Ir al contenido principal

Santa Maria 203

NINGUNHA PERSOA PODE SALVARSE SOA

(LVI XORNADA MUNDIAL DA PAZ)

CANTO GOZOSO

o  Panxoliñas

 

ESCOITA ACTIVA

Gloria a Deus nas alturas e na terra, paz ás mulleres e aos homes que gozamos do seu amor!!!! Estas palabras sintetizan a mensaxe do tempo de Nadal que estamos celebrando. Si, porque hoxe xuntámonos en comunidade para comezar un novo ano. Un ano que sabemos que terá días bos, outros regulares e se cadra algún que outro con negros nubarróns. Pero tan certo como isto é que se acollemos a paz de Deus, esa paz que se manifesta desde a fraxilidade e a febleza dun neno, seremos capaces de camiñar na esperanza. Como María, a quen hoxe celebramos como nai da Luz.

No día no que celebramos a Xornada Mundial da Paz, xuntámonos en comunidade para renovar o noso compromiso vital de ser persoas portadoras de paz na nosa vida cotiá.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

*   Por deixarnos arrastrar no individualismo que seca o noso corazón, SEÑOR, QUE COMECEMOS DE NOVO.

*   Porque na nosa vida de cada día deixámonos levar da violencia e da agresividade; CRISTO, QUE COMECEMOS DE NOVO. 

*   Por renunciar a ter unha mirada de compaixón cara ás persoas e ao mundo; SEÑOR, QUE COMECEMOS DE NOVO.

PALABRA PROCLAMADA

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DOS NÚMEROS

O Señor faloulle a Moisés: 

-       "Dilles a Aharón e a seus fillos: desta maneira habedes de bendicir os fillos de Israel: Que o Señor te bendiga e te garde. Que o Señor faga brillar sobre ti o seu rostro e se compadeza de ti. Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. Eles invocarán así o meu nome en favor dos fillos de Israel e eu bendicireinos".

Palabra do Señor

Grazas a Deus

PROCLAMACION DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS GÁLATAS

Mais así que chegou a plenitude dos tempos, Deus mandounos o seu Fillo, nacido de muller e suxeito á Lei, para rescatar os que estabamos baixo a Lei e para que recibísemos a filiación. 

A proba de que sodes fillos del é que Deus mandou ós vosos corazóns o Espírito do seu Fillo que exclama ¡Abbá! (que quere dicir ¡meu Pai! ). Polo tanto, ti xa non es escravo, senón fillo. E, por seres fillo, tamén, grazas a Deus, es herdeiro.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

 

PROCLAMACION DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS

Os pastores foron a correr e atoparon a María e mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. O que o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal dicían os pastores. 

María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. 

Os pastores volveron, glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.

Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.

Palabra do Señor

Grazas a Deus

OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN

Probablemente un dos peores males que aflixen o mundo de hoxe sexa o do individualismo. Por iso Francisco, na súa mensaxe para esta Xornada Mundial da Paz, invítanos a construír futuro poñendo no centro a palabra XUNTAS E XUNTOS:

 ·      A pandemia que sacudiu ao mundo fixo aflorar moitas carencias. Transcorridos tres anos, chegou o momento de tomarnos un tempo para cuestionarnos, aprender, crecer e deixarnos transformar. Hoxe estamos chamados a preguntarnos: que aprendemos desta situación pandémica? Que novos camiños debemos emprender para liberarnos das cadeas dos nosos vellos hábitos, para estar mellor preparados, para atrevernos co novo? Que sinais de vida e esperanza podemos aproveitar para seguir adiante e tentar facer do noso mundo un lugar mellor?

·      Despois de palpar a fraxilidade que caracteriza a realidade humana e a nosa existencia persoal, podemos dicir que a maior lección que nos deixa en herdanza o COVID-19 é a conciencia de que todos nos necesitamos; de que o noso maior tesouro, aínda que tamén o máis fráxil, é a fraternidade humana, fundada na nosa filiación divina común, e de que ninguén pode salvarse só. Por tanto, é urxente que busquemos e promovamos xuntos os valores universais que trazan o camiño desta fraternidade humana. Tamén aprendemos que a fe depositada no progreso, a tecnoloxía e os efectos da globalización non só foi excesiva, senón que se converteu nunha intoxicación individualista e idolátrica, comprometendo a desexada garantía de xustiza, harmonía e paz. No noso acelerado mundo, moi a miúdo os problemas xeneralizados de desequilibrio, inxustiza, pobreza e marxinación alimentan o malestar e os conflitos, e xeran violencia e mesmo guerras. 

·      Desta experiencia xurdiu unha conciencia máis forte que convida a todos, pobos e nacións, a volver poñer a palabra “xuntos” no centro. En efecto, é xuntos, na fraternidade e a solidariedade, que podemos construír a paz, garantir a xustiza e superar os acontecementos máis dolorosos. Só a paz que nace do amor fraterno e desinteresado pode axudarnos a superar as crises persoais, sociais e mundiais.

·      E no momento en que nos atrevemos a esperar que o peor da noite da pandemia do COVID-19 pasara, un novo e terrible desastre abateuse sobre a humanidade. Fomos testemuñas do inicio doutro azoute: unha nova guerra, en parte comparable á do COVID-19, pero impulsada por decisións humanas reprobables. Certamente, esta non é a era post-COVID que esperabamos ou previamos. De feito, esta guerra, xunto cos demais conflitos en todo o planeta, representa unha derrota para a humanidade no seu conxunto e non só para as partes directamente implicadas. Aínda que se atopou unha vacina contra o COVID-19, aínda non se acharon solucións eficaces para poñer fin á guerra. En efecto, o virus da guerra é máis difícil de vencer que os que afectan o organismo, porque non procede do exterior, senón do interior do corazón humano.

·      Que se nos pide, entón, que fagamos? En primeiro lugar, deixarnos cambiar o corazón, permitir que Deus transforme os nosos criterios habituais de interpretación do mundo e da realidade a través deste momento histórico. Debemos concibirnos á luz do ben común, cun sentido comunitario, é dicir, como un “nós” aberto á fraternidade universal. Non podemos buscar só protexernos a nós mesmos; é hora de que todos nos comprometamos coa sanación da nosa sociedade e o noso planeta, creando as bases para un mundo máis xusto e pacífico, que se involucre con seriedade na procura dun ben que sexa verdadeiramente común. As diversas crises morais, sociais, políticas e económicas que padecemos están todas interconectadas, e o que consideramos como problemas autónomos son en realidade uno a causa ou consecuencia dos outros. Así pois, estamos chamados a afrontar os retos do noso mundo con responsabilidade e compaixón.

 

 

FRATERNIDADE ORANTE

Na festa de Santa María, e neste comezo de ano que nos volve falar outra vez de paz, sentímonos fondamente achegados uns aos outros para dicirlle a Deus:

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR

§  Por unha Igrexa misericordiosa, viva, aberta, solidaria e pacífica, que troque a indiferencia e o individualismo en tenrura e compaixón, OREMOS. 

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR

§  Por unhas comunidades cristiás que asentadas sobre a forza da paz e o camiño da misericordia, saiban ser testemuñas de encontro, perdón e tolerancia no medio dunha sociedade individualista; OREMOS.

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR

§  Por nós, para que escoitemos a chamada que hoxe se nos fai a afrontar os retos do noso mundo con responsabilidade e compaixón, OREMOS.

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR

§  Polos pobos que están en guerra; polas persoas que sofren as consecuencias desas guerras que se manifestan en diferentes formas: morte, fame, enfermidade, soedade, maltrato, desigualdade... OREMOS. 

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR

Señor, escoita as oracións que che vimos de presentar e todas aquelas que levamos dentro do noso corazón. Bendice as nosas vidas, e as das persoas que queremos ao longo deste ano que hoxe comezamos. P.X.N.S. Amén.

MIRADA ESPERANZADA

A Xesús presentámoslle os nosos desexos para o ano que empeza.

Que haxa pan e paz nas nosas casas.

Que vaia adiante a unión que nos libera.

Que solezan as persoas pobres desta terra.

Que a terra sexa fiel a tantas suores.

Que o mar coa súa xente se volva doce.

Que teñamos razóns para vivir cada amencer.

Que non morra a esperanza nas horas negras.

Que vexamos en cada noite a nosa estrela.

Que medre a amizade ás nosas portas.

Que a confianza abonde no noso trato.

Que morra a falsidade; pero que non morran os soños da xente que soña.

Que non se apague a vela das persoas que alumean.

Que non cansen da loita as loitadoras e os loitadores.

Que aproveitemos o don de cada día.

Que fagamos render os bens xa recibidos.

Que veña a túa man, Xesús, e nos bendiga. Amén.

                                    REGAL, M. “Un caxato…”

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...