O PODER, SEMPRE O PODER COMO FONTE DE CONFLITO
CANTO GOZOSO
· ENTRADA: Amigos nas penas
· LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
· OFERTORIO: Déixate querer (Nº 61)
· COMUÑÓN: Quédate Señor (Nº 63)
OLLOS ABERTOS
De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós?. Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior? Estas cuestións que escoitaremos hoxe na carta de Santiago que proclamamos na primeira lectura son toda unha invitación a parar e reflexionar sobre como estamos construíndo a nosa vida e cal é a nosa escala de valores.
Porque certamente, como lles ocorría aos discípulos de Xesús, na meirande parte dos casos, os enfrontamentos, as discusións, os desencontros... que se dan entre nós non son máis que un exercicio de poder, unha manifestación do noso egoísmo e do noso individualismo.
A celebración que imos comezar chámanos a deixar atrás estes comportamentos para camiñar na construción de fraternidade. Só así seremos quen de darlle sentido á nosa vida.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
ö Porque seguimos perdendo tempo e enerxía en discusións inútiles que nos amargan e lle amargan a vida a quen camiña con nós; SEÑOR, SEGUE A SOSTER A NOSA VIDA.
ö Porque preferimos que nos sirvan a ser persoas servidoras; CRISTO, SEGUE A SOSTER A NOSA VIDA.
ö Porque rexeitamos á xente pequena e pobre, sen decatarnos de que deste xeito tamén te rexeitamos a Ti; SEÑOR, SEGUE A SOSTER A NOSA VIDA.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA
Espreitemos o home xusto que nos dá tanto noxo e se opón ós nosos feitos, botándonos en cara as transgresións da lei, reprochándonos faltas da nosa educación.
Examinemos se son veraces as súas razóns, comprobemos como é o seu finar.
Se o xusto é fillo de Deus, virá El a acorrelo e ceibarao da man dos seus inimigos.
¡Poñámolo na proba da aldraxe e do tormento para constatarmos a súa mansedume e experimentarmos a súa resistencia ó mal!
¡Condenémolo a unha morte ignominiosa, pois, segundo el fala, terá quen o protexa!
Palabra do Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO
Benqueridos irmáns e irmás:
Onde hai receos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda clase de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz.
¿De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós?. ¿Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior?. Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvos a guerra e non conseguides porque non o pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacerdes as vosas cobizas.
Palabra do Señor
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Marcharon de alí, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; pois ía informando ós discípulos, dicíndolles:
- O Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.
Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.
Chegaron a Cafarnaún, e, cando estaban na casa, preguntoulles:
- ¿De que viñades discutindo polo camiño?
Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:
- O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos.
E, collendo un neno, púxoo no medio deles e abrazándoo, dixo:
- Quen acolle a un destes nenos no meu nome, acólleme a min; e quen me acolle a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.
Palabra do Señor.
PALABRA REMOÍDA
A ansia de poder, o desexo de mandar, a tentación de ocupar os primeiros postos... semella estar inxerida no noso ADN. Certamente, todas as persoas temos ese puntiño de soberbia que necesitamos alimentar: gústanos que nos dean palmadiñas nas costas, devecemos por ter algún carguiño que nos faga sentir importantes, cremos ter sempre a razón... sen decfatarnos de que iso só nos fai perder tempo e enerxía, ademais de converternos en persoas eternamente amargadas, incapaces de colaborar no ben común. Parapetados na nosa verdade, autosuficientes, non estamos dispostos a escoitar, e moitos menos aceptar a quen pensa, reza, opina, ama ou actúa dun xeito distinto ao noso. En definitiva, tod@s queremos ser “machos alfa” e, desde esta perspectiva, comezamos a ver o resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma alfombra sobre a que pisar. Xorden entón as divisións, as loitas, os ciumes..... Hoxe é un bo día para recomezar desde unha óptica distinta: “o froito da xustiza seméntano coa paz os que van facendo a paz”. Traballar pola paz, traballar pola fraternidade, como non cansa de repetir Francisco, é a gran tarefa que temos hoxe as persoas que nos confesamos cristiás. Nun mundo que constrúe muros e fronteiras, nós estamos chamadas e chamados a converter as fronteiras en portas abertas e os muros en pontes que acheguen.
Só así aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades polo camiño?. Certamente non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non, tristemente eles tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder, importancia.... Do normal!!!!!!!!!!!!Que pouco cambiou o conto despois de dous anos de historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!. Non entenderan nada... Non entendemos nada. E Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser primeiro, que se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta frase que é pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe, porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos ter os nosos propios medios, os nosos propios recursos, as nosas reservas e as nosas seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería unha catástrofe, unha traxedia....Xesús propón como modelo ás crianzas, símbolo das persoas pequenas, daquelas que o mundo non ten en conta: pobres, paradas, maiores, enfermas, maltratadas....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e poderosos. Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo final que nos interpela. Calquera afán de dominio, de búsquea de poder ou de prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír sobre os demais ocultará o rostro de Cristo que debemos transparentar.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Poñámonos na man do Señor. El invítanos a pasar polo mundo construíndo fraternidade, por iso dicimos:
QUE DESCUBRAMOS QUE SERVIR É LEDICIA
· Pola Igrexa, para que nunca busque o prestixio, o poder, o recoñecemento... senón que a súa autoridade emane de ser unha Igrexa pobre e para a xente pobre, OREMOS.
· Polas nosas comunidades parroquiais, para que sexamos capaces de superar desencontros, discusións, ciumes... que nos converten en persoas mesquiñas e amargadas, OREMOS.
· Por cada unha e cada un de nós, para que nunca caiamos na tentación de converter a nosa oración nunha listaxe de peticións, senón que sexamos capaces de facer dela diálogo e escoita da voz de Deus; OREMOS
Grazas, Señor por darnos a verdadeira sabedoría que brota do Evanxeo: para ser grande cómpre ser servidor da xente. P.X.N.S. Amén.
RECENDO DE GRATUIDADE
Non digas que non.
Ti, coma min, coma todas as persoas,
tamén levas no teu interior esta pregunta:
quen é o máis importante?.
Porque para ti, para min, para case toda a xente,
do que se trata é disto: de ser o máis importante.
Case ninguén quere os últimos postos.
Case ninguén acepta ser servidor dos demais.
Xesús si.
Xesús escolleu o último lugar: fíxose servidor de todas as persoas.
E foi Xesús e colleu unha crianza,
e púxoa no medio coma sinal para toda a xente do mundo:
sinal da debilidade, á que é bo achegarse,
sinal da tenrura de Deus da que carecen moitos corazóns,
sinal da humildade coa que cómpre camiñar na vida,
sinal dos postos sen importancia que busca o seguidor de Xesús,
sinal de Xesús mesmo, morto e resucitado,
por unha melloría radical do mundo que nos acolle.
M. REGAL “Un caxato para o camiño” (pax. 226-227)
Comentarios