Ir al contenido principal

4 advento 2022

Sinal de Advento.- Incorporamos unha nova bóla á árbore da vida. Desta volta: Coidar e curar.

 

Canto gozoso

 

Entrada.- Volve Señor ( 90 )

Lecturas.-  Camiñarei na presenza do Señor ( )

Ofertorio.-    Ti é-lo pan do ceo (Nº 54)

Comuñón.-  Déixate querer   (Nº 61)

 

Escoita activa

       Enfilando xa o tramo final do tempo de Advento, volvemos reunirnos como comunidade para compartir e celebrar que o amor de Deus achégase a nós por medio da encarnación do seu Fillo Xesús. El, facéndose un dos nosos, asume a nosa condición humana para estar ao noso carón, para ser o compañeiro na viaxe da vida, para tendernos a man que nos coida e nos cura.

       Comecemos entón a celebración comunitaria deste cuarto domingo de Advento, dispoñéndonos a participar deste encontro gozoso e festivo.

 

Corazón misericordioso

 

·      Por tódalas veces nas que non coidamos de quen nos precisa. SEÑOR, CÓIDANOS E CÚRANOS.

·      Por tódalas veces nas que non temos coidado de nós. CRISTO, CÓIDANOS E CÚRANOS.

·      Por tódalas veces nas que endurecemos o corazón pola nosa falta de amor a quen temos ao lado. SEÑOR, CÓIDANOS E CÚRANOS.

 

Palabra proclamada

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS

 

O Señor volveulle falar a Acaz nestes termos:

"Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas".

Respondeu Acaz:

"Non o pido, pois non quero poñer a proba ó Señor".

Entón dixo Isaías:

"Escoitade vós, casa de David: ¿Non vos é pouco domina-los homes, que aínda queredes domina-lo meu Deus? Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Deus-connosco

 

 

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

 

Paulo, escravo de Cristo Xesús, chamado para ser apóstolo, escollido para o Evanxeo de Deus,que El prometera antes por medio dos seus profetas nas Escrituras santas, e que trata do seu Fillo Xesús Cristo o noso Señor, que como home naceu da semente de David, pero que polo Espírito santificador foi constituído Fillo de Deus con pleno poder ó ser resucitado dos mortos.

Por medio del recibímo-lo don de ser apóstolos, para promovermos entre tódolos pobos xentís a obediencia da fe, en honor do seu nome. Entre eles tamén vos contades vós, chamados por Xesús Cristo. A tódolos predilectos de Deus, que estades en Roma, chamados a serdes santos, deséxovos gracia e paz de parte de Deus noso Pai e do Señor Xesús Cristo.

 

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

 

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a queren-do aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle:

‑Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de tódolos seus pecados.

Todo isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:

Mirade: a virxe concibira e dará a luz un fillo,

e poñeranlle de nome Emmanuel

(que quere dicir "Deus connosco").

Acordou Xosé do seu soño, e fixo tal como lle mandara o anxo do Señor, levando consigo a súa prometida.

 

Palabra remoída

 

·      Xorde con forza na palabra que temos escoitado hoxe, o mozo de María. E faino porque nel descubrimos un home bo e xeneroso. Un home que non se aspaventa nin foxe, senón que escoita e coida. Podemos dicir que el foi o home da confianza, da paciencia e do coidado. Tres actitudes que irá poñendo en práctica ao longo da súa vida. Co seu actuar Xosé vai rompendo estereotipas machistas que non prestaban atención nin daban importancia á muller. Porén, el escoita, non da as costas nin pensa só nel. Ao contrario: é capaz de ponse no sitio de María. Practica con ela a empatía da complementariedade, dando lugar ao comezo dun proxecto de amor asentado na igualdade e na confianza. Por iso, Xosé, como antes o foron Xoán e mais María, é o terceiro protagonista do Advento. Un protagonista, aparentemente secundario, pero que vai marcando pautas de comportamento e relación entre el e a súa moza. Non a deixa tirada, non se deixa levar da presión do contexto social, non pecha os seus oídos á voz de Deus. El tamén entra no misterio do proxecto de amor que fixo posible o Nadal.

 

·      Actuando ao estilo de Acaz, como escoitabamos na primeira lectura, Xosé non lle quere botar un pulso a Deus pedíndolle algo a cambio. Non. Xosé presta atención e fai posible que o seu soño se converta en realidade, o que o leva a comprometerse en todo canto supuña acompañar a María, permanecendo ao seu lado, inda que quizais non acababa de comprender moito aquilo que estaba a soñar, no camiño de fidelidade a Deus. E contra o que poida parecer, Xosé convértese en referente tamén en elixido de Deus. Que importantes son hoxe tantos Xosés que tamén, sen deixarse levar de prexuízos nin modas, queren seguir vivindo a fidelidade a Deus desde o compartir proxecto de amor no respecto, na mesma dignidade e no querer camiñar en común coas súas mulleres!

 

·      No coidar e curar da palabra que neste cuarto domingo de Advento temos escoitado, todas e todos nós, recibimos tamén, coma Xosé, a chamada de Deus a camiñar sen recuar, a non ter medo ante as dificultades, a confiar a pesares das dúbidas, a dicir si a Deus con alegría e sabendo que, pese á dureza do camiño, tamén El vai estar sempre ao noso lado para curar e coidar de nós. Agardemos logo ao Neno Deus coa actitude que o agardou Xosé, facendo do tempo de Nadal unha experiencia cristiá da presenza de Deus entre nós.

 

 

Para orar en comunidade

       Comunitariamente rezamos ao Deus que nos envía a Xesús, dicindo: SEÑOR, GRAZAS POLAS CURAS E COIDADOS DO CORAZÓN.

·      Para que na Igrexa nos esforcemos por coidar e curar a quen pete na nosa porta, OREMOS. SEÑOR, GRAZAS POLAS CURAS E COIDADOS DO CORAZÓN.

·      Para que vaiamos construíndo parroquias nas que poñamos en práctica a solidariedades do curar e coidar. Oremos. SEÑOR, GRAZAS POLAS CURAS E COIDADOS DO CORAZÓN.

·      Por nós, para que nunca neguemos man, tempo, escoita e compaña á persoa que precise coidados que poidan curar os seus desacougos. Oremos. SEÑOR, GRAZAS POLAS CURAS E COIDADOS DO CORAZÓN.

Grazas, Señor, por lembrarnos que só coidando e curando, podemos vivir con esperanza cristiá a chegada do teu Fillo. El que vive e reina por sempre eternamente. AMÉN.

Acougando no silencio do corazón

As actitudes humanas, moitas veces, son verdadeiros contrastes coa actitude de Deus no medio de nós. O Señor é quen salva, o que libera e trae a quen está afastado, quen está lonxe e discriminado, marxinado e sufrindo; quen está a pasar por situacións complicadas e difíciles, que van apartando tempo ás persoas da alegría, a paz e a esperanza. Deus é quen nos volve á vida, para que esta se viva en abundancia e plenitude.

       Poñamos, na oración de hoxe, nos nosos corazóns a tantas persoas que sofren no mundo. Tantas persoas para as que o Nadal non será tempo de paz senón de  dor e tristura. Que desde a nosa oración esperanzada, nos abramos á solidariedade que compartimos en Xesús.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...