Ir al contenido principal

23 domingo TO B 2021

 Domingo XXIII do Tempo Ordinario

 

UNHA PROPOSTA ESTIMULANTE PARA UN MUNDO PRECISADO DE NOVOS XERMOLOS

CANTO GOZOSO

 

· ENTRADA: Con ledicia vamos todos ao altar (Nº 2)
· LECTURAS: Escoita ti (Nº 26)
· OFERTORIO: Grazas, Señor na mañá (Nº 117)
· COMUÑÓN: Non vou só (Nº 60).

 

OLLOS ABERTOS

A Palabra de Deus é sempre estímulo que nos invita a avanzar, superando a tentación do inmobilismo que non ve máis que negatividade pesimista ao seu redor. Pero como ocorre con todo estímulo, precísase tamén acollelo e esforzarse por ilo concretando no actuar cristián de todas e todos nós. Non é unha palabra para quedar agochada en libros e bibliotecas.

Correspóndenos logo a cada un e cada unha de nós darlle viabilidade, actualización e visibilidade facéndoa nosa e deixando que vaia enchoupando os nosos pensamentos e as nosas actitudes.

Abrámonos logo a esta Palabra que un domingo máis Deus nos ofrece en forma de celebración compartida.

 

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

 

·      Polas veces nas que caemos no fundamentalismo de facer da túa Palabra ideoloxía. SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS ATRAPAR POLA PASIVIDADE.

·      Porque nos asusta levar a túa Palabra ao noso actuar; CRISTO, QUE NON NOS DEIXEMOS ATRAPAR POLA PASIVIDADE.

·      Para que non nos deixemos someter nin dominar polo medo; SEÑOR, QUE NON NOS DEIXEMOS ATRAPAR POLA PASIVIDADE. 

 

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

Dicídelles ós de corazón tímido:

"Collede ánimo, non temades.

Velaí o voso Deus.

Chega a vinganza, a recompensa de Deus.

Chega El mesmo, e salvaravos".

Entón abriranse os ollos dos cegos,

e os oídos dos xordos destaparanse.

Entón o coxo saltará coma un corzo

e a lingua do  mudo cantará xubilosa.

Si, saen á luz augas no deserto e ríos na estepa:

A Terra reseca convértese nunha lagoa,

e a terra sedenta en mananciais de auga. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO

 

Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea ‑é un supoñer‑ un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: "ti acomódate ben aquí", e ó pobre "ti queda de pé aí", ou "senta no chan ós meus pés", ¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?

Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman?  Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

 

Xesús, deixando Tiro, veu dar por Sidón ó mar de Galilea, atravesando a Decápolis. Presentáronlle un xordomudo, e suplicáronlle que lle impuxese as mans. Xesús, separándoo da xente, meteulle os dedos nas orellas, e tocoulle a lingua con cuspe. Logo, erguendo os ollos ó ceo, suspirou e dixo:

Effatá (ou sexa: "ábrete").

E no instante abríronselle os oídos, e falaba perfectamente. Logo prohibiulles contalo a ninguén; pero canto máis llelo prohibía, máis o espallaban. E a xente, totalmente abraiada, comentaba:

‑¡Que ben o fai todo! Fai que os xordos oian e que os mudos falen. Palabra do Señor

 

PALABRA REMOÍDA

· A Palabra de Deus é sempre o novo que non nos deixa caer no retrouso da acedía, do desencanto, do amortecino, de ir deixando que esvare externamente por nós abaixo, sen esforzarnos por interiorizala para que enchoupe o que facemos e a mirada que temos das persoas e das situacións nas que elas/viven/mos. Quere ser un espertar a non quedarnos nun pasado que non volverá, a non acomodarnos a unha vivencia da fe que nin supón urxirnos a apostar pola defensa da dignidade das persoas nin nos move a non caer na cegueira de quen non quere ver a quen ten/mos ao lado nin preocuparse/nos polo que lle pasa. Proclamar a Palabra, porque só pode facerse se queremos levala á vida, esíxenos un “plus” de atención para que, unha vez comprendida, a vaiamos desenvolvendo co noso xeito de ver o mundo e as situacións polas que pasan, e nos precisan, as persoas que van sendo esquecidas e deixadas nas beiras. Que van sendo descartadas, como a cotío lle escoitamos dicir ao papa Francisco.
· Isto supón superar a tentación do carreirismo social, no que tanto caemos ás veces nós, e que busca os primeiros postos en tódolos ámbitos da sociedade, e está sempre pendente de quedar ben, de que nos vexan, de que nos valoren, de que... sen que iso signifique entrar no interior da proposta, que persoal e comunitariamente, nos fai Xesús a cada un e cada unha de nós para que non esteamos tan preocupados do moito, ou pouco, que nos aplauden; e si moito máis, do que fai sufrir, e tantas veces chorar e desesperarse, ás persoas que non saben o que significa vivir humanamente e de xeito feliz. E destas, tristemente, cada vez, nesta nosa sociedade tan preocupada polo eu, hai máis e máis. Unha e mil veces a proposta coa que Xesús nos agasalla é a da igualdade fraterna, que nos iguala sen diferenzas de clase, lingua, raza, relixión, xénero... sen distingos humanos que só diferenzan e exclúen.·

 Deixemos que o “Effatá” de Xesús limpe os nosos oídos para que non escoitemos só o que nos interesa e nos leva a facer lecturas utilitaristas e manipuladoras da proposta de liberación de Xesús en tódolos aspectos que conforman a vida da xente. El derruba todo canto impide ás persoas falar e escoitar; sentirse dignidade compartida por riba de fronteiras ou ganancias. O Evanxeo non é un mercado no que se compra e vende, mesmo se regatea, para enriquecemento –social, eclesial, político, sanitario, cultural...- duns poucos “elixid@s. A xustiza de Deus , porque é sempre liberadora, non discrimina nin separa; ao contrario, inda que haxa a quen non lle guste nin escoitalo nin velo, iguala e visibiliza.


 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus invítanos a rezar en comunidade. Fagámolo dicindo:
SEÑOR, QUE NON FAGAMOS DISTINGOS ENTRE PERSOAS.

· Para que a Igrexa non teña nunca medo a renunciar ao poder, á riqueza e ao prestixio, por mor de ser fiel a Xesús e ao seu proxecto; OREMOS.
· Para que nas nosas comunidades non poñamos en práctica comportamentos que fan de menos á veciñanza, viran as costas a quen non pensa coma nós e insisten en manter taponados os oídos para non escoitar canto invita á fraternidade; OREMOS.

· Por nós, para que non caiamos na tentación de acomodar o Evanxeo á nosa comenencia; unha comenencia que xustifica a nosa preguiza e dana a quen menos ten e nos tende a man para non vivir na escuridade; OREMOS.


Grazas, Señor, por este momento de oración comunitaria que fai posible que nos unamos con distintas voces na defensa da dignidade e igualdade entre as persoas. P.X.N.S. Amén.

 

 

RECENDO DE GRATUIDADE

 

UN MUNDO PRECISADO DE EVANXEO

O labor pastoral ten distintas concrecións. De feito, tod@s deberíamos esforzarnos por buscar a forma de mostrar a faciana de Deus no mundo e crear espazos nos que suscitar e acompañar a fe de persoas e comunidades. A fe non é algo máis que traballamos, senón algo dende o cal queremos vivir e medrar. Ese é o noso reto, e as actividades que realizamos pretenden testemuñar e transmitir ese compromiso.
Se entendemos por pastoral a busca dunha proclamación explícita do Evanxeo no noso mundo hoxe, existen institucións, ámbitos e iniciativas para concretar a proposta de Xesús, de xeito que deixen ver o rostro de humanidade liberadora que sempre ha ofrecer o seguimento de Xesús.
Colexios, asociacións, O.N.G’s grupos de diálogo entre fe e cultura, grupos de acción social... ata o labor desenvolvido en templos e parroquias han esforzarse sempre por establecer ámbitos de encontro e diálogo entre a razón e a fe, ofrecendo a súa reflexión e as súas accións a un mundo tan engaiolado –pagado- de si mesmo que é incapaz de abandonar o individualismo ególatra que sempre está parado, porque non sabe máis que verse no espello narcisista de quen só está namorado de si mesmo.
En todas esas actividades, a espiritualidade evanxélica ha dar pulo para unha evanxelización integral, que mostre o verdadeiro rostro de Deus, e sempre ao servizo das persoas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...