Ir al contenido principal

Domund 2022 domingo 30

O FARISEÍSMO DE NON SER PERMEABLES Á GRAZA DE DEUS

Domingo XXX do T.O.

CANTO GOZOSO

  • Entrada: Que ledos hoxe estamos (Nº 5) 
  • Lecturas: Señor Xesús (Nº 52)
  • Ofertorio: Eu soñei (Nº 58)
  • Comuñón: Ide e pregoade (Nº 55)

OLLOS ABERTOS

            Baixo o lema “Para que sexan as miñas testemuñas” celebramos hoxe en toda a Igrexa a Xornada Mundial das Misións, na que somos invitadas e invitados a non perder o sentido de apertura, de acollida, de solidariedade, de universalidade, de fraternidade universal.

         Só se somos capaces de entender que, como nos lembra o libro da Sabedoría, Deus non ten preferencias de persoa, e o seu soño é un mundo sen fronteiras no que non haxa últimos nin primeiros postos, entenderemos o porqué dunha Igrexa misioneira, entenderemos o porqué da chamada á misión que se nos fai co noso bautismo e que cada mes de outubro resoa de novo nos nosos oídos e no noso corazón. 

 

CORAZÓN MISERICORDIOSO

 

·      Porque a diferenza de Ti, nós si facemos distingos e preferenzas coas persoas; SEÑOR, QUE RECOÑEZAMOS QUE TEMOS QUE CAMBIAR.

·      Porque a diferenza de Ti, nós non facemos as cousas con amor, senón moitas veces con desgana e faltas de ilusión; CRISTO, QUE RECOÑEZAMOS QUE TEMOS QUE CAMBIAR.

·      Porque a diferenza de Ti, no canto de pensar no ben dos demais, pensamos nas nosas comenencias; SEÑOR,QUE RECOÑEZAMOS QUE TEMOS QUE CAMBIAR.

PALABRA PROCLAMADA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

 

Deus é un Deus xusto e non ten preferencias de persoa; non tomará parte contra o pobre mais presta oídos ás demandas do asoballado, non refuga os saloucos do orfo nin da viúva que repite o seu laio.

Semellante laio acada o seu favor, o seu berro chega ata as nubes. O grito do pobre traspón as nubes, non apousa ata chegar á meta, non cede ata que Deus o atende e que o xuíz veraz faga xustiza; tampouco Deus a retardará.

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

 

Benquerido irmán:

A min xa me falta pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar. Combatín unha loita brillante, rematei a miña carreira, gardei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel Día. E non só a min senón a tódolos que arelan a súa Vinda gloriosa.

Na miña primeira defensa non me asistiu ninguén, todos me deixaron. ¡Que Deus llelo perdoe!. Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león. O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter vivo para o seu Reino celestial. Sexa para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Xesús propúxolles unha parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:

-      Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño". O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".

Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano

Palabra do Señor. 

 

PALABRA REMOÍDA

·      Aprender a mirar: Moitas veces a nosa mirada non é profunda, non busca comprender para poder actuar, senón que é unha mirada de simple curiosidade, unha mirada que non afonda nun mundo cheo de moitas caras, unha mirada na que todo nos escorrega. Nunca é unha mirada que ansía comprender, amar e tender a man. Isto fai que a fe sexa algo superficial, como a mirada, pouco profunda. Podemos coñecer a letra, pero non estamos dispostas e dispostos a vivir iso que tantas veces temos escoitado. Por iso necesitamos mirar con ollos novos, cos ollos da crianza que comeza a descubrir as cousas e se sinte desconcertada, pero con gañas de aprender. Por iso a lectura do Libro do Eclesiástico que vimos de escoitar ten que ser para nós unha invitación a ofrecer as nosas mans, pequenas e que pouco poden, para que unidas a outras moitas mans, axuden a que a mirada supere a curiosidade e comece a ver a necesidade de facer cadeas que posibiliten que onda haxa dor poida comezar a agromar a esperanza. Pois de nada nos vale torcer a cara ou facernos crer que non pasa nada. O mundo que imos construíndo non nos gusta, e temos que dicilo. Pouco se parece ao mundo que quere Deus, que non o esquezamos, non é parcial, senón que ten debilidade polo pobre e o oprimido. Podemos dicir nós o mesmo ou, pola contra, só estamos ao lado dos ricos e poderosos?.

·      Mantendo a fe: E neste camiño no actuar desde a xustiza de Deus nunca podemos estancarnos, declararnos cansos, ou pensar que nós xa fixemos o bastante. Querer vivir no mundo desde a xustiza de Deus, fai que esteamos sempre en actitude de esforzarnos por coñecer a realidade e esforzarnos, xunto con outra moita xente, por cambiala, pois só así poderemos, coma Paulo, dicir que temos combatido ben o combate que nos vai levando cara á meta onde ningunha persoa se sinta rexeitada e degradada. Como pretendemos esperar unha recompensa, mentres deixamos ir as cousas por camiños nos que os máis débiles, aqueles que non son triunfadores e non saen na televisión, son ignorados, silenciados ou ninguneados?. 

·      Terse por xustos, sentirse seguros e desprezar aos demais: nestas tres actitudes céntrase a crítica que Xesús lle dirixe ao fariseo da parábola. E este fariseo e, moi a miúdo, un espello de cada unha e cada un  de nós. É distinto: non é ladrón, adúltero, inxusto.... non é coma os demais. Pero non só non é coma os demais, senón que actúa dun xeito que Deus debe agradecerlle: fai xaxún, dá esmola.... E nós?. Pois tamén damos grazas por non sermos coma el, estamos tranquiliños, aínda que temos moito que rascar. Así, a nivel de Igrexa, non hai demasiadas veces demasiada prepotencia?, a nosa xerarquía non se predica continuamente a si mesma, en lugar de predicar e mirar a e como Cristo?. Nas nosas comunidades, non nos cremos mellores que a parroquia do lado?, non infravaloramos o traballo dos demais, desprezándoos?. E a nivel persoal, non son demasiadas as ocasións nas que vemos a palla no ollo alleo e non nos decatamos da viga no noso?.

·      Hoxe, xornada do DOMUND, é un bo día para que, coma o publicano, miremos cara dentro do noso corazón e miremos aos irmáns cos ollos de Deus. O día das misións é unha chamada de atención ao primeiro mundo para que abandone calquera tentación de paternalismo, e comece a traballar desde a perspectiva da xustiza e na búsquea da igualdade. A misión fainos tomar conciencia de que se todos somos Igrexa, non pode haber fronteiras que separen e convertan a uns en bos e a outros en indesexables.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Presentemos a nosa oración a Deus, Pai de todos os seres humanos, para que alente e acompañe o noso seguimento de Xesús, neste mundo que nós estamos chamados a orientar cara a globalización do amor, dicindo:

GRAZAS, SEÑOR, POR CHAMARNOS A SER AS TÚAS TESTEMUÑAS

ü Pola Igrexa, que somos tod@s nós, para que sempre andemos polo vieiro da xustiza, que é desenvolvemento, paz, gratuidade, dignidade para todas as persoas, para todos os pobos; OREMOS.

ü Polo Papa, os Bispos, cregos, animadores das comunidades, catequistas... para que nunca se prediquen a si mesmos, senón que pola contra sexan quen de recoñecer que ás veces están equivocados e precisan da tenrura de Deus, OREMOS.

ü Polos misioneiros e misioneiras de todo o mundo, que dan o mellor de si na misión de levar o Evanxeo da dignidade ás persoas dos países máis empobrecidos, para que sigan saíndo coa alegría da misericordia ao encontro dos demais, OREMOS.

ü Por nós, testemuñas do Señor no medio do noso mundo, para que nunca renunciemos á nosa tarefa do anuncio da Boa Nova, OREMOS. 

Grazas, Señor, por querernos e por darnos a túa Palabra e o Pan de Vida para que acompañen o noso quefacer cotián. P.X.N.S. Amén.

RECENDO DE GRATUIDADE

Hai algo peor que ter malas ideas:

é ter ideas definitivas.

Hai algo peor que ter mala conciencia,

e aínda peor que facerse unha mala conciencia:

é ter unha conciencia perfecta.

Hai algo peor que ter un espírito malo:

é ter un espírito acomodado.

Porque os mellores, os bos,

ou alomenos aqueles que gustan de ser chamados así,

non teñen defectos na súa armadura... e nunca son feridos.

A moral da súa pel é para eles coraza e caparazón.

Porque non lles falta nada, nada se lles dá;

porque non lles falta nada, ninguén lles ofrece todo.

A caridade de Deus non cura a quen non ten feridas.

Precisamente por estar ferido no chan,

aquel home foi recollido polo samaritano.

Por estares sucio o rostro de Xesús,

foi limpado polo pano da Verónica.

Por mostrar as súas feridas, as súas penas, o seu amor

Xesús dignificou á muller pecadora.

Así, pois, quen non caeu, nunca será erguido;

quen non se manchou, nunca será limpado.

Os bos non son permeables á graza.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...