Ir al contenido principal

1 DOCMINGO ADVENTO 2022

1º Domingo de Advento. 

Ciclo A. 2022/2023

Sinal de Advento: A nosa sinal para este tempo de Advento vai ser a árbore da vida. Nela cada un dos catro domingos iremos colgando, das súas pólas, unha bola na que estará escrita unha lenda en relación cos textos que imos proclamar na celebración. Buscamos ir facendo do Advento camiño de interioridade e toma de conciencia sobre a necesidade de camiñar desprendéndonos das follas murchas da nosa vida.

Nesta primeira semana a bola levará escrito “A paz, camiño e horizonte”.




Canto gozoso

 

  • Entrada.-Moito me alegrei cando me dixeron  (  )
  • Lecturas.- Ergo os meus ollos cara os montes  (Nº 112)
  • Ofertorio.- Recibe, Señor, co pan e co viño  (nº 31)
  • Comuñón.- Non vou so (Nº 60)

 

Escoita activa

         

Co aprimeiro domingo de Advento, comezamos hoxe un novo camiño de preparación cristiá cara ao Nadal. Quere ser un poñernos no camiño mirando cara ao interior de cada unha e cada un de nós, buscando atopar situacións, actitudes, comportamentos... murchos que temos que ir deixando atrás para que este sexa un verdadeiro tempo de cambio e renovación.

 Deixémonos cuestionar por este tempo de renovación que hoxe nos pon no camiño dun Nadal contracorrente: O Nadal da sinxeleza, a humildade e o sentido simplemente relixioso do Deus que quere quedar entre nós.

 

 

Corazón misericordioso

 

·      Para que este Advento deixemos caer da árbore da nosa vida as follas murchas. SEÑOR, ALÉNTANOS A CAMIÑAR NA VIDA.

 

·      Para que este Advento sexa tempo de abrir camiños de pacificación e perdón. CRISTO, ALÉNTANOS A CAMIÑAR NA VIDA.

 

·      Para que este Advento nos deixemos guiar pola raiola de luz que nos ofrece a Palabra de Deus. SEÑOR, ALÉNTANOS A CAMIÑAR NA VIDA.

 

Palabra proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS 

 

Palabras que en visión profética recibiu Isaías, fillo de Amós, acerca de Xudá e Xerusalén:

Vede: á fin dos días será creado o monte da Casa do Señor.

 Vede: será levantado por enriba dos montes e máis cós petoutos,

axuntaranse nel tódalas xentes.

Irán a el pobos numerosos que dirán:

"Vinde, subamos ó monte do Señor, á casa do Deus de Xacobe,

 para que nos mostre os seus camiños, e camiñemos polos seus vieiros.

 Vede: de Sión sairá a Lei, a Palabra do Señor sairá de Xerusalén".

 Xulgará os preitos entre as xentes, decidirá o que é xusto entre os pobos.

Non levantará un pobo contra outro a espada,

nin deprenderán de novo a face-la guerra.

¡Casa de Xacobe, ven; vaiamos e camiñemos á luz do Señor!

 

SAL. RESP.- Imos alegres para a casa do Señor 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás: Sabendo o intre no que vivimos,  xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitémo-las obras das tebras e vistámo-las armas da luz. Como en pleno día camiñemos decentemente, nada de lupandas nin borracheiras, nada de obscenidades nin libertinaxe, nada de liortas nin envexas. En lugar diso vestídevos do Señor Xesús Cristo, e non lles fagades caso ós baixos apetitos.

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

Dilles Xesús ós seus discípulos:

Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán ó outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán unha e deixarán a outra.

Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chega-lo ladrón, estará á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home.

 

Ollos abertos e pés no chan

·      Tempo de Advento, tempo de parar e mirarnos, tempo de resituar a vida e as direccións que nela imos tomando. Non é un tempo retrouso e rutineiro; tampouco un tempo para comezar a nosa voráxine particular de preocupacións externas e mercantís, para preparar ceas e comidas de encontros familiares. Non, o noso Nadal, porque quere ser un tempo de celebración interior, precisa un tempo de preparación para que sexa a festa da acollida do Deus neno no corazón de cada un e cada unha de nós. É verdade que isto nin é doado nin tampouco se consegue sempre. Pero para iso está o Advento, para irnos abrindo camiño de revisión, de renovación interior, de superación de rutinas, medos e aburrimentos. E todo, única e exclusivamente porque quen nace é Xesús. Neno pobre e humilde que co seu nacemento invítanos a mirar a vida desde ollos de humildade, encontro, fraternidade e sinxeleza. E para este traxecto, o Advento non é máis que unha invitación a poñernos en camiño.

·      E a Palabra que hoxe temos escoitado chega aos nosos oídos tendo como obxectivo comezar este proceso interior de revisión persoal. Unha revisión que nos vai falando sempre de paz e acougo desde onde podemos ir descubrindo a presenza de Deus. Para que vaia facendo da nosa vida experiencia de sentido, participación, cambio... e converta esa paz e ese acougo que Deus nos vén traer no seu Fillo Xesús, en paz e acougo que nós saibamos levar a quen os precise.

·       Erguemos os ollos cara aos montes porque alí atopamos axuda no noso camiñar. Pero non quedamos con eles ergueitos mirando cara eses mesmos montes, El úrxenos a que a nosa mirada baixe á terra para que o encontro cos demais sexa un encontro de fraternidade, perdón, misericordia e camiño compartido, de xeito que o acougo que Nel atopamos o saibamos levar aos demais. Vixiemos entón para que a paz e o acougo que atopamos en Deus non nolo roube ninguén, porque sen eles, pouco ou nada poderemos facer para que este tempo de Advento nos cambie interiormente para axudar a camiñar, e cambiar, a quen temos ao noso lado. Non nos deixemos arrebatar este tempo de preparación a un Nadal cristián!

Para orar en comunidade

Ledas e ledos por deixarnos enchoupar pola forza da Palabra hoxe proclamada rezamos a Deus dicindo: IMOS ALEGRES Á CASA DO SEÑOR.

·      Para que este tempo de Advento que agora comezamos, sexa para toda a Igrexa un tempo de sinceridade, renovación, cambio e volta ao Evanxeo. Oremos. IMOS ALEGRES Á CASA DO SEÑOR.

 

·      Para que nas nosas comunidades vaiamos deixando atrás as follas murchas da desilusión, a desesperanza, o desencanto ou as ansias de facer de menos aos demais. Oremos. IMOS ALEGRES Á CASA DO SEÑOR.

 

·      Para que nós aproveitemos este tempo de Advento para facer poda sincera e renovadora das polas que na nosa vida precisan o enxerto da paz que nos trae Xesús. Oremos. IMOS ALEGRES Á CASA DO SEÑOR.

 

Señor, ao comezar este tempo de Advento, queremos sentir a forza da túa presenza neste camiñar cara o Nadal que nos faga gozar coa túa chegada. Por Cristo o noso señor. Amén.

 

Acougando no silencio do corazón

A alegría do Advento está ligada á esperanza cristiá e, polo tanto, á perseveranza e á paciencia, á "confianza laboral", xa que se trata de unir a fe en Deus co compromiso humano. Os cristiáns sabemos que a felicidade só se pode atopar plenamente na fidelidade a Deus: O labrego non é fatalista, senón que é un modelo desa mentalidade que une fe e razón de forma equilibrada, porque, por unha banda, coñece as leis da natureza e fai ben o seu traballo e, por outra, confía na Providencia, xa que non dependen del algunhas cousas fundamentais, senón que están nas mans de Deus. A paciencia e a perseveranza son precisamente unha síntese entre o compromiso humano e a confianza en Deus. (Bieito XVI)

 


Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...