Ir al contenido principal

Cristo Rei 2022 C

 Porque o seu Reino é de igualdade, temos tarefa por diante

Recendos de sons agradecidos

ü  Entrada.- Con ledicia vimos

ü  Lecturas.- Moito me alegrei cando me dixeron

ü  Ofertorio.- Na nosa terra

ü  Comuñón.- Eu soñei

Ollos abertos

Rematamos hoxe o ano litúrxico coa celebración de Cristo Rei. Atrás foron quedando as celebracións, nas que compartimos tempo, espazo, oración, alegrías e tristuras, pero sempre xuntándonos desde a esperanza de Xesús, quen nos vou traer un Reino novidoso, rompedor e nada ao uso: Un reino de xustiza e igualdade, para que sexamos nós hoxe as continuadoras e os continuadores da tarefa iniciada por el e seguida por moitas mulleres e homes ao longo destes dous mil anos de historia das comunidades cristiás. Sigamos celebrando esta boa nova e reuníndonos no seu nome para poder ir sementando o mundo do seu proxecto de amor.

 

Corazón misericordioso

Polas veces nas que temos renunciado a construír o teu Reino. SEÑOR, NON DEIXES DE MIRAR POR NÓS.
Polas veces nas que non quixemos verte en quen nos precisaba. CRISTO, NON DEIXES DE MIRAR POR NÓS.
Polas veces nas que nos deixamos levar pola desesperanza e a falta de ilusión.SEÑOR, NON DEIXES DE MIRAR POR NÓS.

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL

 

Tódalas tribos de Israel foron a Hebrón, xunto a David, para dicirlle: ‑"Aquí nos tes. Nós somos do teu mesmo sangue. Xa de antes, cando Xaúl reinaba sobre nós, eras ti quen conducía a Israel e o Señor tíñache dito: ti pastarás ó meu pobo Israel, ti serás o seu xefe".

Os anciáns de Israel presentáronse, pois, onda o rei en Hebrón. O rei David fixo un pacto alí con eles, diante do Señor, e eles unxiron a David por rei de Israel.

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS COLOSENSES

Irmáns e irmás:

Dámoslle gracias ó Pai que nos fixo merecentes de participar na herdade dos santos, na luz.

Porque El arrincounos da pouta das tebras

para nos pasar ó Reino

de seu Fillo querido,

en quen nós atopamos

redención,

o perdón dos pecados.

El é a imaxe do Deus invisible,

de toda criatura el é o primeiro nacido,

e por medio del fixéronse as cousas,

as da terra e tamén as do ceo,

as vistas cos ollos,

as por eles non vistas;

señoríos sexan ou ben maxestades,

sexan principados, tamén potestades;

el é modelo e fin

do universo creado.

Antes ca todo está el,

todo nel se cimenta aínda hoxe.

É tamén a cabeza do corpo

‑o corpo é a Igrexa‑.

El é o principio,

o primeiro en nacer de entre os mortos,

de xeito que en todo

sexa sempre o primeiro.

Porque nel quixo Deus habitar

coa súa total plenitude:

reconciliar así o universo

consigo, por el;

e no sangue da cruz

poñer paz entre os seres da terra

e do ceo, servíndose del.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

 

Os xefes moqueábanse de Xesús, dicindo:

‑A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.

Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:

‑Se ti e-lo rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.

E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:

‑¿Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.

Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:

‑¿Seica non temes a Deus, ti que sófre-la mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibímo-lo que merecemos, pero este non fixo mal ningún.

E dicíalle:

‑Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.

Xesús respondeulle:

‑Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

Palabra acollida e pés no chan

O “aquí nos tes” co que os israelitas se van achegando a David, móstranos que a dispoñibilidade para facer as cousas é sempre o punto de partida persoal para desenvolver calquera tarefa. Por moito que nos digan, manden, impoñan, recomenden... facer unha cousas, se nós non a asumimos como propia e nos implicamos, nunca a faremos ben. Querer e poñer o mellor de nós para facer calquera cousa é sempre o comezo de algo importante e grande: contar coas persoas; co que pensan, co que din, co seu xeito de ver a realidade. Esquecer isto, é o camiño que só pode levar ao fracaso e á frustración.

E vén isto moi a conto co que está a pasar hoxe na Igrexa. Por moito que o papa fale de Sinodalidade, escoita, diálogo, camiño compartido... se nós non nos implicamos, se nós non nos queremos subir á barca, nada poderá ser. As cousas, todas elas, para que saian precisan de boa disposición para levalas a cabo. Tampouco sairán se nolas queren impoñer sen contar con nós. Porque a construción do Reino de Xesús hoxe, pasa pola necesidade de contar con tódalas persoas que o forman/mos. Sen elas, sen nós, todo vai quedando en palabras baleiras. E isto mesmo vale tamén para referirnos tamén as actividades do plan de pastoral diocesano que nestes días se nos vai presentando ao longo da Diocese. Por moito papel que se gaste en escribilas, se nós non nos queremos apuntar para tirar do carro e conseguir ilas facendo, quedarán nun estupendo libro que irá collendo pó, pero que non terá ningún outro cometido. O Reino de Xesús pasa pola acollida por parte daquelas persoas ás que se lles ofrece.
Non nos vaia pasar como aos xefes e aos soldados, que se moqueaban de Xesús. Facíano porque non crían nin na súa persoa nin na mensaxe que lles transmitía. Para eles falar dos elementos que conforman o seu Reino, e que se concreta en actitudes como son a igualdade, a xustiza, a paz, a solidariedade ou a participación eran só palabras, sen implicación e compromiso de entendelas e tentar levalas á súa vida de cada día. Pois, que tampouco nós, sexamos das persoas que actúan así. Tomemos en serio a invitación de construír o seu Reino aquí, no agora no que cada quen de nós estamos, comezando polas cousas pequenas e sinxelas, e facéndoas sempre desde un camiño sinodal de colaboración, participación e dispoñibilidade. Que mellor Reino ca esta!

Oración compartida

Recemos uníndonos á invitación de construír o seu Reino no noso mundo, e dicindo:
QUE O TEU REINO ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
Para que o actuar de Igrexa sexa sempre desde as categorías do Reino de Deus, e non desde as de poder e imposición. Oremos. Que o Teu Reino aniñe no noso corazón.
Para que nas nosas parroquias vaiamos sementando actitudes que nos vaian axudando a ser máis felices, menos egoístas e verdadeiramente con ilusión de facer cousas en igualdade. Oremos. Que o Teu Reino aniñe no noso corazón.
Para que nós non deixemos nunca de traballar por vivir ao estilo de Xesús, sen deixarnos levar do individualismo ou afán de protagonismo e mando sobre as demais persoas. Oremos. Que o Teu Reino aniñe no noso corazón.
Pedímoscho a Ti, Señor, que vives e reinas por sempre eternamente. Amén.

Oídos atentos

Cada membro da Igrexa ten algo que ofrecer para construír o reino de Deus. Os mellores lugares para facelo son as nosas propias casas, os nosos barrios, os lugares onde traballamos. Se pouco a pouco imos tomando conciencia de que canto nós poidamos facer que alegre aos demais, é unha pedra nesta construción, xa estamos a responder á misión que a todas e todos nos pide Xesús. A participación activa no traballo do reino, a calquera nivel, bendicirá as nosas vidas e traerá crecemento en innumerables situacións.
Por iso podemos dicirlle ao Señor:
Axúdamos a construír o teu reino vivindo con xustiza.
Axúdanos a implicarnos nas actividades da Igrexa para ser mellor parroquia
Axúdanos a facer as cousas e servir de boa gana onde queira que esteamos.
Axúdanos a descubrir a túa presenza na alegría que recibimos das demais persoas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...