Ir al contenido principal

1 Coresma 2021 B

Tempo de conversión, tempo de revisión, tempo para preparar e sementar

Cantos.-

            Entrada.-  Camiñarei na presenza do Señor

            Lecturas.- Eu sei de quen me fiei

            Ofertorio.- Eiquí están, Señor

            Comuñón.- Quédate, Señor, connosco.

Mirada de esperanza

            No noso dia a día da fe, chegamos hoxe á páxina na que se nos invita a camiñar no tempo de conversión e da revisión de actitudes e comportamentos. O tempo da Coresma. E que desta volta chéganos no contexto de  tempo de pandemia, e todo canto iso está a supor nas nosas vidas: cambios na nosa maneira de tratarnos, cambios na mobilidade, cambios tamén na responsabilidade de coidarnos para non poñer en perigo a vida das demais persoas nin a nosa. É esta logo unha coresma especial que, este ano máis ca nunca, invítanos a sentir a necesidade de non construír a vida á marxe de Deus  nin da transcendencia. Porque somos fráxiles e a fraxilidade acompañaranos, inda que as veces non nos guste recoñecelo, sempre ao longo da vida. Sabéndonos tod@s irmáns, aproveitemos este tempo para purificar a vida de todo canto nos enreda pero non nos enche nin alegra.

Corazón de misericordia

·      Que esta coresma sexa para nós un tempo para asumir a nosa fraxilidade e a necesidade de axudarnos. Señor, que nos coidemos para poder coidar.

·      Que esta coresma sexa tempo de superar escravitudes que nos deshumanizan. Cristo, que nos coidemos para poder coidar.

·      Que esta coresma sexa momento para facer  da humildade guieiro que non nos faga perder o rumbo na vida. Señor, que nos coidemos para poder coidar.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

Deus díxolle aínda a Noé e mais a seus fillos: ‑"Vou establecer a miña alianza convosco e cos vosos descendentes, con tódolos animais que están convosco, os paxaros, os gandos e as feras todas do monte, cantos saíron da arca e agora viven na terra. Fago convosco esta alianza: Endexamais será outra vez destruída vida ningunha polas augas do diluvio; non haberá outro diluvio que estrague a terra".

E Deus engadiu: ‑"Este será o sinal da alianza que eu fago convosco e con tódolos seres vivos que vos fan compaña, para tódolos tempos: Poño o meu arco nas nubes, sinal da miña alianza entre min e a terra. Cando amoree nubes sobre a terra e apareza o arco nelas, lembrarei a miña alianza convosco e con tódolos seres vivos, e non haberá máis augas de diluvio que destrúan a vida.

Palabra do Señor. Grazas a Deus

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

O Espírito encamiñou a Xesús ó deserto. Alí permaneceu corenta días, alí o tentou Satanás; vivía entre as feras, e servíano os anxos.

Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus, dicindo:

‑O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.

Palabra do Señor. Gloria a Ti. Señor Xesús.

Palabra remoída

·      A imaxe do arco da vella, tan preto á experiencia de cada un e cada unha de nós, suscita sempre alegría e contento. Miramos cara o ceo e experimentamos unha sensación sempre positiva. As súas cores mostran a pluralidade do proxecto de Deus para co mundo que puxo nas nosas mans. Desde el a Alianza mostrase como un compromiso de fidelidade mutua entre o Deus que saíndo ao noso encontro non nos deixa sos, e cada un e cada unha de nós que, coa nosa vida, imos respondendo a esa confianza. E esta alianza non é para que nós fagamos da nosa capa un saio á hora de tratar o mundo e canto nel hai; ao contrario, é unha esixencia para que chamad@s a compartir a fraternidade entre nós, coidemos tamén de todo canto no mundo hai, e co que compartimos ter saído da man de Deus. Unha man que todo o puxo ao noso dispor para coidalo, desenvolvelo e facelo crecer. Pero esta tríade. Cando a esquecemos, acaba levando a que o mundo deixe ser casa na que teñamos acubillo para converterse en trincheira na que cada quen vai ao seu, esquecendo de que man vimos e da unión a que esta man nos invita.

·      Que mellor para  valorar este proxecto de Deus ca este tempo de coresma. Porque son corenta días para buscar momentos de reflexión, de revisión, de verdadeira sinceridade para analizar a nosa vida e poñela en relación co noso actuar cos demais, co mundo e con Deus. É tempo de preguntarnos que fago/cemos para que poñamos os pés no chan e sexamos conscientes de que non somos nin súperheroes nin que o podemos todo. Que mellor que preguntarnos que é o que move as nosas decisións e as nosas, os nosos, xeitos de facer as cousas? Coresma é un tempo no que, como ocorre cos coches, invítasenos a pasar pola ITV persoal de poñer a punto a vida e todo canto ao redor dela imos desenvolvendo. E neste tempo de pandemia e cambios no noso xeito de vivir, que mellor que dispor dun tempo así para clarificarnos para non trabucar o camiño!

·      E para ir desenvolvendo esta tarefa, non estamos sos. Xesús volve querer camiñar ao noso lado para compartir ledicias e tristuras; esperanzas e desacougos. Pero non para facer o camiño por nós nin para manipularnos e desconectarnos da dureza da vida. Ao contrario, ser persoas de fe, recoñecer que no camiño non imos sos supón que temos que afrontalo e loitar ante as dificultades, sabéndonos acompañad@s; pero sabendo tamén que a nosa liberdade é a que ha tomar as decisións para orientar o noso camiño. Xesús tamén buscou un tempo para reflexionar, clarificarse e preguntarse se o seu xeito de actuar respondía á misión que Deus Pai lle tiña encomendado. Seremos capaces tamén nós de buscar momentos de deserto nos que, sinceramente, tentemos saber que nos guía, que nos move e que é o que guía as nosas decisións e comportamentos? Comecemos entón. 

Oración compartida

Compartimos a nosa oración comunitaria dicindo: Que a coresma sexa camiño de renovación.

Para que na Igrexa aproveitemos este tempo de coresma para que sexa un verdadeiro tempo de renovación a cambio. Oremos. Que a coresma sexa camiño de renovación.
Para que nas nosas parroquias saibamos vivir este tempo de coresma como un camiño no que estamos dispost@s a poñer en practica a misericordia e o perdón. Oremos. Que a coresma sexa camiño de renovación.
Para que nós non desaproveitemos esta coresma para revisar as nosas actitudes e comportamentos, de xeito que teñamos o valor de deixar atrás aqueles que non nos axudan a ser máis xust@s, misericordiosos e solidarios. Oremos. Que a coresma sexa camiño de renovación.

Señor, que fagamos deste tempo de coresma unha experiencia da que saimos reforzad@s para contribuír a facer do mundo  berce de acollida e casa de respecto e colaboración.

 

Ecos de esperanza

Pai do ceo,

Ti es a miña salvación.

Fai que saiba abandonar a miña miseria,

 e seguro do teu apoio,

saiba atreverme a avanzar cara os océanos

descoñecidos da liberdade. 

( Teilhard de Chardin )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...