Ir al contenido principal

21 Domingo TO C 2022

CONTRA O QUE PODEMOS PENSAR, A PORTA ESTREITA NON É OUTRA QUE A PORTA DA INCLUSIÓN E DA DIVERSIDADE

CANTOS

ö  ENTRADA: Que ledicia a miña (Nº 4)

ö  LECTURAS: Xesús é Señor (nº 16)

ö  OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52)

ö  COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)



OLLOS ABERTOS

Estamos construíndo un mundo cheo de paradoxos. Un deles é a que se pon hoxe enriba da mesa. Escoitamos falar moito, moito de integración e inclusión. Invítasenos por activa e por pasiva a ser sociedades inclusivas, é dicir, sociedades nas que todas as persoas poidan ter as mesmas oportunidades, posibilidades e dereitos independentemente da súa orixe, da súa posición económica, do seu xénero, do seu físico, das súas capacidades.... Mais a realidade diaria vainos dicindo que, baixo unha falsa inclusión, as nosas sociedades son cada vez máis excluíntes e uniformadas, e a persoa que é distinta, sexa pola causa que sexa, ten que pagar unha dura peaxe.

E iso pasa tamén dentro da Igrexa. Mais o Deus en quen cremos e a quen lle rezamos non é un Deus excluínte, senón todo o contrario como nos lembran as lecturas deste domingo. Por iso nos invita a entrar pola porta estreita para poder salvarnos. Unha porta estreita que non é outra, paradóxicamente, que a da universalidade e a da inclusión.

CORAZÓN MAGOADO

*    Polas veces nas que nós excluímos, apartamos e menosprezamos á persoa que é distinta, SEÑOR, SEGUE A TER PACIENCIA CON NÓS.

*    Porque preferimos sempre ser primeiros, cheos de soberbia e de autocomplacencia e non últimos, servidores e sinxelos, CRISTO, SEGUE A TER PACIENCIA CON NÓS.

*    Porque temos dous raseiros para medir ás persoas, porque nos seguimos erixindo en xuíces dos irmáns e das irmás, porque se nos enche a boca condenando e nunca valoramos o traballo, o esforzo e o cambio, SEÑOR, SEGUE A TER PACIENCIA CON NÓS.

OÍDOS Á ESPREITA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria.

Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións: a Tárxix, a Pul e a Lud, ós que tensan o arco, a Tubal e a Iaván, ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria.

Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. Eles traerán a todos os seus irmáns coma ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén dío o Señor, así como os fillos de Israel traen ó templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas. Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas dío o Señor

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA AOS HEBREOS

Irmáns e irmás:

Xa vos esqueceu aquela recomendación de Deus, que vos fala como se lles fala ós fillos:

"Meu fillo, non despreces o castigo do Señor nin esmorezas cando El che rife; porque o Señor, a quen lle quere ben, castígao,e azouta a todo aquel que recoñece por fillo".

Aguantade o sufrimento coma un castigo educativo: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, ¿quen é o fillo a quen seu pai non o castiga?

Ningún castigo resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo ós que están exercitados nel págalles co froito pacífico da xustiza.

Por iso, entesade as vosas mans sen forzas e os vosos xeonllos trementes e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.

PALABRA DO SEÑOR

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús atravesaba vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.

Un preguntoulle:

-      Señor, ¿e logo son poucos os que se salvan?

Xesús respondeu:

-      Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes". Entón empezaredes a dicir: "¡Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!". El repetirá: "Non sei quen sodes. ¡Arredade de min os que practicades a inxustiza!".Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abraham, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus. Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.

PALABRA DO SEÑOR

UNHA PALABRA QUE É ALENTO NO CAMIÑO

-      Volve Deus falarnos neste domingo de universalidade, de non rexeitamento, de non deixar a ningunha persoa nas beiras. Nunha palabra, de abrir portas. Máis como nos custa!!!!!!!!!! Nós somos persoas moito máis dadas a pechar as portas para que non haxa circulación de aire, non vaia ser que nos arrefriemos. E tanto pechar, como ben sabemos, vicia o aire e acabamos asfixiando e morrendo. Asfixiamos os nosos soños, asfixiamos as nosas esperanzas, asfixiamos o noso compromiso. E todo por non abrir as portas, esas portas da universalidade. “Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria” escoitabamos na profecía de Isaías... mais nós seguimos crendo que temos a exclusiva, que ninguén coma nós, que canto máis uniformidade, mellor... non vaia ser que nos contaminemos.

-      Porque claro, a algúns seguro que se lles enche hoxe a boca predicando aquilo de “entrade pola porta estreita”. Que estupendo!. Coma nos mellores tempos (aqueles pasados nos que a Igrexa mandaba tanto), trátase de meterlle á xente o medo no corpo: non vedes, tal e como nos di o Señor, hai que entrar pola porta estreita do sacrificio, da mortificación, do cilicio, da penitencia.... só así nos salvaremos... Unha proposta a todas luces excluínte e alienante. Porque fóra da Igrexa non hai salvación, as persoas que sexan doutras relixións, as ateas, as agnósticas.... arderán eternamente no inferno. Que Deus tan xusto, porque premia aos bos (nós) e castiga aos malos (os roxos descridos)!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!.

-      Mais non podemos quedar aí.... por moito que nos gustara. Se seguimos lendo descubriremos que o evanxeo é unha caixa de sorpresas, porque o Señor tamén nos di: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, iso é menos importante. Iso da xustiza, da austeridade, do ben común, da participación... son pecata minuta, naderías, cousas baloadís. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra...; rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que as persoas inxustas non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: cobrando por todo, vagueando e racaneando o noso traballo e a nosa entrega, malgastando no propio proveito os cartos públicos, facendo distincións entre homes e mulleres, segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... pero iso.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Pois mire, si ten que ver coa fe: vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada e esa non conduce á salvación, vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... si, porque a salvación pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Porque a porta estreita non é a dos sacrificios, senón a da misericordia, a da inclusión, a da integración de todas as persoas, porque Deus ten sitio para todas as persoas.

ORAMOS EN COMUNIDADE

Poñamos a vida nas mans de Deus, e digámoslle con sinxeleza:

QUE SEXAMOS PERSOAS INTEGRADORAS 

-      Pola Igrexa, para que nunca siga o camiño da crispación e do aproveitamento, senón que camiñe polos vieiros da xustiza e da fraternidade, que nos han conducir á porta axeitada, OREMOS.

QUE SEXAMOS PERSOAS INTEGRADORAS 

-      Polas nosas comunidades, para que sempre traballemos pola integración e a inclusión de todas as persoas, sen facer distingos que son artificiais e non responden á mensaxe de Cristo, OREMOS.

QUE SEXAMOS PERSOAS INTEGRADORAS 

-      Por cada un e cada unha de nós, que nos xuntamos nesta mañá de domingo para celebrar a fe, para que nunca esquezamos que a salvación que Deus nos ofrece é universal e non caiamos no erro de crernos os únicos, os bos e os mellores, OREMOS.

QUE SEXAMOS PERSOAS INTEGRADORAS

Grazas, Señor, por lembrarnos unha vez máis que a nosa fe pasa por vivir a fondo o a amor, a dispoñibilidade e o servizo solidario e fraterno cos irm@s. P.X.N.S.

ALENTO NO CAMIÑO

Non viñeches para xulgar os nosos erros e as nosas tonterías

senón a buscar á persoa que anda perdida,

a defender á persoa que está acusada,

a liberar á persoa que está cativa,

a curar á persoa que está ferida,

a acoller á persoa que está desamparada,

a lavar á persoa que está manchada,

a sandar á persoa que está enferma,

a erguer á persoa que caeu,

a salvar á persoa que se sente culpable,

a devolverlle a dignidade á persoa que a perdeu.

 

Ti que cres en nós,

Ti que esperas de nós,

Ti que nos amas máis que nós mesmos,

Ti que es maior que todos os nosos pecados,

recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...