Ir al contenido principal

31 DOMINGO TO C 2022

GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA

CANTOS

Entrada.- Camiñando pola vida (Nº 9)
Lecturas.- Escoita ao Señor (Nº 15)
Ofertorio.- Benaventurados (Nº 119)
Comuñón.- Déixate querer (Nº 61)


OLLOS ABERTOS

Somos persoas cativas para dar oportunidades. Son poucas as ocasións nas que estamos dispost@s a darlle unha oportunidade a quen nola pide: unha oportunidade dun coñecemento profundo, unha oportunidade dun pouco do noso tempo, unha oportunidade de sentirse valorada por nós.... en definitiva, unha oportunidade para mirar cara o fondo e non quedarnos na superficie dos prexuízos, da intolerancia, ou do “non é dos nosos”.
A celebración que agora comezamos volve lembrarnos, unha vez máis, que Deus é o Deus das oportunidades. A diferenza de nós, El si está disposto a darnos múltiples oportunidades para que cambiemos o noso talante.... Seguiremos sendo curtos de estatura?

CORAZÓN FERIDO

  • Porque, a diferenza de Zaqueo, non estamos dispostos a baixar da figueira e deixar atrás canto nos fai persoas insolidarias e inxustas, SEÑOR,QUE NON TEÑAMOS MEDO.
  • Porque, a diferenza de Zaqueo, non queremos recoñecer que confesar a fe na salvación lévanos a deixarnos enchoupar pola Palabra de vida, CRISTO, QUE NON TEÑAMOS MEDO.
  • Porque, a diferenza de Zaqueo, non somos capaces abrir o noso corazón ao perdón, e á superación do rancor e da envexa, SEÑOR, QUE NON TEÑAMOS MEDO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA SABEDORÍA

O universo todo, de fronte a ti, é coma un lixo na balanza e coma pinga de orballo da alborada caendo sobre a terra.
E con todo compadecícheste de todo, pois todo o podes e pasas por alto os pecados dos homes para que se convertan, pois amas a todos os seres e non rexeitas nada do que fixeches: se algo che dese noxo, xa non o crearías.
¿Como podería algo subsistir se ti non o queres ou conservarse o que ti non chamas?
Mais ti todo o perdoas porque todo é teu, Señor, amigo da vida.
Pois o teu sopro incorruptible mora en todas as cousas.
Por iso corrixes pouco a pouco a aqueles que tropezan e amoéstalos lembrándolles os seus erros para que, deixando a maldade, crean en ti, Señor.

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus.


PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS TESALONICENSES

Irmás e irmáns:
Por iso rogamos decote por vós, para que o noso Deus vos faga dignos da chamada e para que co seu poder faga realidade todo propósito de facer o ben e toda empresa de fe. Dese xeito vós daredes gloria ó noso Señor Xesús Cristo e el a vós conforme a graza do noso Deus e do Señor Xesús Cristo.
Tocante á Parusía do noso Señor Xesús Cristo e da nosa xuntanza con el, rogámosvos, irmáns, que non abaledes tan axiña nos vosos criterios nin vos desconcertedes por supostas revelacións, ditos ou cartas nosas coma se o Día do Señor estivese a caer.

Palabra do Señor. 

Grazas a Deus.


PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Chegou Xesús a Xericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús; pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. O pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
- Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El, baixando de contado, acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
- Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé, díxolle ó Señor:
- Señor, darei a metade de todo canto teño ós pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
- Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home vén buscar e salvar o que estaba perdido.

Palabra do Señor. 


REMUÍÑO

PORQUE O SEÑOR NON ABORRECE NADA DO QUE FIXO: A primeira lectura que vimos de proclamar, tomada do Libro da Sabedoría, supón un sopro de aire fresco neste clima tan cargado da nosa Igrexa. Si, porque nos invita a ver o mundo con ollos de esperanza, con ollos positivos, con ollos de bondade. Porque neste mundo, que Deus crea e nós recreamos, non hai nada aborrecible. Unha vez máis: que lonxe está a Palabra das palabras de moitos dentro da nosa Igrexa que teiman na xerarquización, na obediencia cega sen cuestionar nada e na uniformidade que acaba converténdose en rutina. Si, a Palabra, incansable, quere facernos caer na conta que Deus non é verdugo nin xuíz sanguinario, senón que segue a ser Pai-Nai que acubilla, acolle e perdoa. Por que entón a nós se nos enche a boca falando dun castigo de Deus, dun Deus que leva conta dos nosos erros e a quen lle temos que facer constantemente actos de desagravio?. Non será que nos predicamos a nós mesmos, mesquiños e ruíns, e proxectamos esa mesma imaxe de Deus por ser a que nos proporciona maiores dividendos e seguridades?. Ata cando, Señor, seguiremos vivindo amedrentando e humillando aos irmáns e ás irmás?.
SEXAMOS DIGNOS DA NOSA VOCACIÓN: Porque Deus nos quere, porque para El somos importantes, porque se ocupa e preocupa por nós, non podemos nin debemos fallarlle: El chámanos á felicidade, a realizarnos como persoas a través da nosa vocación cristiá no medio do mundo. E temos que facelo sen desesperar, cos pés pisando forte, sen caer na tentación de fuxir, de pecha-los ollos ao que pasa, de querer desentenderse dos problemas e retos. Porque aí está o noso compromiso de fe. Que as dificultades non nos leven a caer na tentación de refuxiarnos nos “cuarteis de inverno” dunha fe cómoda, cultual e amoldada aos nosos propios intereses.
E SEXAMOS PERSOAS ABERTAS, QUE DAN OPORTUNIDADES: E neste estar no mundo, non somos quen de ser xuíces dos demais. No marco dunha sociedade teocátrica coma a de Israel, invadida por unha nación estranxeira e obrigada a pagar pesadísimos impostos, a figura do “recadador” é o símbolo do renegado e mercenario ao servizo de Roma. Zaqueo era baixo de estatura, un ladrón, un proscrito. Con todo, quería ver quen era Xesús e El... reparou naquela persoa. Soubo ir máis alá dunha mirada superficial, soubo mirar cara dentro, soubo descubrir que aquel home berraba en silencio que lle desen unha nova oportunidade, soubo ler no seu corazón que aquela persoa quería e podía cambiar e entrar na dinámica do Reino. Porén, nós seguimos empeñados en que as persoas non poden cambiar, seguimos negándolle a oportunidade do cambio a quen nos fixo dano, seguimos sen saber descubrir que o Señor pasa cada día e que hai moitos irmáns que, subidos na figueira da dor, da incomprensión, da soidade, da marxinación, da pobreza... esperan o seu paso para aterrar e comezar unha nova vida. Seremos nós tan curtos de sentimentos, que non de estatura, como para negárllela?.

FRATERNIDADE ORANTE

Agradecid@s porque Deus, unha vez máis, sae ao noso encontro para invitarnos a facer con El o camiño cambiando comportamentos, actitudes e rutinas, rezamos persoal e comunitariamente dicindo:
GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA
· Pola Igrexa, que ten no medio do mundo a misión de anunciar a Xesucristo cos seus comportamentos e coa súa palabra; para que nunca esqueza que El quixo quedar na casa de Zaqueo sen ningún tipo de medos nin desconfianzas, pois só así será posible cambiar corazóns e ser testemuñas, OREMOS .
GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA
· Polas nosas comunidades, para que sempre teñan abertas as portas polas que Deus se mostra e polas que entra o aire novo do Espírito para todas as persoas, sen distincións de razas, ideoloxías, países ou formas de pensar, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA
· Por cada unha e cada un de nós; para que nunca lle neguemos a ningunha persoa a oportunidade de cambiar, OREMOS.
GRAZAS POR QUERER HOSPEDARTE NA NOSA CASA
Grazas, por mostrarnos, de novo, que nunca é tarde para cambiar o corazón e abrirnos aos demais. P.X.N.S. Amén.

CAMIÑOS DE ESPERANZA

Ti, Señor, es un Deus de vida e de ilusións.
Non é inofensivo achegarse a Ti.
Ti es quen de darlle a volta á cabeza, ao corazón e á vida,
a todas as vidas de todas as persoas.
ti es quen de reformar os nosos plans e desviar os nosos camiños,
de abrir novos vieiros, de ofrecer abrentes impensables.
Ti es quen de fixarte en quen está na figueira,
de invitarte a comer por sorpresa,
de hospedarte na casa dun pecador,
de repetir, hoxe,
con cada un e cada unha de nós,
a historia de Zaqueo.
Non te fagas de rogar,
míranos como sabes,
e invítate a xantar na nosa casa.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...