3º domingo de Pascua
Botar as redes sen enredar
CANTOS
Entrada.- Con ledicia vamos todos ao altar (2)
Lecturas.- Cantádelle ao Señor ( 21)
Ofertorio.-Cantade ao Señor ( 23 )
Comuñón.- Gracias, Señor, graciñas ( 50)
ABRINDO OS OLLOS
De redes fálanos hoxe o evanxeo, e que ben acaído vén neste momento no que todas e todos somos usuarios habituais das redes. Que é senón whatsApp para moitas e moitos de nós: mensaxes, avisos, fotos...? Nunha palabra: comunicación.Pero as redes das que fala Xesús non enredan mais si achegan, acompañan, tenden a man e escoitan. A esas redes é ás que nós somos invitadas e invitados a poñer a nosa mirada e o noso corazón.
Preparémonos entón para compartir este momento de oración sentíndonos membros da rede de esperanza que nos trae Xesús coa súa resurrección.
ACOLLENDO A MISERICORDIA
ASPERSIÓN
· Porque moitas veces somos enredantes e non redeiras e redeiros de esperanza e paz. SEÑOR, ACÓLLENOS NAS TÚAS REDES.· Porque, a diferenza daqueles primeiros seguidores e seguidoras, é o medo o que nos atenaza e nos fai insensibles ao sufrimento da xente. CRISTO, ACÓLLENOS NAS TÚAS REDES.
· Porque no noso día fáltannos alegría, compromiso e empatía no noso día a dia; SEÑOR, ACÓLLENOS NAS TÚAS REDES.
PALABRA PROCLAMA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O xefe dos sacerdotes interrogou ós apóstolos:
‑Expresamente vos mandamos que non ensinasedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home. Pedro e os apóstolos responderon:
‑Cómpre obedecer a Deus antes cós homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá ós que o obedecen.
Entón chamaron polos apóstolos, e, despois de os azoutar, ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir. Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do Nome. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE DE SAN XOÁN
Eu, Xoán, vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. Proclamaban con forte voz:
"Merecente é o Año, por estar degolado,
de recibi-lo poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición".
E oín que tódalas criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e tódalas cousas que hai nelas, proclamaban:
"Para quen está sentado no trono e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e o poder
polos séculos dos séculos".
E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.. Palabra do Señor
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Aparecéuselles outra vez Xesús ós seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus. Simón Pedro díxolles:
‑Vou pescar.
Eles contestaron:
‑Imos nós contigo tamén.
Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de rompe-lo día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
‑Rapaces, ¿tedes algo que comer?
Eles responderon:
‑Non.
Díxolles entón:
‑Largade o aparello por estribor e atoparedes.
Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Daquela, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
‑É o Señor.
Entón Simón Pedro, o escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido ‑pois estaba espido‑ e botouse ó mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
Xesús díxolles:
‑Traede peixes dos que acabades de coller.
Simón Pedro subiu ó bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
Xesús díxolles:
‑Vinde comer.
Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle __ti quen es__, sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou ós seus discípulos resucitado de entre os mortos. Palabra do Señor.
FACENDO DA PALABRA VIDA
No retomar durante o tempo de pascua o libro dos Feitos dos Apóstolos como primeira lectura, volvemos atoparnos coas novas de como vivían aqueles primeiros cristiáns da primeira hora. E unha das cousas que máis chama a atención é ver como ante as dificultades non se volven atrás. Ao contrario: a súa ilusión, a súa confianza en canto compartiran con Xesús móveos a non deixarse levar polo medo ou as burlas ás que os sometían os que gobernaban, as institucións políticas e relixiosas daquel tempo. Desde eles tamén nós somos invitad@s a facer unha lectura actualizada e comprometida desta palabra que acabamos de escoitar para levala á vida de cada día, de xeito que tampouco a nós nin os medos nin moitas veces a incomprensión de quen non cre, nos cohiba e non nos deixe dar razón da nosa esperanza.
Unha esperanza á que sempre chama Xesús, e que sempre na pascua renovamos e actualizamos desde o noso estar atentas e atentos aos sinais dos tempos. O que quere dicir que temos que poñer ollos e corazón para entender/comprender a realidade e intentar para cambiar o que detectamos que non vai ben, e unirnos a aqueles proxectos que nela se desenvolven tendo á persoa sempre como centro que merece sempre respecto e chama a defender a dignidade, toda dignidade humana.
E aí están as redes que nos tende o Señor. Non unhas redes que buscan lea, desigualdade, violencia, discriminación ou dependencia, senón as redes da ilusión por facer o mundo, desde a nosa realidade concreta, máis alegre, xusto, solidario e que non se conforma con dicir si aos poderosos, pero que chama a cambiar as cousas, a ser cooperación na busca de quen pon os ollos nas persoas máis empobrecidas e excluídas; na busca e compromiso por un actuar no que non busquemos dominar e si colaborar; no que intentemos comprender e non condenar; no que non manipulemos a ninguén e si favorezamos que sexamos persoas máis felices, alegres e solidarias.
SENTÍNDONOS COMUNIDADE
Xesús volve lanzar as redes para que compartamos este momento de oración comunitaria,. Fagámolo dicindo: QUE NOS DEIXEMOS CAER NA TÚA REDE DE ACOLLIDA
· Para que nos esforcemos por ser unha Igrexa que mira máis ao evanxeo e menos ao control e o dominio das persoas. Oremos. Que nos deixemos caer na túa rede de acollida.· Para que vaimos facendo parroquia que coas súas redes busca preocuparse polas persoas, para que ninguén quede esquecida e ignorada. Oremos. Que nos deixemos caer na túa rede de acollida.
· Para que o noso enredo sexa sempre de preocupación por quen o pasa peor, por quen está só, por quen busca sen acabar de atopar rumbo e sentido na súa vida. Oremos. Que nos deixemos caer na túa rede de acollida.
Señor, grazas por invitarnos a ser persoas construtoras de entendemento, colaboración e respecto entre nos e os demais. Por Cristo o noso Señor. Amén.
PENEIRANDO A REFLEXIÓN
Amar
Como el nos amou,
E por amor,
Elixir o derradeiro lugar.
Ser pobre e servo,
Irmán de Xesús.
Buscar
Como el a vida escondida,
E por amor, irse
Onde o Espírito chama.
Ser só un viaxeiro
Pasando na noite.
Orar
Longamente amado,
E por amor abrirse
Ao maior silencio.
Adorar a Xesús Salvador na Eucaristía.
Levar
O evanxeo aos famentos
E por amor,
recoller todas as palabras dun pobo
onde o Verbo mora tamén
e xermola sen barullo.
Entregar
Ata o final da súa vida dada,
e por amor, morrer,
ofrecendo ao Pai
o abandono brotando dun corazón
Infinitamente libre.
(Libro coresma/pascua de Cáritas. Himno da beatificación de C.de Foucauld)
Comentarios