SÓ CAMIÑANDO XUNT@S PODEMOS ENTENDER POR QUE SOMOS IGREXA
CANTO GOZOSO
Entrada: Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2)/ Pedras vivas
Lecturas: As túas palabras Señor
Ofertorio.- Pan do ceo (53)
Comuñón.- Ti é-lo pan do ceo (54)
OLLOS ABERTOS
Paz e ben no nome de Xesús. O domingo volve ser día de encontro e oración compartida, de palabra proclamada e invitada a convertela en vida, en experiencia de comuñón desde o sorriso ofrecido, e o saúdo saído do corazón froito da alegría de volver atoparnos para agradecer que Deus fai posible que nos volvamos ver para compartir e celebrar.
Poñamos o mellor de cada un/ha para que se aqueza o noso corazón e se alimente a nosa esperanza.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque seguimos caendo na tentación de aparentar o que non somos; SEÑOR, LIBÉRANOS DO EGOÍSMO.
Porque non sempre somos quen de deixar que outras persoas opinen e ofrezan visións distintas á nosa; CRISTO, LIBÉRANOS DO EGOÍSMO.
Porque seguimos facendo distigos e diferenzas entre nós; SEÑOR, LIBÉRANOS DO EGOÍSMO.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Foi o profeta Elías á Sarepta e, ó entrar pola porta da cidade, viu alí unha muller viúva, que estaba xuntando guizos. Elías chamou por ela e díxolle: ‑"Fai o favor e vaime por unha pouca auga na xerra para beber". Mentres ía ela collerlla, Elías chamouna e díxolle: ‑"Tráeme tamén, se podes, na túa man un anaco de pan".
Ela díxolle: ‑"Pola vida do Señor, teu Deus, que non teño pan ningún. Quédame só na tina unha presa de fariña e unha pinga de aceite na aceiteira. Ves que estou apañando guizos. Irei preparalo para min e para o meu fillo. Comerémolo e despois teremos que morrer".
Díxolle Elías: ‑"Non teñas medo. Anda e fai como dixeches. Pero primeiro prepara un panciño con iso e tráemo a min. Despois xa prepararás para ti e para teu fillo. Pois isto di o Señor, Deus de Israel: a tina de fariña non se acabará e a aceiteira do aceite non minguará, ata o día en que o Señor mande a chuvia á terra".
Foi ela face-lo que Elías lle dixera. E comeu el, ela e seu fillo, moito tempo, sen que se acabase a fariña da tina nin minguara o aceite na aceiteira, como dixera o Señor por medio de Elías. Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
O Mesías non entrou nun santuario de feitío humano, copia do verdadeiro, senón que entrou no ceo, para poder presentarse agora diante do mesmo Deus a favor noso; e non para repetir moitas veces o seu propio sacrificio, como fai o Sumo Sacerdote, que entra cada ano no santuario levando sangue alleo, porque, se así for, debería ter sufrido moitas veces desde a creación do mundo; pero a verdade é que agora dunha vez para sempre, no derradeiro dos períodos da historia, co sacrificio de si mesmo, quedou a disposición de todos para acabar co pecado.
O mesmo que o destino de todo home é morrer unha vez só e, despois xa da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quita-los pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salva-los que o están agardando con ansia.
Palabra do Señor. Grazas a Deus
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Dille Xesús á xente ensinando:
‑ Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.
Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria coma quen di. Entón chamou ós seus discípulos, é díxolles:
‑Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos. Pois eles botaron o que lles sobraba, pero ela na súa pobreza, botou todo canto tiña para vivir.
Palabra do Señor. Grazas a Deus.
PALABRA REMOÍDA
Muller e viúva, dous estigmas naquel tempo; dous estigmas tamén hoxe en moitas culturas. E de mulleres e viúvas fálannos hoxe as dúas lecturas, pero desde unha perspectiva distinta. A perspectiva da dignidade e do respecto. Elías, como escoitabamos na primeira lectura chega á casa da muller viúva canso, sedento e con fame. E aquela muller, que non tiña nada, é capaz de renunciar ao pouco que tiña para dárllelo, inda que iso supuxera que nin ela nin o seu fillo poderían comer. Nesta xenerosidade, que non pensa nin se move desde a clave do eu, senón do ti e do nós, atopan ela a dignidade que por ser muller e estar viúva –o último do último daquel tempo– se lle foi negando. Non para a pensar as consecuencias que supuña darlle a aquel estranxeiro o pouco que tiña. Todo unha imaxe para reivindicar, unha vez máis, que non é entre os poderosos, senón no medio dos empobrecidos e ignorados, onde podemos descubrir a grandeza do que significa o vivir humano e solidario. Tamén hoxe, con protagonistas distintos, e en situacións diversas, son habitualmente os máis pobres, aqueles dos que ninguén espera nada, os que cada día nos van dando exemplo de solidariedade, xenerosidade e capacidade de renunciar para compartir! Non hai máis que abrir un pouco os ollos, e saír das nosas propias ensoñacións para descubrilo. Deus segue a sementar a súa riqueza nos corazóns dos máis esquecidos e invisibles. Por iso tampouco somos quen de recoñecelo a El neste mundo tan marcado polo eu/meu, as présas e a indiferenza diante do que non entre nos nosos cálculos e nas nosas previsións.
Coidado coas aparencias! Este é o segundo aspecto da mirada que nos ofrecen as lecturas de hoxe. No evanxeo descubrimos a un Xesús que non cala diante da mentira e a fachenda dos que se consideraban importantes; dos que tiñan unha cegueira tal que só se miraban a si mesmos, sen preocuparse de nada nin de ninguén máis. Diante desta actitude, non dubida Xesús de erguer a voz para denunciar a hipocrisía do seu actuar e do seu pretender “aparentar” ser dos mellores. Unha situación esta que non está hoxe moi lonxe do que ocorre habitualmente en calquera ámbito da sociedade na que vivimos. E si, tamén no ámbito da Igrexa. E non só nos curas e bispos; mesmo persoas que colaboran, participan ou traballan nas comunidades adoitan esta actitude fachendosa como se fosen máis importantes, ou tivesen poder para facer de menos aos demais. Pensemos en non poucas persoas, homes e mulleres, que se consideran imprescendibles nas cousas da comunidade; ou como exercen o seu poder na súa “parceliña”, mesmo, como secuestran ao cura/bispo para o seu redil, buscando gobernar, mandar e impoñer. Poñendo barreiras á súa cota de poder, e sen permitir que ninguén, salvo que se someta ao seu poder, desexos, imposicións e control, entre, colabore ou participe.
A sinodalidade ten que comezar por un estilo novo, participativo e verdadeiramente comunitario, onde ninguén é, nin debe crerse, nin mellor nin superior a ninguén! E se ese é o estilo de Xesús, que agardamos para ilo poñendo en práctica? Que momento mellor que este que agora comeza na Igrexa para poñer de manifesto que, se queremos, podemos para opinar, compartir, reflexionar e construír unhas comunidades, e como tal unha Igrexa, máis igualitaria, leda e participativa, na que td@s somos importantes e ninguén e imprescindible.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Rezamos neste momento uníndonos a tódalas persoas que se esforzan por construír un mundo máis humano e xusto, dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR QUERERNOS HUMILDES.
Para que na Igrexa fomentemos a participación e deixemos que todas as voces se poidan expresar; Oremos.
Para que nas nosas comundiades non fagamos grupos excluíntes nin exclusivos, e permitamos que quen queira colaborar e participar o poida facer; Oremos.
Para que nunca nos creamos mellores, superiores e máis importantes que os demais; Oremos.
Señor, acolle canto hoxe compartimos, e axúdanos a vivir con sinxeleza e alegría ser persoas cristiás no mundo de hoxe. P.X.N.S. Amén.
Oración agradecida
Pon Señor nos meus ollos miradas sereas que infundan confianza e serenidade.
Pon na miña boca as palabras adecuadas para orientar as accións correctas, falar de amor e difundir a túa mensaxe, proclamar o teu reino.
Pon na miña mente pensamentos rectos, limpos, xustos, firmes, renovadores.
Pon nos meus oídos a capacidade de escoita, e a actitude idónea para escoitar a cantos me necesiten.
Pon nos meu labios sorrisos auténticos e palabras prudentes que infundan paz, acollida, alegría e optimismo.
Pon nas miñas mans as caricias máis tenras e o soporte máis firme para os que as soliciten.
Pon no meu corazón os sentimentos máis nobres e a capacidade de amar sen límites.
Pon nos meus pes a forza de camiñar sen desfalecer, ata facer realidade as utopías que nos axuden a implantar o teu reino na terra.
(http://www.caritasmadrid.org/oracion-para-estar-al-servicio... )
Comentarios