É O NADAL NON ERAN LUCES DE LED, SENÓN ESPERANZA CRISTIÁ
CANTO GOZOSO
· Panxoliñas
ESCOITA ACTIVA
Hoxe, que tanto se fala de luces, e tan pouco da Luz que viu ao mundo para traernos esperanza e paz, as persoas cristiás reunímonos sentindo a ledicia de que a Luz, esa Luz, Luz con maiúscula, xa está aquí. Chegou. E viu para quedar con nós.
Foi o Advento tempo para prepararlle o berce do noso corazón no que poder quedar? Se así foi, seguro que xa estará quentiño nesta mañá de decembro sentindo a calor do noso corazón e a tenrura da comunidade na que nos reunimos para compartir a ledicia de que a súa é unha luz que non se desmonta despois da chegada dos Reis, senón que é Luz que compartirá con nós vida, ledicias e máis tristuras.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Eu son César Augusto, o emperador. Mandei empadroar a todo o mundo do meu imperio. Precisaba un censo máis actualizado para poder cobrar os impostos. Non me deteñen as inxustizas que poida cometer. Temos que ser eficaces. Vivo só polos cartos. Son o que quere mercalo todo. Son o que envexa o que teñen as outras persoas. Son o que quere ter máis a conta da xente. SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS Á LUZ DA TÚA ESPERANZA.
· Eu son dos pousadeiros de Belén. Unha noite viu pedir pousada unha parella cansa e sen folgos. Non eran realmente especiais. Eran uns de tantos. So acepto aos meus, os outros non teñen cabida na miña vida. Non acollo a quen é diferente, a quen pensa distinto a min. Xulgo polas aparencias. Son dos que lle fago caso aos contos sobre as outras persoas. CRISTO, QUE CAMIÑEMOS Á LUZ DA TÚA ESPERANZA.
· Eu son o Rei Herodes, o grande, o supremo. E reino cheo de esplendor no meu territorio. Non podo aceptar que un neno pequerrecho poida poñer en perigo o meu poder e a miña autoridade. Son o poder que asoballa e mata. Non podo soportar ao meu lado ao pequeno e ao débil. Son a codicia, a única luz que pode brillar é a miña. Son o verdadeiro rei, o único. SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS Á LUZ DA TÚA ESPERANZA.
PALABRA PROCLAMADA
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
¡Que fermosos son sobre os montes
os pés do mensaxeiro de boas novas,
que anuncia a fartura,
que proclama a felicidade,
que pregoa a salvación,
que di:
Sión, o teu Deus reina!
¡Un grito! Os teus vixías levantan a voz, berran xubilosos a un tempo:
“Tódolos ollos contemplarán a volta do Señor a Sión”.
Berrade a coro con xúbilo, ruínas de Xerusalén,
que o Señor consolou o seu pobo, redimiu Xerusalén.
O Señor remangou o seu brazo santo ós ollos de tódolos pobos,
e tódolos confíns da terra viron a salvación do noso Deus. Palabra do Señor.
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA ÓS HEBREOS
En moitas ocasións e de moitos xeitos veulles falando Deus en tempos pasados ós nosos devanceiros por medio dos profetas. Agora, neste período definitivo, falounos por medio dun que lle é Fillo, a quen fixo herdeiro de todo, pois xa creara por medio del o mundo e as idades. El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser, El sostén tódalas cousas coa súa poderosa palabra e, despois de realiza-la purificación dos pecados, sentouse á destra da Maxestade nas alturas, facéndose tanto máis poderoso cós anxos, canto que herdou un título máis valioso có deles.
Porque ¿a cal dos anxos lle dixo algunha vez: “Ti e-lo meu fillo, hoxe enxendreite eu”; ou tamén: “Eu serei para El un pai e El será para min un Fillo?”. E outra vez máis, cando fala de introduci-lo Fillo primoxénito no mundo celeste, di: “Adóreno tódolos anxos de Deus”.
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
No principio existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
e a Palabra era Deus.
Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo
nada do que foi feito.
Nela estaba a vida,
e a vida era a luz dos homes;
a luz aluma na tebra,
e a tebra non a deu apagado.
(A Palabra) era a verdadeira luz
que aluma a todo home
que vén a este mundo.
Ela estaba no mundo,
e o mundo foi feito por ela,
pero o mundo non a recoñeceu.
Veu á súa propiedade,
e os seus non a acolleron.
Pero a cantos a recibiron,
‑ós que cren no seu nome‑
déulle-lo poder
de seren fillos de Deus.
Estes, non naceron do sangue,
nin da vontade da carne,
senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne,
e plantou entre nós a súa tenda,
e nós vímo-la súa gloria,
gloria coma de Unixénito
que vén do Pai,
cheo de gracia e de verdade.
PALABRA REMOÍDA
· De fermosura fálannos o profeta Isaías na primeira lectura. Porque fermosa é a chegada da Luz a cada unha e cada un de nós neste día de Nadal. Unha fermosura que se fai visible no nacer humilde, escondido –que contrasentido co que nós facemos nós con El, ao volvernos tolos por publicitalo!- , un nacer que se abre máis alá do feito físico de vir ao mundo, para converterse nun nacemento que cambia as nosas raíces e inundando o mundo do reborde de sentido, plenitude e ledicia que supón que Deus se faga, porque quixo desde o amor a nós, un dos nosos. E que importante é facer as cousas só por amor!, que importante é facer as cousas sen que nos obriguen, ou porque temos adquirido un compromiso a cambio de non se que cousas! Hoxe é Nadal porque Deus nace en todas e todos cantos queiramos que así sexa. Ofrécese a todos e todas, pero só poderá quedar alí onde o seu sitio estea preparado. Porque nin todo vale, nin todas cousas son iguais. As persoas somos alguén que co nacemento de Xesús vémonos recoñecidas como imaxe e semellanza de Deus, o todo que nos dignifícaa e evita confundirnos cos demais seres creados. Deus nace para que no canto de desprezar queiramos; para que no canto de violentar, pacifiquemos; para que no canto de ignorarnos, nos recoñezamos. E que mellor facelo ao seu estilo, tamén esta mañá: ao partir o Pan.
· Por iso a palabra fíxose carne e quedou xa para sempre entre e con nós. Non na distancia ou as agachadas axexándonos cuns prismáticos, senón que se deixou ver para que ninguén poida dicir que non o sabía, que non se enterara, que ninguén llo dixera. El viu, quedou e foi chamando na porta de cada unha e cada un de nós. Fomos quen de abrirlle? Tiñámoslle o berce preparado? Deixámolo entrar sen desconfianza?... Deus vén, si, pero non sempre pode entrar porque moitas veces somos nós os que lle pechamos a porta. Non deixemos logo que a rutina, os costumes, o aburrimento, a tradición ou o superficial nos rouben esta boa nova que non podemos deixar de anunciar: Deus viu para quedar, non na luz da rúa, senón no berce do noso corazón. Loitemos contra a tentación de deixarnos aplanar polos que só entenden o Nadal en clave económica e de luminosidade externa!
PARA ORAR EN COMUNIDADE
No día no que a Luz fixo que nós puidésemos compartir o seu esplendor, dicimos:
GRAZAS, SEÑOR, POR SER LUZ QUE CAMBIA CORAZÓNS.
ü Para que a Igrexa sexa no mundo anunciadora da Luz de Xesús, e non a sombra que encobre intereses, imposicións, maltrato e abusos. Oremos.
ü Para que nas nosas comunidades non teñamos medo a nacer á Luz de Xesús. Luz que tende a man, Luz que escoita, Luz que acompaña. Oremos.
ü Para que nós non nos deixemos “deslumear” polas luces que esvaecen ao momento porque só traen falsa esperanza e efémera salvación. Oremos.
Señor, non deixes nunca de ser Luz que mostre o camiño que nos fai persoas ledas, esperanzadas e capaces de descubrirte no ben que facemos, e que nos fan os demais. P. X.N.S. Amén.
ACOUGANDO NO SILENCIO DO CORAZÓN
O Nadal encerra un segredo que, desgraciadamente, escapa a moitos dos que nesas datas celebran «algo» sen saberen exactamente que. Non poden sospeitar que o Nadal ofrece a clave para descifrar o misterio último da nosa existencia.
Xeración tras xeración, os seres humanos gritaron angustiados as súas preguntas máis fondas. Por que temos que sufrir, se desde o máis íntimo do noso ser todo nos chama á felicidade? Por que tanta frustración? Por que a morte, se nacemos para a vida? Os homes preguntaban. E preguntaban a Deus, pois, dalgún xeito, cando buscamos o sentido último do noso ser estamos apuntando cara a el. Pero Deus gardaba un silencio impenetrábel.
No Nadal, Deus falou. Temos xa a súa resposta. Non nos falou para dicirnos palabras fermosas sobre o sufrimento. Deus non ofrece palabras. «A Palabra de Deus fíxose carne». É dicir, máis que darnos explicacións, Deus quixo sufrir na nosa propia carne os nosos interrogantes, sufrimentos e impotencia.
Deus non dá explicacións sobre o sufrimento, senón que sofre connosco. Non responde ao porqué de tanta dor e humillación, senón que el mesmo se humilla. Non responde con palabras ao misterio da nosa existencia, senón que nace para vivir el mesmo a nosa aventura humana.
Xa non estamos perdidos na nosa inmensa soidade. Non estamos mergullados en pura tebra. El está connosco. Hai unha luz. «Xa non somos solitarios, senón solidarios» (Leonardo Boff). Deus comparte a nosa existencia.
Isto cámbiao todo. Deus mesmo entrou na nosa vida. É posible vivir con esperanza. Deus comparte a nosa vida, e con el podemos camiñar cara á salvación. Por iso o Nadal é sempre para os crentes unha chamada a renacer. Unha invitación a reavivarmos a alegría, a esperanza, a solidariedade, a fraternidade e a confianza total no Pai.
Recordemos as palabras do poeta Angelus Silesius: «Aínda que Cristo naza mil veces en Belén, mentres non naza no teu corazón estarás perdido para o máis aló: nacerías en balde».
José Antonio Pagola ( traduciu: Xaquín Campo Freire)
Comentarios