Ir al contenido principal

33 Domingo TO C 2022

 Xesucristo fíxose pobre por ti

Canto gozoso

  • Entrada.-  Andarei na presenza do Señor ( Nº 11)

  • Lecturas.- Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23)

  • Ofertorio.-  Eiqui están Señor (Nº 32)

  • Comuñón.- Ide e pregoade (Nº 55)



Ollos abertos

Hoxe domingo, 13 de novembro, a Igrexa celebra o Día Mundial das Persoas Pobres. Este ano, o Papa Francisco propón como lema "Xesús Cristo fíxose pobre para ti". Na mensaxe que escribiu para este día, dinos algo que sempre deberiamos ter presente no noso día a día: “compartir o pouco que temos con quen non ten nada, para que ninguén sufra”

Nun mundo cheo de problemas, dificultades, dor e traxedias persoais e comunitarias, non podemos darlle as costas á persoa pisada, esquecida ou tratada con violencia e falta de respecto. Na medida na que nós sexamos capaces de ver máis alá das nosas dificultades e problemas, seremos capaces de entender por que a fe é un camiño de solidariedade e fraternidade.

Poñámonos logo en disposición de celebrar a ledicia desta invitación que a ninguén fai indiferente.

Corazón misericordioso

Defensor das persoas empobrecidas e esquecidas. SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
Refuxio das persoas débiles e invisibles; CRISTO, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.
Esperanza para traballar por mellorar as persoas e as cousas. SEÑOR, QUE NON ENDUREZAMOS O CORAZÓN.

Palabra Proclamada

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE MALAQUÍAS


Velaí chega o día: abrasará coma un forno,

e os soberbios e tódolos que cometen a maldade serán palla.

Si, o día que chega será a vosa queima

-fala o Señor dos Exércitos-:

non vos deixará raíz nin pola.

Brillará para vós, os que respectáde-lo meu Nome,

un sol de xustiza, que trae saúde nas súas ás. Palabra do Señor. Grazas a Deus.

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA SEGUNDA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS TESALONICENSES

Irmáns e irmás:

Ben sabedes vós de que modo debedes imitarnos, xa que non nos dedicamos a andar sen xeito nin comemos de moca o pan de ninguén, senón que traballamos noite e día con esforzo e fatiga por non sermos unha carga para ningún de vós. Non porque non tivésemos dereito, senón para vos dar un exemplo que imitar, e porque, cando estabamos onda vós, xa vos demos esta norma: o que non queira traballar, que tampouco non coma.

Porque chegou ós nosos oídos que algúns de vós andan descamiñados e por riba de non traballaren nada, entremétense nas cousas dos demais. A eses mandámoslles e aconsellámoslles no Señor Xesús Cristo que traballen con acougo e que coman o seu propio pan. E vós, irmáns, non cansedes de face-lo ben. Palabra do Señor. Grazas a Deus.


PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS


Comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:

-Todo isto que estades a contemplar, días virán nos que o derrubarán ata que non quede pedra sobre pedra.

Eles preguntáronlle:

-Mestre, dinos, ¿cando van pasar estas cousas? ¿Cal será o signo de que van suceder?

El empezoulles a dicir:

-Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome, dicindo: "son eu" e "está a chega-lo momento", pero non os sigades. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes; que iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.

Entón díxolles:

-Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares; cousas espantosas, e grandes sinais no ceo. Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos: levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teréde-la oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha elocuencia e mais unha sabedoría que non poderán resistir nin replica-los vosos adversarios. Entregaranvos vosos mesmos pais, irmáns, parentes e amigos. Mataranvos a algúns de vós, e todos vos aborrecerán por causa miña, e mais non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa perseveranza, salvaredes as vosas vidas. Palabra do Señor.

Palabra remoída

  • Mirar só a cantaría.-.


  • Moitas veces pode pasarnos que corramos o risco de mirar só o externo, o de fóra, só o que se quere mostrar. Isto impídenos ir ao profundo, ao coñecemento da situación. Como lle pasaba aos que estaban só preocupados pola cantería do templo. O externo. Algo así ocorre  hoxe no noso mundo, hai moita preocupación polo externo, polo secundario, por aquilo que non vai ao importante. E desde os ollos de Xesús o importante son sempre as persoas. Hoxe son moitas as persoas que van quedando nas beiras deste noso mundo e nas que ninguén se fixa nin lles fai caso. Cada vez son máis as persoas esquecidas, ignoradas, silenciadas ou reducidas a un simple número nunha estatística. Persoas que nunca viron unha man que se achegaba para acollelas. Somos nós tamén dos que só nos fixemos no bonita que é a cantería?,


  • Fainos insensibles ante ás persoas.-


  • Poñer os ollos, as forzas e as ilusións só na cantería, por moi bonita que esta sexa, acaba facéndonos caer na insensibilidade diante do que vai pasando ao noso redor. Mesmo acabamos incorporando a cantería ao noso universo persoal como se non houbera ao noso redor nada máis. E a insensibilidade deshumaniza e cega, porque non nos deixa ver a realidade tal e como é. Mellor non coñecer/saber que ter que asumir coma noso o sufrimento das demais persoas. Iso pensámolo porque nós non estamos na situación delas, pero: gustaríannos, se nos pasase a nós, que tamén nos deran as costas? A insensibilidade mata e propicia o individualismo e a ficción de que todo vai ben. Cando a realidade non é así. Non querer vela non significa que non exista.


  • Impídenos ver a realidade inxusta.-.


  • Porén, ir tomando conciencia de que a realidade é inxusta, que vai deixando persoas polo camiño; que quen ten poder e crea a información para o seu propio interese; que se nos manteñen na ignorancia nunca imos erguer a voz para denunciar inxustizas. Fai que sexan os poderosos; e o poder ten caras plurais: política, economía, relixión, medios de comunicación... Asumir entón que o mundo nin é tan bonito como nos queren facer crer uns, nin tan imposible de facer nada como tamén nos invitan a velo así outros, fainos testemuñas da mirada de Xesús. El non se deixou enganar nin por uns nin por outros; ao contraio, foi capaz de non esquecer nunca que na persoas está presente Deus, e que Nel e por El, sempre paga a pena tentar cambiar e mellorar as cousas. Nesta xornada dos pobres, esforcémonos, poñendo a mirada en Xesús, en ser testemuñas de cambio desde a sinxeleza das pequenas cousas: unha man aberta, un sorriso de acollida, unha aperta de fraternidade, unha axuda de colaboración... e xa iremos vendo como a vida nos vai cambiando para mellor a nós e a aquelas persoas coas que o temos feito.

Oración da comunidade

Compartimos a oración no Deus de humanidade e irmandade. Facémolo dicindo: 

SEÑOR, QUE SEXAMOS SENSIBLES ANTE A DOR DOS IRMÁNS E IRMÁS.


  • Pola Igrexa para que non dea as costas ante a dor e sufrimento das persoas que son tratadas de xeito inhumano, violento e inxusto. Oremos. 


  • Polas persoas que dirixen as nacións e polas que teñen responsabilidades sociais, políticas, económicas ou relixiosas, para que nunca esquezan que sempre han estar en facer máis xusta e fraterna a vida das persoas. Oremos. 


  • Polas persoas que non teñen traballo, polas que están enfermas, polas que non poden acceder á educación, polas que non teñen fogar, polas que nunca ninguén é capaz de poñer nelas o seu corazón. Oremos.


Acompaña, Señor, esta oración que hoxe compartimos e que nos fai toma conciencia que máis alá dos noso problemas e dificultades, hai persoas que nos precisan. Por Cristo o noso Señor. Amén.


Recendo de gratuidade

A opción preferencial polos pobres de Xesús ten o seu punto de partida no Sermón do Monte, con esa fermosa proclama das Benaventuranzas, un canto á vida que está presente “no amor recíproco que nos fai levar as cargas dos outros para que ninguén quede abandonado ou excluído.

Quen non se sentiu abrumado pola tristeza, a impotencia ou a dor? E cando puidemos compartilo con alguén temos sentido alivio, liberación e descanso. Desde esta experiencia íntima e persoal cada membro da comunidade pode entrar nunha nova dinámica de encontro e entendemento, capaz de xerar vida para as outras persoas.

A mensaxe de Xesús, a súa vida e as súas obras, móstranos o camiño para discernir cal é a pobreza que libera e cal a que escraviza e rouba a vida.

A pobreza que mata fainos vivir na escravitude do lucro e da posesión, afástanos da compaixón fronte á que sofre, e favorece a lóxica de descartar á xente que pensamos que non ten nada que ofrecer.

Porén, a pobreza que libera é a que alixeira o noso ritmo e nos mostra que a sinxeleza e a sobriedade xeran vida e abundancia para quen menos ten. (https://www.conferenciaepiscopal.es/wp-content/uploads/2022/10/Xornada-Mundial-dos-lPobres-2022 )

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...