, botando fóra os demos. Palabra do Señor. Gloria a ti, Señor Xesús.

 

Palabra remoída

·      Xob recoñece a súa fraxilidade, mais este recoñecemento non o desespera, ao contrario: dálle azos para seguir loitando, para non deixarse levar nin pola tristura nin polo desacougo e o desconsolo permanente. E nesa situación de fraxilidade e necesidade dos demais vai descubrindo a Deus. A súa presenza, a súa forza, o seu alento... a súa compaña. Non vai só, e desde esta convicción afronta toda súa vida porque, consciente das dificultades e dos fracasos, é capaz de descubrir que Deus segue ao seu lado para reforzar os seus pasos e tenderlle a man cando cae. O testemuño de Xob é toda unha fotografía onde podemos contemplar, e descubrir, como han ser tamén os nosos pasos, tantas veces dubidosos e erráticos, para non caer nese estado de triste indiferenza onde nada enche nin ten sentido, e todo se volve aburrimento existencial e falto de horizonte e sentido. Neste tempo “ pandémico” , tan alongado en meses, tamén pode ser esta a actitude na que nos movamos. Deixándonos ir, permitindo que a tristeza interior faga oco en nós, baixando a garda ante o que escoitamos e vemos de persoas das nosas parroquias enfermas ou confinadas. Por iso, o testemuño de Xob, pode ser para nós unha invitación a fixarnos no seu xeito de afrontar as dificultades da realidade e descubrir a presenza de Deus ao noso lado. O Deus que segue porque confía e nos quere; o Deus que non cansa de darnos razóns para seguir vivindo e chamándonos a saír do nos persoal “bucle” de insatisfacción permanente. Non deixemos entón quebrar os nosos corazóns, ao contrario, achéguenmos ao Deus sandador que sempre ten o remedio adecuado para as nosas dores.

 

·       Desde esta cercanía, seremos capaces de entender o que lle dicía Paulo aos corintios sobre o que supón predicar o evanxeo. Que non ha ser un momento de gloria e “santificación” para nós, e si unha experiencia de crecemento na nosa capacidade de humanizarnos e sentir as dores e chagas dos que nos rodean, como se fosen nosas. Predicar o evanxeo é entón experiencia de vida posta a facer o ben e a levar o aceite que sabe limpar e curar as feridas de quen o precise. Deixando de poñer sempre a mirada en nós , nas nosas dores ou nas nosas insatisfaccións. Só quen é capaz de saír do seu propio desacougo persoal, descubrirá a satisfacción por dar testemuño do evanxeo facendo o ben a quen sabemos que nos agarda.

 

·      E neste camiño sempre iremos da man de Xesús. No evanxeo vemos como El é dos que se achega, escoita, acompaña... non pasa ao lado e vira a cara. Implícase. Pero ao lado deste estar xunto a quen precisa da súa man e presenza, engade outro aspecto fundamental: a oración. Non actúa simplemente como se pertencese a unha organización social, ou a un colectivo solidario. O seu é un actuar desde a súa relación con Deus Pai. Non cae na tentación de facer por facer, senón que o seu é un actuar agradecido desde a fondura dunha oración na que descobre que o camiño da vida non se esgota nin no facer cousas nin no actuar filantrópico; o seu é un actuar agradecido froito do sentido da vida desde a salvación que Deus ofrece. E tamén así a razón do noso achegarnos a quen nos precise? Achegámonos aos demais esforzándonos por descubrir que canto fagamos de ben/bo aos demais, estarémolo facéndollo a El? E iso non pode ser froito máis que dunha relación amigable e profunda con Deus Pai. Relación que un descubre e goza cando a súa/nosa oración é diálogo amoroso e agradecido, con El, do que sentimos e vivimos .

 

ORACIÓN COMPARTIDA

Rezamos compartindo a nosa oración e dicindo: Grazas por esperanzarnos a vida

·      Señor, que sexamos unha Igrexa asentada na esperanza paciente que sabe alentarse nas dificultades e agradecer os logros; Oremos. Grazas por esperanzarnos a vida.

 

·      Señor, que sintamos a alegría de poder tender a man ás persoas que están soas, enfermas, tristes ou desenganadas ante as dificultades; Oremos. Grazas por esperanzarnos a vida.

 

·      Señor, que cada día ao erguernos, aprendamos a recoñecer todo canto as persoas que están ao noso redor e nos queren, teñen feito para que a nosa vida sexa máis feliz, digna e humana; Oremos. Grazas por esperanzarnos a vida.

Señor, que nunca deixemos que a esperanza se afaste da nosa vida. Sen ela, a vida convértese en baleiro. P.X.N.S. Amén.

ECOS DE ESPERANZA

Señor, o tempo é un agasallo que ti nos fas,

pero un agasallo que se gasta, un agasallo que non se conserva.

Señor, teño tempo, teño todo o meu tempo,

os anos da miña vida, os días dos meus anos,

as horas das miñas xornadas: son todas miñas;

a min tócame enchelas, serenamente, con calma;

enchelas todas ata o borde, para ofrecerchas

de xeito que da súa auga insípida,

Ti fagas un viño xeneroso.

Pídoche a graza de poder facer, no tempo que me das,

aquilo que ti queres que eu faga. ( Michel Qoist)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...