SINODALIDADE, RETO E TAREFA
CANTO GOZOSO
• ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
• ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
• LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
• OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
• COMUÑÓN: Pan do Ceo (Nº 53)
ABRINDO OS OLLOS
Celebramos a Pascua totalmente mergulladas e mergullados nun sínodo que nos fala de sinodalidade, de camiñar xuntas e xuntos. Mais como nos custa deixar de pensar só en nós, na nosa fe, na nosa oración, na nosa celebración... no “eu”.
Porén a Pascua invítanos a mirar en común, a expresar a nosa fe en comunidade, a descubrir ao Señor Resucitado que se aparece na reunión orante das persoas discípulas. E aparécese o primeiro día da semana, o día do Señor, o día
Que esta celebración nos faga ser conscientes de que só en comunidade poderemos experimentar a resurrección e a vida nova de Xesús.
CO CORAZÓN FERIDO
(Aspersión)
• Porque somos moi dados a meter o dedo nas chagas dos irmáns e das irmás para causarlles máis dor, SEÑOR, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
• Porque usamos pouco o ungüento da misericordia; CRISTO, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
• Porque moitas veces as nosas pegadas son de indiferenza e incredulidade cara todo e cara tod@s; SEÑOR, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón. Dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima.
A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles.
Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas de Asia”.
E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ó virar, vin sete candelabros de ouro e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.
O velo, caín ós seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome: "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Ultimo, o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos. Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.
PALABRA DO SEÑOR
GRAZAS A DEUS
PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
Naquel día, o primeiro da semana, ó serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús, e, poñéndose no medio, díxolles:
- Paz convosco.
Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
El díxolles outra vez:
- Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
- Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:
- Vimos o Señor.
Pero el contestoulles:
- Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
- Paz convosco.
Despois díxolle a Tomé:
- Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé respondeulle:
- ¡Meu Señor e meu Deus!
Xesús díxolle:
- ¿Tes fe porque me viches? ¡Benia os que creron sen veren!
Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.
PALABRA DO SEÑOR
SACIANDO A NOSA SEDE
• Ao longo desta cincuentena pascual, a primeira lectura, tomada do libro dos Feitos dos Apóstolos quere ser para nós e para as comunidades das que formamos parte, un espello no que mirarnos para seguir este camiño novo que comezamos hai hoxe unha semana. Estamos, pois, chamad@s a volver ás actitudes dos primeiros cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda de medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da resurrección na nosa vida; sabendo que é un camiño ás veces difícil. O mundo de hoxe; ese que tantas veces criticamos e queremos superar, volve as costas á Igrexa. Laiámonos de que somos poucos, maiores, sen ánimo e sen alento. Veña, vamos...que a Pascua resucite a nosa esperanza!.
• A resurrección invítanos a romper o medo diante do descoñecido, a deixarnos sorprender polas persoas, polo moito que nos poden aportar individual e comunitariamente. Acaso a resurrección de Xesús non foi unha novidade, non foi un feito que cambiou as vidas dos apóstolos? Tomé que ten que “ver” para crer, ten que palpar para darse conta de que é Xesús. Acaso o exemplo do apóstolo Tomé non é o noso moitas veces? Necesitamos a forza do Resucitado, unha forza que atopamos na súa palabra feita vida, no seu corpo feito alimento e na comunidade reunida que é expresión unánime da nosa fe.
• Hai que erguer, no medio do mundo signos cribles da presenza de Deus, do amor entrañable de Xesús por toda a xente, comezando polas persoas descartadas descartados. Ese é o signo que se está a pedir: compartir a vida, o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que queremos. Esta é a forza dunha comunidade que quere renacer da fonte do bautismo. Si as persoas, creadas a imaxe e semellanza, e nas que Xesús nos di que temos que aprender a descubrir e recoñecer a Deus, non significan nada para nós; se pasamos ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia aos que cren sen ver!.
RENOVÁNDONOS POR DENTRO
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
FELICES PORQUE NOS CHAMAS
Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua. O teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Por iso, agradecidos e confiados, dicímosche:
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
• Pola Igrexa, que vive a novidade da Pascua. Para que sexa unha fonte de graza e de frescura, que disipe dúbidas, infunda confianza nas persoas e alente nunha entrega xenerosa, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
• Polas nosas comunidades, para que o tempo de Pascua sexa de verdade un camiño novo no que sexamos quen de pechar vellas feridas, de esquecer antigas xenreiras e desencontros, de desinstalarnos dun pasado que foi pero xa non é, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
• Por todas e todos nós, para que este tempo de graza, de renovación, de acollida, de ledicia sexa pulo para dar razón da nosa esperanza alí onde estamos, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
Grazas Pai porque segues a confiar en nós, porque segues a facerte presente na nosa vida para alentala e darlle forzas. Grazas porque día a día fasnos presente ao teu Fillo no medio de nós. Por El noso Señor e amigo. Amén
PARA CAMIÑAR NA ESPERANZA
Porque Cristo resucitou, cremos na vida para sempre.
Porque Cristo resucitou, non cremos na morte, en ningunha morte, para quen queira vivir.
Porque Cristo resucitou, cremos que as persoas somos un proceso ilimitado e que podemos conseguir aquilo que nos propomos.
Porque Cristo resucitou, cremos Nel.
Porque Cristo resucitou, a forza do presente é o futuro.
Porque Cristo resucitou, o mundo está en marcha e non o deterán nin as conquistas logradas nin os intereses dos vencedores.
Porque Cristo resucitou, hai que construír unha cidade sen clases, na que as persoas sexan compañeiras e irmás.
Porque Cristo resucitou, hai un amor e unha casa para todas as persoas.
Porque Cristo resucitou, cremos nunha terra nova.
E porque cremos e esperamos, non temos nada que conservar;
e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo é perdelo todo por unha soa cousa: o Reino de Deus.
Comentarios