Ir al contenido principal

20 domingo TO C 2022

 A PAZ, FROITO DA XUSTIZA


CANTOS

* ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
* LECTURAS: Benaventurados (Nº 119)
* OFERTORIO: Señor Xesús (Nº 52)
* COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55)

OLLOS ABERTOS

Os cristiáns e as cristiás non podemos ser persoas fatalistas, que nos resignemos diante dunha situación inxusta, buscando por riba de todo tranquilidade e unha falsa paz. Tampouco podemos ser persoas inmobilistas, que xustifiquemos a orde actual das cousas, sen traballar ilusionadamente, nun esforzo creador e solidario, por un mundo mellor. Asemade, tampouco debemos ser persoas rebeldes que, movidas polo resentimento, botemos abaixo todo para asumir o lugar d a xente a quen derrubamos. Porén, as persoas que seguimos a Cristo vivimos e actuamos movidos pola paixón e pola aspiración de colaborar nun cambio total da humanidade.

As lecturas que imos escoitar hoxe invítannos a non desfalecer neste camiño, a non desanimarnos. Que nos deixemos engaiolar por esta Palabra de vida e esperanza.

CORAZÓN MAGOADO

*      Pedimos perdón, Pai, porque mentres que Ti nos falas de entrega, valor, coraxe e esforzo, nós buscamos un milleiro de escusas tras as que agochar a nosa covardía e o noso medo, SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.

*      Pedimos perdón, Cristo, porque mentres Ti nos invitas a prenderlle lume a todo o que dificulta o crecemento do teu Reino, nós queremos servir a dous señores, CRISTO, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.

*      Pedimos perdón por non deixarnos levar pola forza do Espírito, o que fai que non busquemos que se cumpra a túa vontade, senón os nosos caprichos, SEÑOR, ÉNCHENOS CO TEU AMOR.

OÍDOS Á ESPREITA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA `PROFECÍA DE XEREMÍAS

 

Entón as autoridades dixéronlle ó rei:

-       Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o pobo, senón que está a buscar a súa desgraza.

O rei Sedecías repúxolles:

-       Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.

Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas. No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.

Saíu Ébed-Mélec do palacio real e faloulle ó rei nestes termos:

-       Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.

Entón o rei deulle esta orde a Ébed-Mélec, o etíope:

-       Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna ó profeta Xeremías, antes de que morra.

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS

 

Irmáns e irmás:

Xa que nos vemos cercados arredor por unha tal nube de testemuñas, deixando enteiramente a un lado todo o que nos estorba e o pecado que tan facilmente se nos apega, corramos con aguante a carreira que temos por diante, co ollo posto en Xesús, o primeiro guía que leva á perfección a nosa fe.

 

Porque el, sen lles dar importancia ás aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e desde entón está sentado á dereita do trono de Deus. Meditade, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores para non esmorecerdes nin cansardes.

Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado.

 

PALABRA DO SEÑOR

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Daquela díxolle Xesús aos seus discípulos:

¡Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e ¡xa me tarda a hora de que se cumpra! ¿Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

PALABRA DO SEÑOR

 

REMOENDO A PALABRA

§     A paz verdadeira, a que Cristo veu traer á terra, non pode consistir nun conformismo resignado diante das inxustizas, das desigualdades e das marxinacións, nin nun sistemático silencio por medo a perder o noso status. A figura do profeta Xeremías que descubrimos na primeira lectura, pode representar a vida de cada un/unha de nós, ou alomenos, algúns momentos da mesma. Xeremías tiña o corazón partido entre o amor a Deus, que o elixira como profeta, e o amor ao seu pobo, que se afastaba do verdadeiro camiño. Que facer?. Hoxe, en moitas ocasións, tamén a nós se nos presenta esta mesma dualidade: a de deixarnos adormecer na branda almofada do conformismo, irnos illando e repregando, declararnos en retirada, calar diante de tantas inxustizas, consentir que se siga pisando a dignidade de tantas persoas…. ou, pola contra, dar testemuño da nosa fe no noso mundo, transmitindo sen medo a mensaxe que recibimos, aínda que ás veces non sexa política, social ou xerarquicamente correcta, aínda que as veces teñamos que dicir cousas que non son agradables de escoitar, aínda que o noso xeito de actuar non lle guste ás altas instancias?. Nunha palabra, reclámase COHERENCIA, aínda que iso nos traia problemas, como lle ocorreu ao profeta. Así, mentres que algunhas persoas mal entenden a paz como comodidade, tranquilidade, que ninguén me amole… a paz da persoa que sigue a Cristo é a de quen se dá no servizo á xente, preocupándose por buscar solucións aos problemas alleos, porque os fixo propios.

§     A frase de Xesús no evanxeo de hoxe “non vin traer a paz, senón a guerra e a división”, mal entendida ou quitada do seu contexto, venlle coma anel ao dedo a todas aquelas persoas que, dentro da nosa Igrexa, se comportan coma auténticos cans de presa, criticando, crispando, envelenando, protestando sistematicamente por todo, berrando (porque seguen convencidos de que a intensidade do son emitido e a dose de razón que contén son magnitudes directamente proporcionais); pois parece que lles dá a razón de que a Igrexa ten que ir contracorrente, que a sociedade e o mundo son lugares de perdición…Porén, o lume do que nos fala Xesús ten máis que ver co lume do amor e do Espírito que habita nos nosos corazóns.

§     Por iso cómpre que revisemos a nosa vida e ver se o lume que a quenta é o do amor. Porque non nos enganemos: cando falla o amor, falla o lume que move a vida. Sen amor, a vida apágase, vexeta e remata extinguíndose. Quen non ama, péchase e íllase cada vez máis (co cal cabería preguntármonos se as persoas das que falabamos non perderían a súa capacidade para amar de tanto escondela e negala). Substituír o amor pola doutrina relixiosa, a orde ou o coidado do culto fai que o cristianismo perda o seu poder transformador. Cando nos sacudiremos de riba esta “domesticación” da nosa fe e perderemos o medo a exercer coma verdadeiro discipulado de Xesús?. Porque se só buscamos no evanxeo e no seguimento de Cristo un consolo e un bálsamo para os nosos males, ou a garantía de obter unhas grazas de Deus, quedámonos na superficialidade. O evanxeo, a fe, é algo revolucionario, dinámico e ata inquietante… pero paga a pena arriscarse!.

REZAMOS EN COMUNIDADE

Ti, Señor, es quen mellor coñece as necesidades da nosa vida. Acolle as que agora che presentamos comunitariamente dicindo:

QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

Ø Acompaña, Señor, o quefacer da túa Igrexa para que, deixando de lado posturas pechadas, inmobilistas, agresivas e intolerantes, sexa no medio do mundo a voz profética do Deus amor, que nos chama á coherencia. OREMOS.

QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

Ø Alenta o camiño das nosas comunidades para que nunca caiamos no erro de despreocuparnos do noso compromiso cristián de traballar pola paz, pola xustiza, pola igualdade, pola fraternidade. OREMOS.

QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

Ø Axúdanos a cada un e a cada unha de nós para que sempre sexamos persoas pacíficas e pacificadoras, que nos fixemos no positivo e no nobre dos demais, traballando xunt@s polo ben común, OREMOS.

QUE A TÚA PAZ VEÑA SOBRE NÓS

Grazas, Señor, porque nos chamas a ser profetas e profetisas no noso mundo da túa grande mensaxe de amor. PXNS. 

PARA A REFLEXIÓN

Cando asumimos responsabilidades que ninguén quere, descubrimos a paz.

Cando traballamos pola xustiza, facilitamos a paz.

Cando non criticamos por detrás, construímos a paz.

Cando sabemos abrirnos aos demais, facemos medrar a paz.

Cando nos interesamos polos problemas do mundo, facemos subir o valor da paz.

Cando adicamos tempo a servir, elevamos a paz.

Cando devolvemos ben por mal, somos apóstol@s da paz.

Cando non temos medo da verdade, somos profetas da paz.

Cando nos poñemos ao lado da xente marxinada, poñemos á marxe a violencia.

Cando por riba de todo, o outro é persoa, dignificamos a paz.

Cando compartimos os nosos bens, facemos crible a paz.

Cando atopamos a vida compartida, poñemos fundamentos para a paz.

Cando implicas aos outros a vivir, sementamos a paz polo mundo.

Cando amamos como Cristo ama, florece en nós a paz.

Só cando esteamos cans@s de buscala, a paz virá buscarnos.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...