CONTAXIA SOLIDARIEDADE PARA REMATAR COA FAME
(CAMPAÑA LXII DE MANS UNIDAS)
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Unha xuntanza de amor (Nº 7)
- LECTURAS: Eu soñei (Nº 58)
- OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
- COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)
PARA NON PERDER O PASO
Na nosa sociedade son demasiadas as persoas que se atopan marxinadas e discriminadas: os anciáns e as anciás, que despois de dalo todo, constitúen un atranco e un estorbo para a familia; @s parad@s, sen posibilidade de ter unha vida digna mentres outras persoas nadan na abundancia; @s enferm@s, moitas veces abandonad@s pola súa familia nos centros hospitalarios e sen pinga de cariño; persoas ás que se lles negan os seus dereitos fundamentais polo seu xénero, pola súa ideoloxía, pola cor da súa pel, por rezar a un deus diferente....Pois a todas esas persoas hoxe Xesús dilles: Quero limparte. Diante da exclusión, diante da marxinación, Xesús e o Evanxeo chámannos a traballar pola xustiza. Que saibamos ter oídos e ollos atentos e abertos para poder recoñecelo á hora de afrontar respostas e solucións. Que, como nos lembra o lema da Campaña de Mans Unidas que hoxe celebramos, “contaxiemos solidariedade para rematar coa fame”.
CO CORAZÓN FERIDO
- Polas veces nas que excluímos ás persoas só pola súa aparencia externa e non miramos no interior, SEÑOR, LÍMPANOS.
- Porque a nosa comodidade e a nosa pasividade fan que non esteamos dispost@s a “perder o noso tempo” para adicarllo aos irmáns e ás irmás, CRISTO, LÍMPANOS.
- Porque privatizamos a nosa vida cortando as relacións co mundo das persoas que sofren, illándonos nos nosos problemas, facéndonos cada vez máis insensibles á dor allea, SEÑOR, LÍMPANOS.
LITURXIA DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO LEVÍTICO
O Señor faloulles a Moisés e a Aharón:"Cando a un lle apareza na pel do seu corpo unha inflamación, un furuncho ou unha mancha branquexada brillante, que se converte nunha chaga de lepra, será levado a Aharón, o sacerdote, ou a un dos seus fillos sacerdotes. Trátase dun home contaxiado de lepra: é impuro, e así o deberá declarar o sacerdote. Ten a lepra na cabeza.
O enfermo de lepra andará coa roupa esgazada e a cabeza descuberta. En troques tapará cun veo a súa barba, e irá gritando: impuro, impuro. Todo o tempo que lle dure a chaga será considerado impuro, porque o é, e vivirá arredado, fóra do campamento da súa morada.
PALABRA DO SEÑOR
Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus. Non sexades tropezo nin para os xudeus, nin para os gregos, nin para a Igrexa de Deus.
Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven. Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo.
PALABRA DO SEÑOR
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MARCOS
Acercóuselles un gafo, e rogoulle de xeonllos:Ti, se queres, pódesme limpar.
Xesús, estremecido, alongou a man, e tocouno, dicindo:
Pois quero, queda limpo.
E no instante desapareceulle a lepra, quedando limpo. E despediuno, e, poñéndose moi serio, mandoulle:
Mira, non lle vaias dicir nada a ninguén; preséntate ó sacerdote, e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés, para que lles conste.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar a nova, espallándoa de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en vila ningunha, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
PALABRA DO SEÑOR
UNHA PALABRA QUE AGROMA
Que dura lei aquela!. Quen vía aparecer na súa pel as manchas da lepra sabía que todo estaba perdido. Era declarado impuro, marxinado friamente..... para que ninguén o confundira cunha persoa boa, para que ninguén se contaminara. Como tantas persoas leprosas de hoxe. Os leprosos de hoxe poden non ter problemas de pel, pero si de acollida, integración, igualdade de posibilidades ou perda do seu posto de traballo. As lepras de hoxe, como di o Papa Francisco, son as que converten ás persoas en descartes, como se fosen cousas que se poden taxar ou reducir a simples tantos por cento, esquecendo que estamos a falar de persoas, de vidas , de ilusións, de proxectos... de fillos e fillas de Deus.Neste tempo pandémico tan duro que estamos a vivir, podemos caer na tentación de que o confinamento ao que se nos chama o confundamos cun illamento, que nos faga persoas insensibles diante da dor allea. Medra a apatía, a indiferenza e a insensibilidade diante do sufrimento das outras persoas. E así educamos á xente nova, para que non se conmovan e pensen só en si mesmos. A fin de contas.... é o máis normal!. Trátase de poñer en práctica as ensinanzas daquela vella fábula: non se pode deixar que unha soa mazá podre acabe podrecendo ao resto das mazás sans. Elemental.
Pero vén Xesús e pono todo do revés. Achégaselle un leproso e El, sentindo mágoa, estende a súa man e cúrao. Que atrevemento!!!!!. Porque non lle gustan os “ghettos”. El veu para liberar, para salvar, por iso non quere que se marxine a ninguén. Como poderá sandar un doente a quen se lle corta todo contacto coa vida?. El prefire arriscar, porque ama. El opta pola integración....E o camiño queda aberto. Fronte dun mundo que pecha comodamente os seus ollos para non ver a quen sofre, Xesús ensina un camiño diferente: acoller, integrar, salvar. Por iso, a campaña de Mans Unidas que hoxe celebramos invítanos a un contaxio masivo con aquel valor que enche a vida de sentido: a solidariedade. Só se somos persoas solidarias, capaces de ver máis alá do noso embigo, seremos capaces de construír a fraternidade universal á que o Evanxeo nos chama.
E por ese camiño difícil e moitas veces incomprendido por ser política e relixiosamente incorrecto, foron entrando, ao longo dos séculos, as persoas que optaron por seguilo, para que todos se salven. Velaquí a encrucillada na que nos atopamos: ou tomamos o camiño da primeira lectura e, nun “sálvese quen poida” buscamos só non contaminarnos co mal, conservarnos limpos e impecables, colocar fóra da nosa vista toda pobreza e toda maldade, non mesturar as mazás sans coas podres..... ou cambiámonos á lóxica positiva que Xesús reflicte nas súas parábolas: un pouco de lévedo, na masa, é quen de transformala; un gran de sal, morrendo dentro, acaba dando sabor a toda a comida. É unha lóxica distinta: ir polo mundo cos brazos abertos acollendo, comprendendo, compartindo, integrando... contaxiando solidariedade!.
DESDE A ORACIÓN COMUNITARIA
Señor, ti sempre nos valoras como somos, por iso nos deches a todas as persoas a mesma dignidade. Desde ela, pedímosche:QUE CONTAXIEMOS SOLIDARIEDADE
- Por todas aquelas persoas que na Igrexa teñen tarefas de responsabilidade, para que o seu testemuño e a súa palabra manifesten sempre o amor de Deus polos máis pequenos, OREMOS.
- Polos nosos gobernantes e políticos, para que impulsen o verdadeiro desenvolvemento dos pobos máis pobres, eliminando as causas da fame das enfermidades, OREMOS.
- Por todas as persoas que se atopan nunha situación de sufrimento, polas persoas enfermas, polas persoas que viven con fame e sede, polas persoas que non ven respectados os seus dereitos e a súa dignidade, para que o consolo de Deus, a través nosa, e a axuda de todos as faga saír da súa pobreza, OREMOS.
- Por todas as persoas que traballan en e por calquera ONG, para que o amor de Cristo brille nelas e se estenda a toda a humanidade, OREMOS.
- Por cada un e cada unha de nós, para que, conscientes das nosas limitacións medremos no uso responsable e solidario dos bens da casa común, OREMOS.
PARA SENTIR A LEDICIA DO COMUNITARIO
Pon as túas mans sobre nós, Xesús,
as túas mans humanas e curtidas.
Comunícanos a túa forza e a túa enerxía,
o teu anhelo e a túa tenrura,
a túa capacidade de servizo e de entrega.
Líbranos do medo e da tristura,
da mediocridade e da preguiza.
Pon as túas mans sobre as nosas, Xesús,
aínda que se resistan,
ata que saiban dar e gastarse
e facerse reflexo claro das túas.
Déixanos poñer as nosas mans nas túas
e sentir que somos irmáns e irmás,
con feridas e chagas vivas
mans libres, fortes e tenras,
mans que abrazan e curan.
Comentarios