Ir al contenido principal

5 Xornada mundial das persoas pobres

 AOS POBRES TÉNDELOS SEMPRE CON VÓS (Mc 14,7)

V Xornada Mundial dos Pobres

CANTO GOZOSO

  • Entrada.-  Eu soñei ( Nº 58) 
  • Lecturas.-  Escoita ti a palabra de Deus (Nº 26)
  • Ofertorio.-  Na nosa terra (Nº 36))
  • Comuñón.- Quedate, Señor, connosco. (Nº 63)

OLLOS ABERTOS

Aos pobres téndelos sempre con vós (Mc 14,7). Son estas palabras de Xesús que recolle Marcos no evanxeo, pronunciadas uns días antes da Pascua. Algunhas persoas escandalizáronse porque unha muller comprara un perfume moi caro para limparlle os pés a Xesús. Ante o seu escándalo, Xesús dille que os pobres están cada día ao seu lado e non se escandalizan ao velos, e moito menos se achegan a eles para escoitalos, acompañalos e axudalos. Xesús quere con esta frase denunciar a hipocrisía dos ben pensantes, que aparentan preocuparse polos pobres pero son incapaces de poñer e compartir o seu para que a vida dos pobres sexa mellor.

Ao comezo da celebración preguntémonos se tamén nós somos dos que miran moito o que fan os demais cos pobres, pero somos incapaces de deixarnos acompañar por quen vive na pobreza da falta de medios, da soidade, do esquecemento ou da exclusión. Fagamos da xornada de hoxe unha proposta de compromiso para que os pobres sexan para nós a imaxe de Xesús coa que queremos compartir tempo e axuda.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

·      Polas veces nas que pasamos ao lado dos pobres facéndonos invisibles; SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA HIPOCRISÍA.

·      Polas veces nas que nos ocupamos nos nosos rezos para non ter que estar ao lado dos pobres; CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA HIPOCRISÍA.

·      Polas veces nas que deixamos que a insensibilidade endureza o noso corazón; SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA HIPOCRESÍA

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE DANIEL

Naquel tempo alzarase Miguel, o gran príncipe que protexe os fillos do teu pobo. Será época de angustia, tal que nunca a houbo coma ela desde que as nacións existen ata aquel tempo. Mesmamente naquel tempo salvarase o teu pobo: tódolos que se atopen inscritos no libro. Moitos dos que dormen no po da terra espertarán: uns para a vida eterna, outros para a ignominia, para a reprobación eterna. Os sabios brillarán coma o fulgor do firmamento, e os que educaron na xustiza ós demais serán coma as estrelas por toda a eternidade. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Naqueles días, pasada xa aquela grande angustia, o sol hase escurecer, a lúa deixará de aluar,  as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. Entón verán vi-lo Fillo do Home sobre as nubes con grande poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.

Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e maila terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.

En canto ó día e maila hora no que isto vai acontecer ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente. Palabra do Señor.

PALABRA REMOÍDA

·      Dinos Francisco na mensaxe para esta xornada dos pobres que “Os pobres de calquera condición e de calquera latitude evanxelízannos, porque nos permiten redescubrir de maneira sempre nova os rasgos máis xenuínos do rostro do Pai...Eles teñen moito que ensinarnos. Cando falamos dos pobres, estamos a falar de persoas. Homes e mulleres coma nós, si, pero aos que a vida non lles ten, quizais, dado as mesmas oportunidades que a nós. E non só nos referimos a pobreza económica. Non, a pobreza ten moitos rostros: soidade, enfermidade, maltrato, exclusión, engano, falta de oportunidades... rostros de persoas; persoas que viven e sofren estas situacións, e nas que sempre está o rostro de Xesús impreso no corazón. Non nos atopamos con alguén descoñecido; atopámonos co mesmo Xesús que nos chama a non deixarnos levar da indiferenza, a non pasar de canto, a non darlles as costas. Esforcémonos logo en non pasar por diante como se as súas vidas non fosen con nós.

 

·      Segue a dicirnos o papa na mensaxe para esta Vª Xornada do Pobres: “A nova evanxelización é unha invitación a recoñecer a forza salvífica das súas vidas e a poñelos no centro do camiño da Igrexa. Estamos chamados a prestarlles a nosa voz nas súas causas, pero tamén a ser os seus amigos”. A misión da Igrexa non é o poder nin o prestixio; a misión de Igrexa é evanxelizar, o que supón facer da súa acción unha experiencia de salvación asumindo que Deus vai acompañando o seu servizo e o seu facer a favor da dignidade e do respecto das persoas. Tamén das persoas pobres. E nisto toda a Igrexa, comezando polos seus cadros dirixentes, debe  asumir que en non poucas veces o seu actuar non ten sido así. Os pobres estaban nos seus beizos, pero non no seu corazón, no seu actuar. Mesmo cando eles eran o centro do seu actuar, as accións eran para eles, non con eles. Por iso o papa insiste en que os pobres e todo canto supoña cambiar estruturalmente a súa situación, han estar no cerne do actuar da Igrexa e cantos a conforman, a conformamos, de nós. Non son apestados, son persoas ás que hai que achegarse, escoitar e tender a man para poder facer o camiño xuntos.

 

·      Porque, “Xesús non só está de parte dos pobres, senón que comparte con eles a mesma sorte. Esta é unha importante lección tamén para os seus discípulos de tódolos tempos. As súas palabras «aos pobres téndelos sempre con vós» tamén indican que a súa presenza no medio de nós é constante”. Para Xesús non había dúbida de que lado da historia había que estar; mais este non era un estar ao uso, o seu estar significaba camiñar con eles, facerse un deles, ser eles. Defender a súa causa, reivindicar a súa dignidade dándolle a voz que os poderosos lles  foran quitando. Tamén hoxe, na nosa sociedade, na Igrexa, coa invitación a facer do noso ser Igrexa Sínodo –camiñar xunt@s- a mirada dos crentes no se pode afastar nin da pobreza nin da situación que a provoca, para que a nosa resposta sexa profética, transformadora e verdadeiramente salvífica. Isto vainos esixir abandonar a actitude pasiva de pensar que canto pasa no mundo non vai con nós, namentres as persoas seguen a ser invisibles e as violencias seguen a lastrar as súas vidas. A xornada de hoxe é un poñernos na liña de saída e comezar a carreira que nos leve a buscar e recoñecer a Xesús alí onde unha persoa non sexa recoñecida coma tal e non saiba nin entenda o que é a dignidade.

·      E como di o evanxeo, os gromos sairán, si, pero desde “unha invitación a non perder nunca de vista a oportunidade que se nos ofrece de face-lo ben”.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Sabendo que canto de bo sae do noso corazón é ecoitado por Deus, fagamos da nosa oración comuniatria o comezo deste querer camiñar en comunidade dicindo:

QUE O RESPECTO E A DIGNIDADE CREZAN NAS NOSAS VIDAS

1.-Para que a Igrexa sexa verdadeira servidora das persoas empobrecidas e esquecidas desta nosa sociedade que lle vai dando as costas. Oremos. Que o respecto e a dignidade crezan nas nosas vidas.

2.-Para que nas nosas parroquias teñamos sempre os ollos ben abertos e o corazón aquecido para saber estar ao lado de quen nos precise e e sente só e esquecido. Oremos. Que o respecto e a dignidade crezan nas nosas vidas.

3.- Para que nós non pasemos sen mirar aos lados e tender a man a quen vemos que necesita do noso tempo, a nosa axuda e a nosa voz porque ninguén lles fai caso. Oremos. Que o respecto e a dignidade crezan nas nosas vidas.

Grazas, Señor , por espertarnos da indiferenza que xea o noso corazón, facéndonos insensibles aos problemas e dificultades de quen temos ao lado. P.X.N.S. Amén.

ORACIÓN AGRADECIDA

Deus noso Pai, creador do ceo e da terra,
dámosche grazas por ternos reunido como irmáns neste lugar, 
pedímosche por tódolos traballadores.

Por aqueles que traballan coas súas mans, e con un grande esforzo físico. coida os seus corpos do desgaste excesivo, que non lles falte a tenrura e a capacidade para agarimar aos seus fillos e xogar con eles.

Concédelles constantemente a fortaleza da alma e a saúde do corpo para que non sexan escravos do peso do seu oficio.

Fai que o froito do traballo lles permita asegurar dignamente a subsistencia das súas familias. Que encontren nelas, cada noite, calor, descanso e alento, e que xuntos, reunidos baixo a túa mirada, coñezan a autentica alegría.

Crea entre os traballadores un espírito de auténtica solidariedade. Que saiban estar atentos uns aos outros, que se animen mutuamente, que apoien aos que están agoniados, levanten aos que caeron.

Que, ante a inxustiza, os  seus corazóns non cedan á ira, ao rancor, á  amargura, senón que manteñan viva a esperanza de ver un mundo mellor e traballar para acadalo.

Que saiban, xuntos, de maneira construtiva, facer valer os seus dereitos e que as súas voces sexan escoitadas. Amén.   ( papa Francisco)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...