Ir al contenido principal

Venres Santo 2022

ESQUEMA

1) LITURXIA DA PALABRA 

2) FRATERNIDADE ORANTE

3) ADORACIÓN DA CRUZ 

4) COMUÑÓN



CANTOS

Entrada: Música relixiosa (son de fondo)

Lecturas: Pai, pai (Nº 132)

Adoración da cruz: Música relixiosa (son de fondo)

Comuñón: Seguirei os teus pasos (Nº 103)


DUN PUNTO DE DESACOUGO A UNHA TRANSICIÓN ESPERANZADA: MORTE E VIDA 

(Quen dirixe a celebración, comeza poñéndose en actitude de adoración diante do monumento)


UN MUNDO CHEO DE CRUCES

A celebración do Venres Santo está toda ela marcada pola sobriedade. Unha sobriedade que nos invita a entrar na dinámica deste momento de oración coa sinxeleza da persoa que está interiormente disposta a mirar o mundo con os ollos de fondura: a que nos ofrecen as cruces que hai nel. Cruces de dor, esquecemento, tristura e violencia; cruces de morte e fracaso. Pero ante elas xurde a Cruz daquel que foi capaz de vencela: Xesús. A súa é unha Cruz de loita, constancia e triunfo. A Cruz da esperanza.

Dispoñámonos, logo, a participar do recoñecemento e superación das cruces do noso mundo, ás que só a Cruz de esperanza de Xesús pode vencer.


DESDE O ECO DA TÚA VOZ

(Desde a sé faise a oración sen dicir oremos)

Lembra, Señor, que a túa tenrura e a túa misericordia son eternas. Santifica aos teus fillos e ás túas fillas e protéxeos sempre, pois Xesucristo, o teu Fillo, no noso favor instituíu por medio do seu sangue o misterio pascual. P.X.N.S. Amén.


PRECISADO DA PALABRA DE VIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Velaí: o Excelso, o Sublime, o Altísimo daralle éxito ó seu Servo. A grande multitude quedará abraiada ante el, pois o seu aspecto non parecía o dun home.

Non tiña beleza nin esplendor; vímolo, e o seu aspecto non era atraente. Desprezado, o máis rexeitado dos homes, varón de sufrimentos, familiarizado coa dor. Coma alguén de quen se esconde a cara, desprezado, non lle tivemos aprecio.

El cargou coas nosas dores, el soportou os nosos sufrimentos. Nós considerámolo ferido. Pero foi ferido por causa das nosas rebeldías, foi esmagado polas nosas iniquidades.

Todos nós coma rabaño andabamos perdidos, cada un polo seu camiño. Pero o Señor puxo nel a iniquidade de todos nós. Foi oprimido, foi aflixido; pero el non abriu a súa boca. Ninguén se preocupou da súa vida.

El foi arrincado do mundo dos vivos, para o noso ben foi ferido pola rebeldía do seu pobo. Pero el verá descendencia, alongará os seus días e por medio del cumprirase a salvación do Señor.

Polos traballos da súa vida verá a luz ,alcanzará a sabedoría . O Xusto volverá xusto o seu Servo para o ben de moitos.


PALABRA DO SEÑOR


PROCLAMACIÓN DA PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO XOÁN

C.- Saíu Xesús cos seus discípulos para a outra banda do regueiro Cedrón, onde había unha horta, na que entrou el e mailos seus discípulos. Tamén Xudas, o que o había entregar, coñecía aquela horta, pois en moitas ocasións estivera alí Xesús cos seus discípulos. Xudas levaba a patrulla e a garda dos sumos pontífices e dos fariseos, chegou alí con farois, fachos e armas. Entón Xesús, sabendo todo o que lle viña enriba, adiantouse e preguntoulles:

 ¿A quen buscades?

C.- Respondéronlle:

S.  A Xesús de Nazaret.

C.- Díxolles El:

.   Eu son.

C.- Estaba tamén con eles Xudas, o que o entregaba. Cando lles dixo Eu son, botáronse para atrás e caeron ó chan. Entón, preguntoulles outra vez:

.   A quen buscades?

C.- Eles contestaron:

S.  A Xesús de Nazaret.

C.- Xesús respondeulles:

.  Díxenvos que "son eu": así que, se me buscades a min, deixade marchar a estes.

C.- Así cumpriuse a palabra que dixera: "non perdín ningún dos que me deches".

C.- Entón Simón Pedro, que tiña unha espada, desenvaiñouna e feriu ó garda do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita. O nome do garda era Malco. Pero Xesús díxolle a Pedro:

  Mete a espada na vaíña; e, logo, non hei bebe-lo cáliz que me deu o Pai?

C.- Entón a patrulla, o tribuno e mailos gardas dos xudeus, agarraron a Xesús e prendérono. Levárono primeiro onda Anás, que era sogro de Caifás, o Sumo Sacerdote daquel ano. (Era Caifás aquel que lles dera ós xudeus o consello: "Convén que un home morra polo pobo").

Seguían a Xesús Simón Pedro e mais outro discípulo. Este discípulo, por ser coñecido do Sumo Sacerdote, entrou con Xesús no adro do palacio do Sumo Sacerdote. Pedro estaba fóra, na porta. Entón saíu o outro discípulo  o coñecido do Sumo Sacerdote , falou coa porteira, e fixo entrar a Pedro. A porteira preguntoulle a Pedro:

S.- Non es tamén ti dos discípulos dese home?

C.- El contestou:

S.- Non son.

C.- Estaban os criados e os gardas facendo unha fogueira, porque facía frío, e aquecíanse. Estaba tamén Pedro con eles, de pé, aquecéndose. Entón o Sumo Sacerdote interrogou a Xesús acerca dos seus discípulos e da súa doutrina. Xesús respondeulle:

.  Eu falei á vista do mundo, publicamente; eu sempre ensinei na sinagoga e no templo, onde se xuntan tódolos xudeus, e non falei nada ás agachadas. Por que me preguntas a min? Pregúntalles ós que me oíron de que lles falei: eles saben ben o que dixen.

C.- Ao dicir isto, un dos gardas alí presentes, deulle unha labazada a Xesús, dicindo:

S.- Así lle respondes ó Sumo Sacerdote?

C.- Xesús replicoulle:

.  Se falei mal, demóstrame en que; e se falei ben, por que me pegas?

C.- Entón Anás mandouno amarrado onda Caifás, o Sumo Sacerdote. Estaba Simón Pedro de pé, quentándose, e preguntáronlle:

S.- Non es tamén ti dos seus discípulos?

C.- El negouno, dicindo:

S.- Non son.

C.- Un dos criados do Sumo Sacerdote, parente daquel a quen Pedro lle cortara a orella, replicoulle:

S.- E logo non te vin eu na horta con el?

C.- Pedro negou outra vez; e naquel intre empezou a cantar un galo. Levaron entón a Xesús de onda Caifás ó Pretorio. Era a amañecida. Eles non entraron no Pretorio para non se contaminaren e así poderen come-la Pascua. Saíu entón fóra Pilato, onda eles, e preguntou:

S.- Que acusación traedes contra este home?

C.- Eles responderon:

S.- Se este non fose un malfeitor, non cho entregabamos.

C.- Díxolles entón Pilato:

S.- Collédeo vós e xulgádeo segundo a vosa Lei.

C.- Os xudeus contestáronlle:

S.- Non nos é lícito matar a ninguén.

C.- Así se cumpriu a palabra de Xesús, sinalando con que morte había morrer.Entón entrou Pilato outra vez no Pretorio, chamou por Xesús e preguntoulle:

S.- Es ti o Rei dos Xudeus?

C.- Xesús respondeu:

. – Dis iso ti pola túa conta ou dixéroncho outros de min?

C.- Pilato replicou:

S.- E logo son eu xudeu? A túa xente e os sumos sacerdotes entregáronte a min: que fixeches?

C.- Xesús contestoulle:

.  O meu reino non é deste mundo; se deste mundo fose, os meus oficiais loitarían para que ninguén me entregase ós xudeus; pero o meu reino non é de aquí.

C.- Díxolle entón Pilato:

S.- Logo ti es Rei?

C.- Xesús respondeu:

.   Tal como o estás dicindo, eu son Rei: para iso nacín e para iso vin ó mundo, para dar testemuño da verdade; todo o que está aberto á verdade, escoita a miña voz.

C.- Pilato preguntoulle:

S.- Que é a verdade?

C.- E, dito isto, saíu onda os xudeus e díxolles:

S.- Eu non atopo nel culpa ningunha. Hai entre vós o costume de que eu vos solte alguén pola Pascua. Queredes, logo, que vos solte ó Rei dos Xudeus?.

C.- Berraron entón outra vez, dicindo:

S.- Non. A ese non; a Barrabás.

C.- (O tal Barrabás era un bandido). Entón Pilato colleu a Xesús e mandouno azoutar. Os soldados, tecendo unha coroa con espiños, puxéronlla na cabeza, vestíronlle un manto de púrpura, e, inclinándose diante del, dicíanlle: "Salve, Rei dos Xudeus!". E dábanlle labazadas.

C.- Pilato saíu outra vez fóra e díxolles:

S.- Mirade, tráiovolo fóra, para que vos decatedes de que non atopo nel culpa ningunha.

C.- Entón saíu fóra Xesús, levando a coroa de espiños e o manto de púrpura. Pilato díxolles:

S.- Ei-lo home.

C.- Cando o viron, os sumos sacerdotes e os gardas berraron:

S.- Crucifícao, crucifícao!

C.- Pilato respondeulles:

S.- Collédeo vós e crucificádeo, que eu non atopo culpa nel.

C.- Os xudeus replicaron:

S.- Nós temos unha Lei, e conforme a Lei debe morrer, por se facer Fillo de Deus.

C.- Cando Pilato oíu estas palabras, colleu moito medo, entrou outra vez no Pretorio e preguntoulle a Xesús:

S.- De onde es ti?

C.- Pero Xesús non lle deu unha fala. Entón Pilato insistiu:

S.- Comigo non falas? Non sabes que teño poder para soltarte e poder para crucificarte?

C.- Xesús respondeulle:

.   Non terías ningún poder sobre min, se non cho desen de arriba. Por iso, o que me entregou a ti ten maior pecado.

C.- Despois disto Pilato procuraba liberalo. Pero os xudeus berraban:

S.- Se soltas a ese, non es amigo do César: todo o que se fai rei, oponse ó César.

C.- Pilato, oídas estas palabras, levou para fóra a Xesús e sentouno no tribunal, no sitio nomeado "O enlousado", en hebreo "gábaza". (Era o día da Preparación da Pascua, alá contra as doce do día). Díxolles aos xudeus:

S.- Velaquí o voso rei.

C.- Pero eles berraban:

S.- Fóra, fóra!. Crucifícao!

C.- Pilato preguntoulles:

S.- Pero , como vou crucifica-lo voso rei?

C.- Os sumos sacerdotes insistiron:

S.- Non temos máis rei có César.

C.- Daquela, entregóullelo para que o crucificasen. Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado, e Xesús no medio. Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o Rei dos Xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila, e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:

S.- Non escribas "O Rei dos Xudeus", senón que el dixo "Son Rei dos Xudeus".

C.- Pilato respondeu:

S.- O escrito, escrito está.

C.- Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del  e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado , e maila túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:

S.- Non a rachemos: sorteémola a ver a quen lle toca.

C.- Así cumpriuse a Escritura, que di: Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica. Tal fixeron os soldados.

Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:

.   Muller, velaí o teu fillo.

C.- Despois díxolle ó discípulo:

.  Velaí a túa nai.

C.- Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el. Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:

._ "Teño sede". 

C.- Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo: Está cumprido. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

Entón os xudeus, como era o Día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado  pois era grande aquel día de sábado , rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.

Viñeron, logo, os soldados, e rompéronlles as pernas ao primeiro e mais ao outro que crucificaran con el. Pero ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.

Quen o viu, dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: "Non lle crebarán óso ningún". E noutro lugar di: Han mirar para quen traspasaron.

Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús –inda que ás agachadas, por medo aos xudeus , rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo  aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite , levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras.

Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaran a Xesús había un xardín, e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.

PALABRA DO SEÑOR

PALABRA ACOLLIDA E COMPARTIDA

Paixón, morte e resurrección son tres palabras que enmarcan a celebración de hoxe. A lectura de Isaías fálanos do servo que asume na súa persoa as dores e os sufrimentos da humanidade. Aquí está o primeiro eixe deste día: as cruces dun mundo que pensabamos perfecto e se foi enchendo de intereses varios: económicos, políticos, armamentísticos, relixiosos... para os que as persoas non son máis ca un medio para conseguir os seus fins; uns fins que só pretenden ganancia e prestixio. 

No contrapunto desta visión que só produce cruces aparece o servo disposto a dar un paso adiante na loita conta todas elas facéndose El mesmo Cruz. Unha cruz liberadora, chea de esperanza, renovadora e de sentido pleno nun mundo diferente e humano. Xesús convértese en Cruz para superar as cruces e darlle, darnos, a cantos vivimos no mundo un horizonte novo e cheo de novidade: a resurrección. Seguindo a súa xeira, tamén nós, na medida na que poidamos, estamos chamados a ir loitando cada día contra todas estas cruces que só traen morte e dor, para deste xeito seguir avanzando cara á Cruz da plenitude que é Xesús. 

Que é senón a oración Universal na que unimos corazón, palabra e compromiso para non deixar a ninguén atrás nin no esquecemento? Que é senón a adoración da Cruz coa que queremos expresar que, inda que o camiño é longo, só na Cruz de Xesús chegará o triunfo? Que é a Cruz de Xesús senón o recoñecemento de que nada é aínda definitivo, e que outra maneira de vivir, ser e facer as cousas é posible?


NUNHA ORACIÓN COMUNITARIA

Hoxe a nosa oración comunitaria adquire unha solemnidade especial. Pedimos polas persoas, crentes ou non, coas que compartimos a Casa Común que cada día nos acubilla, de xeito que salvación, sempre liberadora que vén traer Xesús, nos acolla sen exclusións baixo o seu cobertor aquecido. Facémolo dicindo:

QUE A TÚA LUZ, SEÑOR, GUÍE TODOS OS CAMIÑOS

1) Pola Igrexa para que saibamos acompañar as cruces do noso tempo, tan cheo de incertidume e tan falto de escoita, OREMOS.

2) Polo papa Francisco, para que no seu ministerio pastoral siga a darnos testemuño de xenerosidade evanxélica na defensa das persoas que máis sofren, OREMOS:

3) Pola paz en todo o mundo, para que as guerras rematen e non sigan a crear vítimas inocentes das ansias de poder e dominio sobre as persoas, OREMOS.

4) Polas persoas que ao longo do tempo de Pascua van recibir o bautismo, para que se sintan acollidas, acompañadas e verdadeiramente felices de pertencer á comunidade cristiá, OREMOS.

5) Por todas as persoas cristiás, hoxe separadas e moitas veces enfrontadas, para que a relixión sexa vínculo de paz e entendemento, de xeito que no nome de Deus non se exclúa a ninguén, OREMOS.

6) Polas comunidades xudías, pobo ao que pertenceu Xesús, para que avancemos mutuamente na busca do que compartimos e temos en común: a fidelidade ao proxecto desde o sabernos imaxe e semellanza de Deus, OREMOS.

7) No noso mundo plural e diverso, queremos pedir tamén por aquelas persoas que na súa liberdade renuncian a crer en Cristo como Salvador e Mestre ao que seguir, para que compartamos con elas a paixón na defensa dos seres humanos, OREMOS.

8) Polas persoas que consideran que a súa vida é mellor e máis feliz sen ter a Deus como referente e guieiro, para que aprendamos a camiñar en común desde a solidariedade compartida, OREMOS.

9) Polas persoas que gobernan os países, para que nas súas decisións fagan primar o sentido común e a busca do ben da cidadanía e sobre os seus propios intereses, OREMOS.

10) Por todas as persoas que son rexeitadas por seren diferentes na súa maneira de vivir, sentir e querer, para que, no nome de Xesús, non teñamos nunca con elas actitudes de intolerancia e rexeitamento, OREMOS.

Deus Pai e Nai, fai que non desalentemos nunca da túa mirada de igualdade e do recoñecemento da dignidade compartida con todas as persoas. Que saibamos vivir verdadeiramente a fraternidade á que Ti non cansas de invitarnos, no medio do noso mundo. PXNS. Amén.


ADORACIÓN DA CRUZ

Imos agora adorar a Cruz, símbolo da entrega do Señor, e fenda no camiño da salvación que Nel se nos ofrece.

Faremos a adoración en silencio cunha inclinación ante ela, sen tocala. Queremos que sexa sinal do noso proceso persoal do paso da morte á vida.

(Quen preside/dirixe a celebración, ben desde o fondo da igrexa, ben diante do altar, vai destapando a cruz á vez que canta/reza)

Mirade a árbore da cruz, na que estivo cravada a salvación do mundo 

Vinde adorala

COMUÑÓN

Comezamos a última parte da celebración de hoxe dirixíndonos ao lugar onde temos colocado o Pan consagrado na celebración do Xoves. Levámolo ao altar.


NOSO PAI

Año de Deus

Distribución da comuñón


ORACIÓN FINAL

Deus Pai, amor e misericordia, que nos renovaches coa gloriosa morte e resurrección de Xesucristo, non deixes da túa man a obra que comezaches en nós, para que a nosa vida, pola comuñón neste misterio, se entregue con verdade ao teu servizo. P.X.N.S. Amén

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor