Ir al contenido principal

29 domingo TO C 2022

OS PROXECTOS QUE ENCHEN E DAN SENTIDO Á VIDA NON SON EFÉMEROS, SON CONSTANTES

29º Domingo do tempo ordinario

Canto gozoso

  • Entrada.- Con ledicia vamos todos ao altar (  ).
  • Lecturas.- Escoita ti ( 26 ).
  • Ofertorio.- Grazas, Señor na mañá  (  ).
  • Comuñón.- Grazas, Señor, graciñas ( 50 )

 

Ollos abertos

 

            Constancia e perseverancia son dúas actitudes que nestes nosos tempos líquidos están á baixa. As nosas présas, o noso querer as cousas para xa, o non ter tempo para ninguén, acaba facéndonos crer que a vida só ten sentido se estamos permanentemente en movemento. Porén, a Palabra de Deus parece ir noutra dirección: na tranquilidade de quen valora as cousas ben feitas, na reflexión repousada, no tempo compartido desde a conversa amigable e fraterna, na capacidade de descubrir que as cousas importantes fanse paseniñamente e con tenrura agarimosa.

Que tamén nós, poñendo os ollos e o corazón no Evanxeo, saibamos aprender a camiñar na perseverancia de quen pon a mirada e o corazón nas persoas e non na présa que desacouga.

 

Corazón misericordioso

 ·      Por deixar que as présas nos desacouguen. SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS COA TÚA PAZ.

·      Por seguir a pensar que o importante son as cousas e non as persoas. CRISTO, QUE CAMIÑEMOS COA TÚA PAZ.

·      Porque nos falta mirada de esperanza e nos sobra corazón endurecido. SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS COA TÚA PAZ.

Palabra Proclamada

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

 

Viñeron os amalecitas e atacaron a Israel en Refidim. Moisés díxolle a Xosué: ‑"Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".

Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían ó cume do outeiro. Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento, ó tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas. As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.

Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

 

Benquerido irmán:

Mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. Porque xa desde neno coñéce-las letras santas, que son podentes para che facer sabe-lo camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.

Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para enmendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase perfecto e competente para toda obra boa.

E pídoche por favor unha cousa diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: pregoa a palabra, insiste a tempo e a destempo, corrixe, reprende, aconsella con toda a paciencia que require a doutrina. Palabra do Señor.Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Xesús propúxolles ós seus discípulos unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:

‑Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte ó meu contrario". El durante moito tempo non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Anque non temo a Deus nin respecto o home, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".

E o Señor continuou:

‑Escoitade o que di un xuíz inxusto. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ós seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra? Palabra do Señor.

 

Palabra remoída

·      A perseveranza é unha actitude que cotiza moi baixo neste noso mundo actual. Somos xente de aburrir rápido. Parece que precisamos de seguido pasar dunha cousa a outra porque nada nos enche nin nos produce paz e alegría, interior e mais exterior. Son estas maneiras de vivir que van en sentido totalmente oposto ao que nos invitan as tres lecturas de hoxe. Nelas a constancia, saber valorar as cousas e o tempo que cada unha delas precisa; aprender a non deixarnos levar polo “formiguiño” de acabar logo para pasar a outra cousa; ter medo a dedicar tempo ao silencio e á reflexión, estannos a pasar unha factura moi alta en desequilibrios, físicos e psicolóxicos, que sería preciso que nos levaran a reflexionar que nos leva a ser así e  pensar se non hai outras maneiras de ser e facer as cousas que nos aporte acougo, tranquilidade, paz e, o que é máis importante, alegría repousada de saberse a gusto co que facemos e como facemos as cousas.

·      Tanto o libro do Éxodo como a carta de Paulo invitan a camiñar por esta vía: non deixarnos levar da desacougante sensación de que precisamos facer moitas cousas para encher o tempo; como se tiveramos medo de vivir facendo do noso tempo coñecemento persoal. Se o noso xeito de ve-la vida é así, por que non nos preguntamos, se ese encher o tempo, con présas, acaba converténdose, ou non, en tempo de calidade, tempo de madurez, tempo de crecemento persoal, tempo de espiritualidade enriquecedora da nosa vida? Ao mellor si descubrimos que esa non é a maneira mellor que un/ha crente ten de estar no mundo. Sen necesidade de ter que permanecer na incomodidade das mans ergueitas coma Moisés, si podemos comezar a camiñar polos vieiros que Paulo lle indicaba ao seu discípulo Timoteo: ensinar, para corrixir, para enmendar, para educar na xustiza, e todo este proceso non se pode facer ás présas, precisa tempo, ganas e mais constancia.

·      E de constancia volve falar Xesús ao invitarnos a facer da oración tempo de confianza e paciencia; tempo de escoita e respecto; tempo de aprender a camiñar con unha mirada que vai de fóra a dentro e de dentro a fóra. A mirada de quen sabe que o mundo  é casa compartida de permanentes mans abertas para acoller e deixarse acoller.

Oración da comunidade

Na invitación a ser perseverantes na oración, unímonos para compartir e dicir: 

SEÑOR, ALÉNTANOS A SER CONSTANTES.

·      Porque como Igrexa fáltanos capacidade de ser constantes para escoitar, acompañar a axudar a quen se sente só e na incomprensión. Oremos. Señor, aléntanos a ser constantes.

·      Para que nunca nos falte constancia e perseverancia á hora de prestarlle atención á veciñanza que está soa e sen lazos de apoio familiar. Oremos. Señor, aléntanos a ser constantes.

·      Para que nós non caiamos na tentación da présas, do desacougo de da incapacidade para dedicarnos tempo de reflexión e oración persoal. Oremos. Señor, aléntanos a ser constantes.

Que non nos deixemos levar, Señor, pola présa que desacouga e nos impide facer as cousas coa calidade e sensibilidade de descubrirte no traballo ben feito. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

 

Recendo de gratuidade

 

A perseverancia é un esforzo continuo, supón alcanzar o que un se propón e buscar solucións ás dificultades que poida xurdir, un valor fundamental na vida para obter un resultado concreto.

Con perseverancia obtense a fortaleza e isto permítenos non deixarnos levar por lo fácil e o cómodo. O estudio sempre implica paciencia e perseverancia para a súa conclusión. Por isto é moi importante que aprendamos a ser perseverantes. Daranos de estabilidade, confianza en nós mesmos e madurez.

A perseverancia aprendese con exemplos. Se pais e mestres das crianzas, lles ensinan que é ser perseverante a través das súas accións. Entenderán a importancia da constancia en cada unha das facetas da vida.  

(Educar-en-valores-la-perseverancia )

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...