Ir al contenido principal

28 domingo TO C 2022

TODA A TERRA É PRESENZA DE DEUS. NON DEIXEMOS NUNCA DE AGRADECELO

CANTO GOZOSO

ENTRADA: Non vou só (Nº 60)

LECTURAS: Cantádelle ó Señor unha cantiga nova (Nº 23)

OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)

COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco (Nº 63)

 

DESPEREZANDO O INTERIOR

De misericordia e confianza vainos falar hoxe a palabra de Deus. Ámbalas dúas son eixes desde os que constantemente se nos invita a camiñar aos seguidores e seguidoras de Xesús. Pero camiñar non é só tirar para adiante. Iso sería unha visión moi curta do seu significado. Camiñar pide de nós unha mirada agradecida de todo o que vemos; unha mirada acolledora de todo canto imos descubrindo; unha mirada de gratuidade por todo canto imos recibindo e nos fai mellores e máis felices.

       Camiñemos entón deste xeito para sentir a fondura agradecida da presenza de Deus nas persoas e máis na vida.

 

CAMIÑANDO NA MISERICORDIA

 

·      Porque non sempre somos capaces de camiñar con mirada agradecida. SEÑOR, QUE SIGAMOS AS TÚAS PEGADAS.

·      Porque non sempre poñemos o mellor de nós para ser máis felices. CRISTO, QUE SIGAMOS AS TÚAS PEGADAS.

·      Porque non sempre somos persoas de gratuidade con quen o precisa. SEÑOR, QUE SIGAMOS AS TÚAS PEGADAS.

 

 

 

ESCOITANDO A PALABRA

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DOS REIS

 

Baixou el Naaman o Sirio ó Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara Eliseo o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo da súa lepra.

Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo: ‑“Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un regalo do teu servo”. Respondeulle Eliseo: ‑“Polo Señor vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha”. E por moito que lle insistiu para que aceptase, el negouse. 

Naamán dixo entón: ‑“Pois logo, permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún, senón só ó Señor. Palabra do Señor.

 

SALMO RESPONSORIAL     Sal 97, R/  O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO A TIMOTEO

 

Benquerido irmáns:

Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David. Este é o meu Evanxeo, polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada. Por iso soporto tódalas cousas por mor dos escolleitos, para que tamén a eles lles toque en sorte a salvación que vén de Cristo Xesús, coa gloria eterna. Esta é unha gran verdade: Se morremos con el, tamén viviremos con el.

Se padecemos con el, tamén reinaremos con el.

Se arrenegamos del, tamén el arrenegará de nós.

Pero se fallamos na fe, el permanece fiel,

porque non pode arrenegar de si mesmo. Palabra do Señor.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Indo Xesús camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea, ó entrar nunha aldea, saíronlle ó paso dez gafos. Pararon ó lonxe, e dando voces suplicáronlle:

‑Xesús, Mestre, ten dó de nós.

El, ó velos, díxolles: ‑Idéevos presentar ós sacerdotes.

E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles, ó se decatar de que estaba curado, volveu louvando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, ós pés de Xesús, deulle as gracias. Era un samaritano. Xesús dixo:

‑¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove? ¿Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?

E engadiu: ‑Érguete e vaite: salvoute a túa fe. Palabra do Señor.

 

 

 

 

 

REMOENDO A PALABRA

·      Naaman inda non fora capaz de descubrir que non hai unha terra, un país, mellor ca outra. Toda ela é ámbito de presenza de Deus –casa común-, sen exclusións ou diferenzas. Sendo este un principio fundamental da fe no Deus de Xesús, moitas veces esquecémolo e bendicimos guerras, aprobamos exclusións ou mesmo xustificamos abusos, racismos e xenofobias. E non, non é verdade que no nome de Deus poidamos facer calquera desas cousas. O amor de Deus é incluínte, chega a tódolos recunchos, e non hai unha terra nin mellor nin máis querida ca outra para El. Só así podermos cantar un cántico, ou os que sexan, novos ou non, ao Señor. Mágoa que isto esquecémolo moitas das veces!

 

·      Esta dignidade que compartimos nunha mesma terra non é froito nin dunha lei nin dun desexo de agradar e quedar ben. Simplemente é froito do amor dun Deus que non diferenza nin escolle por cores de pel, continentes, falas, culturas ou clases sociais. De seu, todas e todos nós, somos semente dun Deus que é amor, gratuidade e gratitude. El é xermolo dun xeito diferente de percibirnos entre nós e de percibir cal ha ser a nosa misión no día a día da mirada que facemos no medio do mundo no que estamos. E como a súa palabra non está encadeada, porque é  semente de liberdade, desde esa liberdade que nos ofrece a palabra non nos miramos con odio, enfrontamento ou distancia. Inda que algúns así o crean e fagan; nós mirámonos con ollos de fraternidade e igualdade. Non deixemos nunca de telo presente.

 

 

·      Compartindo unha mesma terra que nos iguala; chamadas e chamados a que a nosa mirada non sexa estrábica, e si integradora, o evanxeo non podía máis que ofrecernos palabras que poñan de manifesto a importancia de saber agradecer, confiar e camiñar sen botar a ninguén fóra por crenos mellores e máis fieis. Que diferenza co que hoxe está a pasar no mundo! Que diferenza coas actitudes que crean fronteiras, erguen muros, marcan distancia e fan de menos a quen non é de aquí, a quen vén de fóra. Non nos deixemos guiar nin manipular por extremismos que se afastan do evanxeo, e nos colocan de costas ao proxecto do Deus  para quen a terra é unha, e a dignidade está en todas e todos sen exclusións.

 

COMPARTINDO A ORACIÓN

Ao Deus que nos crea coa mesma dignidade dirixímonos dicindo:

SEÑOR, GRAZAS POR CREARNOS IGUAIS.

·      Para que a Igrexa teña sempre presente no seu actúe a igualdade coa que Deus nos creou, OREMOS.  

·      Para que no noso día a día fagamos o posible por ter actitudes integradoras e de acollida, OREMOS.

·      Para que non deixemos que mensaxes, palabras, xestos e actitudes que sementan enfrontamento, desigualade e odio entre as persoas Entren en nós, OREMOS. 

·      Hoxe celebramos a Xornada Mundial polo Traballo Decente. Para que desterremos da nosa vida cada pequena explotación que facemos no intercambio de servizos e tarefas, para que dignifiquemos á outra persoa cun agradecemento e pago xusto; OREMOS.

·      Para que nunca renunciemos ao noso compromiso na loita para alcanzar traballo decente e así lograr o benestar e os dereitos para todas as persoas; OREMOS..

Na túa man poñemos, Señor, este noso esforzo por camiñar na igualdade e no respecto de tódalas as persoas. P.X.N.S. Amén.

 

ESTIMULANDO A NOSA MIRADA

 

O papa Francisco no deixa de lembrarnos constantemente:

·      Non podemos tolerar nin pechar os ollos ante calquera tipo de racismo ou de exclusión. Ao mesmo tempo, temos que recoñecer que a violencia é autodestructiva e autolesionista. Coa violencia non se gana nada. Oremos pola reconciliación e a paz". (3 de xuño, 2020).

 

·      O problema non é que teñamos dubidas e temores. O problema é cando condicionan a nosa forma de pensar e actuar ata o punto de facernos intolerantes, cerrados e quizais mesmo -sen darnos conta- racistas. Desta maneira, o medo prívanos do desexo e a capacidade de encontrar ao outro, á persoa diferente de min; prívame da oportunidade de encontrar ao Señor". (Mensaxe de 2019 para o Día Mundial das persoas Migrantes e Refuxiadas).

 

(  https://www.pildorasdefe.net/noticias/frases-del-papa-francisco-sobre-racismo-igualdad-fraternidad )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...