Ir al contenido principal

19 domingo TO C 2022

 DOMINGO XIX DO T.O.

 

FAGAMOS BOLSAS QUE NON SE ESTRAGUEN


 

CANTO GOZOSO

Entrada: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
Lecturas: No colo da miña nai (Nº 49)
Ofertorio: Na nosa terra (Nº36)
Comuñón: Déixate querer (Nº 61)

OÍDOS PARA ESCOITAR

A nosa vida de fe necesita esforzo e tempo para poder dar froito. A nosa sementeira fala de ledicia, nobreza, xustiza, solidariedade, rexeitamento de poder e de dominio das conciencias. Isto é o noso, o mellor dos tesouros, que non temos que pechar dentro dunha caixa forte, senón anuncialo, compartilo e poñelo ao servizo da xente; porque hai moitas persoas que aínda non conseguiron descubrilo.
A celebración de hoxe invítanos a non ter medo, a vivir con ilusión a nosa fe, confiando en que é o mellor que temos e o que enche de sentido a nosa vida. De que lado xogamos?.

CO CORAZÓN MAGOADO

Sóbranos présa e fáltanos paciencia; SEÑOR, NÓS AGARDAMOS EN TI.
Sóbranos prepotencia e fáltanos humildade; CRISTO, NÓS AGARDAMOS EN TI.
Sóbranos desesperanza e fáltanos fe; SEÑOR, NÓS AGARDAMOS EN TI.

UNHA PALABRA QUE DÁ VIDA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

Aquela noite fóralles anunciada de antemán ós nosos pais de modo que, sabendo de certo a que promesas deran creto, se sentisen fortes.
O teu pobo estaba xa á espera da salvación dos xustos e do exterminio dos inimigos; co mesmo feito co que castigabas os adversarios déchesnos sona convocándonos a ti.
Ás agachadas facían sacrificios os piadosos fillos dos xustos e, postos de acordo, impuxeron esta divina lei: que os santos compartisen por xunto os bens e os perigos ‑ó tempo que xa entoaban os himnos dos antepasados‑.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS

Irmáns e irmás:
A fe é un anticipo do que se espera, é unha proba convincente das cousas que non se ven. Pois por mor dela Deus testemuñou a favor dos nosos devanceiros.
Deus chamou por Abraham, e este, movido pola fe, obecedeuno, saíndo para un lugar que había de recibir en posesión, aínda que saíu sen saber onde ía. Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña con Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa. A verdade é que agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é Deus.
Pola fe e por considerar merecente de fe ó que lle prometera descendencia, el, aínda que estaba fóra da idade axeitada e aínda que a mesma Sara era estéril, recibiu poder para fundar descendencia. Deste xeito dun só e xa caduco para estas cousas naceu un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontable da beira do mar.
Coa fe morreron todos estes, sen chegaren a conseguir as promesas pero albiscáronas e saudáronas desde lonxe e confesaron que eles só eran estranxeiros e peregrinos nesta terra. Ao diciren estas cousas, daban a entender que degoiraban unha patria. Pois se lles acordaba aquela patria de onde saíran, estaban a tempo de se volveren. Pero máis ben suspiraban por outra patria mellor: a celestial. Por iso Deus non se avergonza de que o chamen o seu Deus, xa que lles preparou unha cidade.
Pola fe Abraham, posto a proba, ofrendou a Isaac, o que recibira de Deus as promesas, cando se lle dixo: "por Isaac terás descendencia": ofrendou o seu único fillo, pensando que Deus é poderoso, incluso para resucitar de entre os mortos. Por esa fe súa tamén o recobrou coma un misterioso símbolo. 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Daquela díxolle Xesús aos seus discípulos:

Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino. Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. Pois onde está o teu tesouro, estache o teu corazón.

Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sédeme coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles. Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do Home.

Díxolle Pedro:

-       Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?

Contestoulle o Señor:

-       ¿Quen é, logo, o administador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume? ¡Ditoso o criado aquel, a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero se o criado aquel di para si: "O amo aínda non vén para agora" e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar; o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.

PALABRA DO SEÑOR

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

As lecturas de hoxe invítanos a tomar un tempo para facer memoria. Si, porque o libro da Sabedoría invítanos a viaxar á noite de Pascua, cando o Señor liberou ao seu pobo da escravitude. Pola súa banda a carta aos Hebreos lémbranos a figura de Abrahán, o home que soubo confiar en Deus a pesares das dificultades. Mais esta memoria que se nos invita a facer ten que ter dúas características: agradecida e esperanzada. Abofé que ten que ser unha memoria agradecida, capaz de descubrir a man e o rostro de Deus que se fai compañeiro de camiño, que nos dá a súa man, que nos leva no seu colo. E ten que ser unha memoria esperanzada, pois no medio dun mundo de ritmo vertixinoso, nós somos persoas chamadas á esperanza, e a esperanza é paciente. Non podemos, xa que logo, deixarnos derrubar polos fracasos ou polos tropezos que teñamos no camiño, senón que como nos lembra constantemente Francisco “temos que iniciar procesos, non posuír espazos” Eses procesos que iniciaron as nosas nais e as nosas avoas, mulleres fortes, mulleres de fe, que nos seus colos nos falaron de Deus. Fagamos memoria, unha memoria que nos salva de calquera imaxinación gloriosa pero irreal do pasado.
Pero como nos custa!!!!! Somos persoas expertas en facer bolsas que se estragan: a bolsa dos cartos, a bolsa do prestixio, a bolsa do poder.... sen decatarnos de que, como se nos lembraba o pasado domingo, non valen de nada cando se nos pida a vida. Cústanos entender que nós somos só persoas servidoras, todas iguais, todas na mesma barca.... Gústanos erixirnos en xuíces, mesmo crernos superiores aos demais, desprezando a quen pensa distinto ou ve as cousas doutro xeito. Porén, como hoxe nos lembra Xesús no evanxeo, o camiño sempre é o mesmo: estar sempre á espreita, acoller, saír ao encontro, buscar canto une, termar unhas persoas das outras....

REZAMOS COMO COMUNIDADE

Presentemos a nosa oración a Deus, Pai-Nai de todas as persoas, para que alente e acompañe a nosa vida, dicindo:

GRAZAS POLO DON DA FE

*      Pola Igrexa, que formamos todas e todos nós, para que sempre esteamos dispostas e dispostos a saír ao encontro de quen peta na porta pedindo xustiza, solidariedade ou misericordia; OREMOS. 

*      Polas nosas comunidades, para que nunca cansemos de procurar que as persoas se sintan queridas e recoñecidas; OREMOS.

*      Por todos e todas nós, para que sexamos persoas cunha memoria agradecida e esperanzada que nos poña os pés no chan; OREMOS.

Grazas, Señor, por ternos chamado e por contar con nós. Axúdanos no noso camiñar, para que sexa xusto e solidario. PXNS.

MIRADA ESPERANZADA

Señor, danos forza para soportar as adversidades,
para non fraquear na loita, para non crer ter chegado e sabelo todo.
Danos forza para aprender sempre dos demais,
para crer, buscar e traballar pola verdade,
para acompañar sen descanso.
Danos forza para vivir con sentido, sen medos,
para vivir como pensamos, para pensar como vivimos.
Danos forza para cambiar o noso camiño se nos fai falla cambiar,
para non cambiar de camiño, se non nos fai falla cambiar,
para abrir novos camiños, se fai falla abrilos.
Danos forza para dicir o que cremos,
para crer o que pensamos,
para darlle a man á outra persoa.
Danos forza para vivir como paga a pena vivir:
sen medos e dando a vida, que é tempo, esforzo, traballo e compaña.

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...