Ir al contenido principal

24 domingo TO B 2021

NON SEMPRE HAI QUE FIARSE DOS DOUTRINALMENTE SEGUROS, ÁS VECES SON MORALMENTE INACEPTABLES

CANTO GOZOSO

· ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)

· LECTURAS: Douvos un mandato novo (Nº 18)

· OFERTORIO: O Señor é o meu pastor (Nº 27)

· COMUÑÓN: Eu sei de quen me fiei (Nº 64)

OLLOS ABERTOS

Moitas persoas, consciente ou inconscientemente, aspiran ao benestar e ao ben-vivir. O importante é vivir cada vez mellor, disfrutar de paz e seguridade, ter saúde, cartos, éxito... Quen posúe unha seguridade económica pode aspirar a conseguir o recoñecemento dos demais e a felicidade.

Pero iso crea un xeito de vivir tan superficial que só queda sitio para un deus milagreiro e para unha relixión reducida ao ámbito individual e privado das persoas, converténdose así moitas veces nun refuxio para intolerantes e esquizofrénicos. Buscamos a Deus e somos relixios@s coma un elemento máis de seguridade persoal, sen decatarnos que a fe está chamada a cuestionar a nosa vida constantemente.

Cómpre, pois, que escoitemos e reflexionemos sobre o que Santiago nos di hoxe na súa carta: “unha fe sen obras está morta por dentro”. Que a celebración que agora comezamos nos axude a descubrir e recoñecer a Deus na realidade cotiá, e a actuar coma homes e mulleres de fe nela.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

ö Porque somos insensibles ao que lle pasa aos irmáns e ás irmás que sofren, SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.

ö Porque son demasiadas as ocasións nas que nos deixamos levar do pesimismo de quen pensa que nada pode cambiar, e que é mellor que as cousas sigan igual, CRISTO, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.

ö Porque moitas veces esquecémonos de que unha fe sen obras é unha fe morta, rutineira e baleira, SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.

PALABRA PROCLAMADA   

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS 

O Señor Iavé abriu o meu oído,

e eu non me rebelei, non me botei para atrás.

Ofrecín o lombo ós que me azoutaban, e a miña cara ós que me arrincaban a barba.

Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.

Pero o Señor axudarame,

por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,

pois sei que non me avergonzarei.

O que defende a miña causa está cerca.

¿Quen litigará comigo, cando comparezamos ante a comunidade?

Quen traballa a miña xusta sentencia está detrás de min.

O Señor Iavé axudarame: ¿quen será o que me declare culpable?

Palabra do Señor. 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO

Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: "ídevos en paz, quentádevos e fartádevos", pero non lles dá aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.

Pode dicir alguén: "ti tes a fe, eu teño os feitos". ‑Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostrar a miña fe.

Palabra do Señor. 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Ia Xesús cos seus discípulos cara ás aldeas de Cesarea de Filipo, e polo camiño preguntoulles:

-       ¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:

-       Uns, que Xoán Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas.

El preguntoulles a eles:

-       ¿E vós, quen dicides que son?

Respondeu Simón Pedro:

-       Ti es o Mesías.

E prohibiulles diciren nada a ninguén.

Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os anciáns, os Sumos Sacerdotes e mais os letrados; que o ían matar, e que ós tres días había resucitar.

Explicoulles isto con toda claridade. Entón Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifarlle. Pero Xesús volvéndose cara ós discípulos, reprendeuno:

-       ¡Arreda de min, Satán, que ti non te me deixas guiar por Deus, senón polos homes!

E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos:

-       Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa 

Palabra do Señor.

 

PALABRA REMOÍDA

Si somos crentes é porque coñecemos a Deus. Isto que afirmamos coas palabras “Ti es o Mesías”, tamén temos que afirmalo cos nosos feitos e coa nosa vida, coa nosa implicación. Deus sae ao noso encontro cada día n@s pobres, n@s necesitad@s, nas humildes e sinxelas tarefas de cada día (nas agradables e nas que non o son tanto), no trato coas familias, cos veciños... e aí é onde debemos confesar: “Ti estás aquí”, “Ti faste presente aquí”. Esa é a difícil e fermosa tarefa que o Señor pon diante de nós: ser sementadores do Reino. 

Por iso, o recadiño que Santiago lle envía aos destinatarios aos que lles escribe a súa carta, vén moi ben para que nunca esquezamos que ortodoxia e ortopraxe son dúas caras da mesma moeda. Porque claro, a tentación de reducir a fe ao ámbito das sancristías e dos templos, nos que tod@s nos atopamos moi a gusto, é moi grande. Pero sería unha fe morta, como ben di Santiago, se ao botar os pés fóra do templo deixamos nel ao Deus no que cremos para vivirmos nunha moral e unha vida sen Deus, explotando, insultando, calumniando, pisoteando a quen sexa con tal de conseguir poder.. seremos ortodoxos, doutrinalmente seguros... pero a nosa ortopraxe brilla pola súa ausencia. Porque ter fe é algo máis, é vivir sabedores de que Deus é compañeiro e alento no camiño sempre e en todo momento.

Porque @s que nos confesamos seguidores de Xesús no noso tempo estamos a entrar con frecuencia nun xogo perigoso á hora de manifestar as nosas conviccións crentes e a nosa fe; porque parece que só hai dous xeitos de facer isto presente:

·      por un lado a marrullería da intolerancia, o “ordeno e mando”, a cega obediencia, a postura de “que perseguid@s estamos, que mal nos tratan”.

·      por outra banda, estaría a postura de identificar a fe só co culto, coa asistencia a unhas celebracións que non comprometen a vida máis que 30-45 minutos á semana.

Non é éstrano, pois, que cando lle preguntamos á xente sobre o que é importante na súa vida, a relixión non apareza por ningún lado, ou se aparece é coma un contravalor, coma algo negativo. E iso a nós, que nos dicimos cristiáns e cristiás ten que cuestionarnos. Porque hoxe Xesús tamén nos está a preguntar quen son eu para ti?. Se cadra, as respostas serán moi variadas: un xuíz, un tapaburatos, un mago, un tolo, un irmán.... E esa resposta que nós deamos manifestará as nosas convicións. Que sexamos quen de transmitir, de palabra e coas nosas obras, que Deus é alento e forza nun fermoso proxecto: SEMENTAR FRATERNIDADE.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Poñámonos na man do Señor. El invítanos a pasar polo mundo enchéndoo de compromiso e esforzo para que ninguén se sinta esquecido e excluído, e digamos xunt@s:

QUE A FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

·      Pola Igrexa, comunidade de fe comprometida na construción dunha sociedade mellor, para que nos esforcemos cada día en ser no medio do mundo palabra viva de amor e cercanía para quen se sente triste e solo, Oremos.

QUE A FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

·      Polas nosas comunidades parroquiais, para que non esquezamos nunca que a fe sen as obras non é máis que un enganabobos, pero non compromiso sincero e solidario de amor, Oremos.

QUE A FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

·      Por tod@s e cada un de nós, que recoñecemos a Xesús como Mesías, para que vaiamos pondo na nosa vida de cada día o noso esforzo na creación de recunchos de tenrura e misericordia, Oremos.

QUE A NOSA FE SEXA ALENTO NO CAMIÑO

Grazas, Señor, porque un día máis pos diante de nós un proxecto de amor que nos invitas a ir realizando cada día, para darlle así sentido a nosa vida. PXNS. Amén.

RECENDO DE GRATUIDADE

Confesar que Xesús é o Mesías implica: 

  • aceptalo na nosa vida coma o enviado de Deus, que nos trae a salvación e a liberación definitivas de todas as nosas cativeces.
  • non rendernos diante das dificultades da vida, segur@s de que camiña ao noso carón.
  • ser sementadores de paz e diálogo, deixando atrás crispacións, rivalidades e desencontros.
  • apostar porque fronte ao desánimo e á desesperanza, outro mundo é posible, depende de nós.
  • alento para facer dos lugares onde estamos (familia, traballo, parroquia, sociedade...) lugares de humanización.
  • facer unha opción radical pol@s máis pobres e pequen@s da terra.
  • mirar cada día coma unha páxina en branco, na que temos que deixar a nosa pegada.
  • ilusionarnos diante de novos proxectos, camiños e opcións que nos desinstalan da nosa rutina e nos fan espertar do noso adormecemento.
  • asumir que a nosa vida xa non é para nós, senón que é unha vida para os demais.
  • ter presente que xustiza, caridade, solidariedade, desenvolvemento, coherencia... son algo máis que palabras bonitas, son o xeito de vivir a nosa fe.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...