POR QUE NOS PERDEMOS NAS TEORÍAS CANDO A RESPOSTA ESTÁ NA VIDA, NO QUE FACEMOS?
Sinal de Advento.- Incorporamos unha nova bóla á árbore da vida. Desta volta: Iguais na diversidade
CANTO GOZOSO
o ENTRADA: Volve Señor (Nº 90)
o LECTURAS: Que ledicia miña (Nº 4)
o OFERTORIO: Velaquí, Señor, o viño (Nº 37)
o COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)
Escoita activa
Alegría e paciencia son dúas palabras que en principio parecen contrarias, e sen ter nada en común. Porén, nas lecturas de hoxe estas dúas palabras son o eixe desde o que Deus nos quere transmitir que a fe non é especulación nin faladoiro memorístico, senón unha maneira de vivir, de facer as cousas, de comportarnos, de tratarnos unhas persoas ás outras. Só así se fai crible neste noso mundo no que perdemos moito tempo en especular sobre cousas, e non o aproveitamos para vivir e deixar vivir con igualdade e respecto.
E para que iso poida ser así, precisamos moita paciencia e capacidade para ver o que pasa e nos pasa con alegría.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque nos sobran palabras e nos faltan feitos. SEÑOR, QUE ABANDONEMOS OS DESERTOS DA NOSA VIDA.
Porque nos sobra tristura e nos falta esperanza. CRISTO, QUE ABANDONEMOS OS DESERTOS DA NOSA VIDA.
Porque nos sobra présa e nos falta acougo. SEÑOR, QUE ABANDONEMOS OS DESERTOS DA NOSA VIDA.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Que se alegren o deserto e maila terra reseca,
que brinque de ledicia a estepa e que floreza!
Que, coma a lis, floreza abundantemente,
que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano,
o esplendor do Carmelo e do Xarón.
Eles mesmos verán a gloria do Señor,
o esplendor do noso Deus.
Fortalecede as mans adormecidas,
e ponde firmes os xeonllos que tremen.
Dicídelles ós de corazón tímido:
"Collede ánimo, non temades.
Velaí o voso Deus.
Chega a vinganza, a recompensa de Deus.
Chega El mesmo, e salvaravos".
Entón abriranse os ollos dos cegos,
e os oídos dos xordos destaparanse.
Entón o coxo saltará coma un corzo
e a lingua do mudo cantará xubilosa.
e os rescatados do Señor volverán por ela,
entrarán en Sión con xúbilo,
felicidade eterna sobre as súas cabezas.
Conseguirán ledicia e felicidade,
pois o sufrimento e o pranto fuxirán.
SALMO RESP.- Ven, Señor, a salvarnos
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SANTIAGO
Tede paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará. Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xoán, oíndo falar na cadea das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a lle preguntar:
‑¿Es ti o que ten que vir ou esperamos a outro?
Respondeulles Xesús:
‑Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e ós pobres estáselles anunciando a Boa Nova. ¡E ditoso quen non se escandalice de min!
Non ben se foron eles, comezou Xesús a falar de Xoán á xente:
‑¿Que fostes ver ó deserto?: ¿unha cana abaneada polo vento?
Pois logo, ¿que fostes ver?: ¿un home vestido con roupas finas? Pero os que visten roupas finas están nos pazos dos reis. Pois logo, ¿a que saístes?: ¿a ver un profeta? Si, e abofé que moito máis ca un profeta. Este é de quen está escrito:
Olla, mando o meu mensaxeiro diante de ti,
para que prepare o teu camiño.
Tede por seguro que non naceu de muller ninguén meirande ca Xoán Batista, aínda que o máis pequeno no Reino dos Ceos é meirande ca el.
Ollos abertos e pés no chan
· O descoñecemento, a ausencia de mirada evanxélica, a memorización de frases, moitas veces sen entendelas, que falaban de Deus como un algo afastado, terrible, sen empatía nin capacidade de comprensión para quen cría nel foi pouco a pouco creando unha imaxe distorsionada do Deus no que cremos e cuxa fe confesamos cando rezamos o credo. E isto ocorre así porque non falamos de Deus desde a nosa experiencia persoal, senón desde unha aprendizaxe de fórmulas abstractas que nos obrigaron a aprender cando eramos crianzas. O catecismo cumpriu este misión durante moito tempo, o que nos foi levando a converternos en castinas de memorización, non de experiencia de fe. Cristiáns capaces de repetir de memoria cousas aprendidas cando eramos rapazada, pero que nunca fomos quen de convertelas en luz e vida para o noso actuar, para a maneira de ver, sentir e tratar as persoas e o mundo no quen todas nós vivimos.
· Hoxe, unha vez máis, a palabra de Deus volve desmontar esa falsa idea que temos de Deus e coa que fomos crecendo, e mesmo transmitíndolla aos máis novos, ao longo do anos. Si, porque, como nos dicía Isaías na primeira lectura, Deus é alegría, paciencia, esperanza, compromiso, cercanía, acollida... El invita a coller ánimo e a superar o temores, e iso só pode vir dun Deus amor que vive, crea, só e sempre, para o amor. Que mellor que este tempo de Advento para revisar se esta é a imaxe de Deus que vai alentando a nosa vida cada día. O que facemos, o que dicimos, o que compartimos. Na igualdade deste Deus que pon en nós a mesma dignidade, somos invitadas e invitados a camiñar sempre.
· E esta é a maneira coa que Xesús responde a aqueles que viñan, no nome de Xoán, preguntar quen era El. Non lle responde con unha grande prédica nin con ideas abstractas e sen aterrar na realidade; ao contrario. Xesús vaille mostrando como se van sentindo as persoas coas que El se vai atopando; as persoas que o buscan, que confían, que se entusiasman coa súa maneira de dicir as cousas e de tratalas. Deste xeito dálles a resposta que viñan buscando: só un Deus amor, que é capaz de facer ao seu Fillo un dos nosos, pode ter como eixe de todo o que El é á persoa e o respecto que toda persoa merece. Inda que non fose afín, das nosas, das que nos loan, das que nos santifican en vida.
Para orar en comunidade
Na confianza de sabernos persoas escoitadas por Deus, dicimos comunitariamente: QUE A TÚA MAN, SEÑOR, SEXA A NOSA MAN.
· Para que sexamos unha Igrexa ao estilo do Deus de Xesús: que escoite, que saiba acompañar, que sexa alegre e que se esforce en ser misericordiosa. Oremos. QUE A TÚA MAN, SEÑOR, SEXA A NOSA MAN.
· Para que nós sexamos verdadeiras testemuñas do estilo de Xesús no noso actuar cotián: persoas sinxelas, humildes, solidarias e con capacidades para compartir e repartir, Oremos. QUE A TÚA MAN, SEÑOR, SEXA A NOSA MAN .
· Para que este tempo de Advento sexa tempo de verdadeira conversión persoal, de xeito que nos faga mellores, menos egoístas e conscientes de que precisamos cambiar para mellor, Oremos. QUE A TÚA MAN, SEÑOR, SEXA A NOSA MAN .
Acougando no silencio do corazón
“Ao reflexionar sobre a historia das nosas relacións, non podemos deixar de estar tristes por disputas e violencias cometidas no nome da propia fe, e pídolle ao Señor que nos conceda a graza de recoñecernos todos pecadores e saber perdoarnos uns aos outros. Por iniciativa de Deus, que nunca se resigna ao pecado do ser humano, ábrense camiños novos para vivir a nosa fraternidade, e non podemos apartarnos disto. No nome da Igrexa católica pido perdón polas actitudes e os comportamentos non cristiáns, mesmo inhumanos, que na historia tivemos contra vós. No nome do Señor Xesucristo, perdoádenos!
( Francisco. 2015)
Comentarios