Ir al contenido principal

2 Coresma B 2021

Os medos nunca son camiño de esperanza. Arrisquemos a estar no mundo cunha actitude proactiva!

Cantos.-

            Entrada.-  Camiñarei   ( )

            Lecturas.- As túas palabras, Señor ( )

            Ofertorio.- Recibe Señor ( )

            Comuñón.- Eu sei de quen me fiei. ( )

Mirada de esperanza

         En tempo de incerteza sempre agroman os medos, as desconfianzas, a inseguridade, a falta de forza para tomar decisións e non quedar varados no desconcerto permanente. E disto, de superar os medos, é do que nos fala o evanxeo de hoxe. 

Xesús leva consigo a algúns dos que sempre o acompañaban para compartir e confiar na forza da presenza de Deus. Eles víronse tan tranquilos e en paz, que caeron na tentación de querer quedar alí, renunciando á súa tarefa de seguir anunciando e achegándose aos esquecid@s e excluid@s daquela sociedade. O seu medo puido coa súa responsabilidade! Unha tentación da que Xesús rapidamente os esperta, para invitalos a volver, a baixar da nube. 

A poñer os pés no chan, a non deixarnos comer polo medo que incapacita e impide que deamos o mellor de nós, facéndonos covardes, é ao que nos chama esta oración do segundo domingo de coresma.

Corazón de misericordia

·      Que os nosos medos non nos paralicen na nosa comodidade. SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN.

·      Que as nosas intolerancias non nos afasten de servir aos demais. CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN.

·      Que a nosa rutina non nos roube a frescura do evanxeo. SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE

Deus puxo a proba a Abraham, chamándoo:

-     "¡Abraham!"

El respondeu: 

-     "Aquí estou".

Deus mandoulle: 

-     "Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ó país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cimo dunha das montañas que eu che mostrarei".

Chegados ó lugar que Deus dixera, tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrifica-lo seu fillo.

Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:

-     "¡Abraham! ¡Abraham!"

El respondeu:

-     "Aquí estou".

O anxo dixo: 

-     “Non póña-la man no rapaz nin lle fagas mal ningún. Agora dei comprobado que tes temor de Deus, pois non me negáche-lo teu fillo, o único que tes".

Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno  en sacrificio, no posto do seu fillo. 

O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo: 

-     "Xúroche por min mesmo ‑palabra do Señor‑ que por faceres isto e non me negáre-lo teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crece-los teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Os teus descendentes herdarán as cidades dos inimigos. Tódolos pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido". Palabra do Señor. Grazas a Deus

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sos ó  coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presencia. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:

‑¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés.

Tan asustado estaba, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:

‑Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.

E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús.Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso; pero empezáronse a preguntar uns a outros o que querería dicir aquilo de "cando resucite de entre os mortos". 

Palabra do Señor. Gloria a Ti. Señor Xesús.

Palabra remoída

·      Deus chama por Abraham, e el responde .Chamada e resposta é un binomio fundamental na vida das persoas, e que pon de manifesto que non imos sos pola vida. E non só iso, tamén nos mostra que nos precisamos. Neste camiño da nosa cotidianeidade persoal, unhas veces precísannos e outras precisamos, pero nunca poderemos facer camiño illados, sos, individualmente e desconectad@s das demais persoas. Porque só crecemos e maduramos como persoas e cidadad@ns en responsabilidade comunitaria se somos quen de descubrir que máis aló de nós mesm@s hai vida. Que non todo comeza e remata en e con nós. Hoxe máis ca nunca este camiñar con é fundamental para superar a pandemia. Porque se imos só ao noso, dificilmente conseguiremos vencer o virus; porén, se camiñamos pensando unhas persoas nas outras, e dispostas a renunciar a cousas que antes faciamos sen pensar se sería bo ou non para os demais, acadaremos o obxectivo de pensar desde criterios de ética da saúde e non de egoísmo individualista. Cando non somos capaces de facelo así, xa vemos cales son as consecuencias...

·      Abraham responde ao mandado desde ese criterio solidario e non individualista. Era o seu fillo, pedíanlle algo que era cruzar unha liña que non tiña volta atrás, pero el dá un paso adiante e responde. Do mesmo xeito, tamén nós, temos que ir, desde a confianza e fidelidade ao mundo que queremos construír, cada un/ha desde a súa propia realidade, porque o mundo non é cousa só dos que mandan e toman as decisións, tamén é cousas nosa, de tod@s. O que fagamos ou deixemos de facer acaba por afectarlle a quen temos ao lado ou a quen está lonxe. Nun mundo globalizado as responsabilidades das nosas decisións tamén se globalizan. A resposta de Abrahám ponnos de manifesto que na vida conflúen situacións diversas e moitas veces inesperadas, delas non sempre sairemos gañadores; haberá ledicias e tristuras, esperanzas e fracasos, risas e choros. Haberá de todo, e iso é importante esquecelo, para que cando as cousas veñan ben non pensemos que sempre vai ser así, e ao contrario, cando veñan mal dadas, non sexa a desesperación e sálvese quen poida o que nos mova.

·      Coresma é un bo momento para aproveitemos e pensemos nestas situacións á vez que nos preguntemos de quen nos fiamos, onde e en quen poñemos a nosa confianza; que estariamos dispost@s a deixar atrás e renunciar en función de facerlle a vida máis feliz a quen temos máis preto, e mesmo aos que, sen coñecelos, comparten con nós a dignidade de ser fillas e fillos de Deus. O que supón, seguir o exemplo de Xesús e prestar atención ao que lles dixo aos que estaban con El no monte: non se pode vivir no mundo fantástico da irrealidade! É necesario poñer os pés no chan, saber como é a realidade da que formamos parte e traballar, cada un desde onde está e segundo o que pode aportar pola súa parte, para que o mundo cambie, sexa máis xusto e as persoas estean no centro do que se fai e decide. Se somos capaces de poñernos neste camiño, terá pagado a pena este tempo de coresma, porque que a pascua xa non está tan lonxe!

Oración compartida

Compartimos a nosa oración comunitaria dicindo: Aquí estou, Señor.

·      Para que a Igrexa renuncie ao silencio, non esconda as súas equivocacións e se purifique do seu pecado, Oremos.. Aquí estou, Señor.

·      Para que as nosas comunidades parroquiais rompan cos costumes que converten a fe nunha rutina, e volvan os seus ollos e o seu corazón ao evanxeo .Oremos.Aquí estou, Señor.

·      Para que este tempo de coresma sexa un tempo de revisión, reflexión e de actuar pensando no ben común e non unicamente no noso beneficio individual. Oremos.Aquí estou, Señor.

Señor, que fagamos deste tempo de coresma unha experiencia da que saiamos reforzad@s para contribuír a facer do mundo berce de acollida e casa de respecto e colaboración.

Ecos de esperanza

Hai xentes que habitan na miña existencia

e poñen nos meus días esperanza, encontro ou festa.

Hai rostros que falan de ti,

do reino, dos lazos que unen

e as soidades que se afastan.

Hai momentos de risa

e momentos de quietude e calma.

Hai ocasións para aprender, mesmo bágoas,

a crecer, a entregarse; a vivir, nunha palabra.

Hai feridas que me lembran

todo o que está por facer

e voces que me chaman co teu berro ou o teu murmurio.

Hai silencios que ti enches,

presenza discreta, Palabra profunda,

proposta infinita, vida verdadeira.

Deus da miña historia... Grazas. ( J.Mª Olaizola)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...