Ir al contenido principal

22 domingo TO C 2022

 A HUMILDADE: RETO E TAREFA DAS PERSOAS QUE SEGUIMOS A CRISTO

CANTOS



ö  ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)

ö  LECTURAS: Douvos un mandato novo (nº 18)

ö  OFERTORIO: Benaventurados (Nº 119)

ö  COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120)

 

OLLOS ABERTOS

O pasado domingo a Palabra invitábanos a entrar pola porta estreita, a porta da inclusión e da diversidade. Esta semana móstrasenos cal debe ser a nosa equipaxe, aquilo que non debe faltar na nosa mochila: humildade para poder ver cos ollos de Deus. Si, porque a mirada de Deus é unha mirada profunda, capaz de ir máis alá do exterior para valorar e descubrir o verdadeiramente importante: o corazón.

Só desde esta humildade seremos capaces de sentir que aquilo que facemos debe buscar non o recoñecemento dos demais, senón o noso sentirnos a gusto con nós mesmas e nós mesmos. Por iso estamos chamados a descubrir que somos persoas servidoras, ás veces incomprendidas e mesmo motivo de risa... pero para Deus sempre importantes.

 

CORAZÓN MAGOADO

*    Do desexo de buscar o aplauso fácil e a autocomplacencia; LÍBRANOS, SEÑOR. 

*    Do afán de protagonismo que nos leva a querer sempre os primeiros postos, LÍBRANOS, CRISTO.

*    Da tentación de excluír e silencias ás persoas marxinadas, pobres e pequenas; LÍBRANOS, SEÑOR.

OÍDOS Á ESPREITA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

Meu fillo, cando sexas rico procede modestamente e virás a ser máis amado có que fai moitos agasallos; faite pequeno diante das grandezas do mundo e encontrarás favor onda Deus; pois grande é a misericordia de Deus que revela os seus segredos ós humildes.

Non vaias á procura do difícil de máis para ti nin busques o que te supera. 

Non corras a sandar a ferida do burlón. Non ten cura, pois é grelo de planta cativa. 

A mente sabia comprende os ditos dos Sabios, o oído atento á Sabedoría aledarase. 

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS

Irmáns e irmás:

Non estades diante dun monte que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ó sentilas, pediron que non lles falase máis.

Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da asemblea en festa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección, e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Un sábado Xesús ía comer á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano.

Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:

-       Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar. O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.

E díxolle tamén ó que o convidara:

-       E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE É ALENTO NO CAMIÑO

ü  Nun mundo no que cada vez escoitamos falar máis de frustración, de ansiedade, de insatisfacción persoal, as sentencias que escoitamos hoxe na Palabra recollida no libro do Eclesiástico poden ser unha luz que nos axude a mirar cara dentro de nós e alumear as tebras que por veces aparecen. Si, porque o autor do Eclesiástico dinos non vaias á busca do difícil de máis para ti nin busques o que te supera. Sabias palabras, porque o certo é que moitas veces marcámonos imposibles, queremos aparentar o que non somos, pretendemos alcanzar o que non é para nós... e todo iso xera ansiedade e frustración. Por iso é imprescindible asumir que somos persoas imperfectas, que nin o sabemos nin o podemos todo, que somos seres limitados, que precisamos unhas persoas das outras. En resumo, é imprescindible ser humildes; pero non con esa falsa humildade do non sei ou non podo para evitar o compromiso; non, a nosa ha ser a humildade de Xesús, a de ir pola vida comprometéndonos con todas aquelas causas que poñan á persoa no centro, con todas aquelas causas que denuncien a inxustiza, a discriminación, a exclusión.

ü  Por iso Xesús chámanos a fuxir dos primeiros postos, do aplauso fácil, da palmadiña nas costas. Porque só se somos quen de sentar entre a xente pobre, entre a xente descartada, entre a xente da que ninguén espera nada e que non pode corresponder á nosa invitación, estaremos construíndo a nova humanidade. E para iso, como ben nos lembra Francisco, temos que ser unha Igrexa en saída, disposta a camiñar cara ás periferias existenciais para transmitir coa nosa vida e co noso testemuño a esperanza e a liberación que nos trae Cristo. Nun mundo no que só contan as persoas triunfadoras, a nosa proposta aporta xustiza, solidariedade, fraternidade para todas as persoas, porque todas somos imaxe e semellanza de Deus. Ninguén é nada polo que ten, e todas e todos somos polo que compartimos (globalización da tenrura e da esperanza).

ORAMOS EN COMUNIDADE

Poñamos a vida nas mans de Deus, e digámoslle con sinxeleza:

GRAZAS POR CONVIDARNOS AO BANQUETE DO TEU AMOR



Por todas as persoas que formamos a Igrexa, para que sempre apostemos polo amor e non polo medo, pola liberdade e non pola lei, pola educación e non pola imposición, pola coherencia e non polo autoritarismo, pola gratuidade e non polo comercio, OREMOS.

GRAZAS POR CONVIDARNOS AO BANQUETE DO TEU AMOR 

Polas nosas comunidades, para que sempre poñamos no centro do noso sentir e do noso actuar ás persoas, dun xeito especial a aquelas que son as últimas da sociedade, OREMOS.

GRAZAS POR CONVIDARNOS AO BANQUETE DO TEU AMOR 

Por cada un e cada unha de nós, para que non perdamos enerxía en buscar os primeiros postos, o poder e o aplauso da xente, OREMOS.


GRAZAS POR CONVIDARNOS AO BANQUETE DO TEU AMOR 

Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que a nosa fe pasa por vivir a fondo o a amor, a dispoñibilidade e o servizo solidario e fraterno cos irm@s. P.X.N.S.

ALENTO NO CAMIÑO

Danos forza e humildade, Señor para construír unha terra liberada de males; unha terra de abundancia compartida que nos dea leite e mel; unha terra na que as nenas e os nenos vivan sen medo o presente e poidan sorrir ante o futuro; unha terra onde as mozas e os mozos poidan ter un posto de traballo digno sen ter que emigrar; unha terra sen mulleres asasinadas nin maltratadas; unha terra na que a xente maior non sexa arrinconada nas cunetas da vida por considerala improdutiva para a sociedade. Que as persoas que nos gobernan fagan da honradez tarefa permanente e xenerosa do servizo á cidadanía. Que o noso compromiso co coidado do medio ambiente sexa actitude permanente. Que traballemos sen descanso pola paz para que o noso mundo conviva en irmandade fraterna. Que sentemos á nosa mesa á xente pobre, á xente marxinada, á xente da que ninguén espera nada. Que esa xente sexa a opción preferencial da comunidade das persoas que seguimos a Xesús, quen nos invita a ser unha Igrexa pobre e para as persoas pobres. P.X.N.S. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...